Cando se coida quen coida? O 'patio de veciñas' d'A Morada como lugar de encontro

As tres fundadoras da cooperativa A Morada en Vigo, un espazo feminista para coidar a quen coida © A Morada

María José Gayoso, Fedra Alcaraz e Ana Martínez fundaron a cooperativa A Morada no barrio da Hispanidade de Vigo para "colectivizar os coidados" e que as mulleres que coidan (pero non só) teñan "un espazo para elas soas" sen "sentirse culpables" por "dedicarse tempo a si mesmas"

María José (Majo) Gayoso tiña un soño, ter un espazo no que compartir ou no que simplemente estar para quen se encarga de coidar a outros, xa sexan nais ou pais maiores ou enfermos, como era o seu caso, ou crianzas. “Miña nai tiña Alzhéimer e dáste conta do soa que quedas cando coidas de persoas dependentes. Se non tes unha rede, como eu tiña a sorte de ter, pois realmente estás moi soa. E pensaba no ben que estaría ter un sitio no que compartir inquedanzas, no que aprender a coidar e colectividade”, conta.

Este foi o xermolo da cooperativa A Morada, que fundou a comezos de ano xunto a Fedra Alcaraz e Ana Martínez no barrio da Hispanidade de Vigo. Majo e Fedra son amigas de toda a vida, foron xuntas ao instituto en Vigo, e Fedra coñeceu a Ana traballando na Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (Apamp). “Montamos isto para ter un espazo no que desenvolver os nosos proxectos persoais pero tamén colectivizar os coidados, facilitando un espazo de encontro para mulleres. Nós, que traballamos tanto tempo con mulleres con diversidade funcional, tamén queriamos continuar este proxecto aquí”, explica Fedra.

Un serán no exterior do espazo d'A Morada na zona da Hispanidade © A Morada

Ampliaron o concepto inicial, pois non queren que A Morada sexa un espazo só necesariamente para persoas que coidan, levan todo o ano construíndo un lugar que sexa un punto de encontro aberto a quen queira compartir o seu tempo. Un verdadeiro 'patio de veciñas', un espazo feminista mixto. “Hai unha necesidade inicial de preguntarnos que pasa cos coidados, por que recaen sempre nas mesmas persoas, que somos as mulleres, e que ademais é algo que está moi individualizado: cada un na súa casa. Pero agora A Morada é moito máis ca iso, á parte de atender esta realidade queremos que dea resposta a moitas necesidades das mulleres”, apunta Fedra.

Unha cuestión que as sorprendeu neste tempo é que “a xente que coida non necesariamente quere vir coa súa persoa dependente, realmente precisan un espazo para elas soas”. Majo sinala que isto sucede sobre todo coas crianzas, pois ofrecen a posibilidade de que as nais (ou pais) vaian realizar unha actividade ou participar nun obradoiro e, mentres, deixan con elas aos fillos e fillas. A Morada quere axudar ás mulleres a ter ese tempo para elas mesmas que moitas veces lles falta. “Veñen moitas mulleres que rebentan cos seus problemas pero queren vir rebentar soas”, di Majo. “Pero sen sentirse culpables por facelo, para poder dedicarse tempo a si mesmas e poder compartir que están fartas; algo que na sociedade non se nos permite: A Morada é un espazo no que te podes queixar, gozar e rir coas outras”, engade Fedra.

De esquerda a dereita, Ana Martínez, María José Gayoso e Fedra Alcaraz © A Morada

"A xente chega sentindo que aquí pode atopar un espazo de seguridade onde se acolle a toda a diversidade de persoas que están na sociedade"

A esta altura, a clientela é moi diversa, mais ten algo en común: “a xente chega sentindo que aquí pode atopar un espazo de seguridade, amigo, onde se acolle a toda a diversidade de persoas que están na sociedade”. “Pode chegar xente que vén para un obradoiro de ioga, queda tomar un café e acaba interactuando con outras persoas, e logo volve para facer outras cousas”, indica Fedra. 

Programan actividades culturais e de ocio cada mes, organizan obradoiros creativos e que fomentan a actividade física, ioga, teñen talleres de danza, baile galego ou teatro e tamén fan formación en igualdade e sexualidade, ademais de asesoramento sobre recursos de atención ás mulleres e acompañamento. Contan cunha pequena biblioteca feminista e cun espazo de exposición artístico. Ao espazo común de encontro chámanlle a Baiuca, nel uniron forzas coa iniciativa Outro Conto, que xestiona a cociña e prepara menús saudables e veganos. E acollen a gravación en directo do podcast Histérikas Histórikas, que presenta Priscila Retamozo

Organizan obradoiros creativos, ioga, talleres de danza, baile galego ou teatro e fan formación en igualdade e sexualidade. Contan cunha biblioteca feminista e colaboran con Outro Conto para ofrecer menús saudables

Proxectos como A Morada son necesarios tamén na loita contra as violencias machistas. Ana e Fedra participan no libro Cómplices. A violencia machista institucional, coordinado pola socióloga Iria Vázquez Silva e editado por Galaxia, cun capítulo no que narran a súa experiencia co grupo de mulleres con diversidade funcional "As bandidas". Desde setembro traballan con grupos de mulleres con diversidade funcional con exercicios colectivos para recoñecer e identificar os estereotipos de xénero e as desigualdades que supoñen ou para comprender como se crean as diferenzas de xénero nos procesos de socialización.

A cooperativa finánciase a través dos obradoiros, da Baiuca e, principalmente, das cotas das “matrocinadoras”, que van dos 5 aos 20 euros ao mes, e xa son 127. Ademais, teñen unha figura de “veciña viaxeira” para quen quere colaborar pero non pode asistir en persoa, coa que financian a participación nas actividades de quen non pode asumir eses cartos. Tamén están presentándose a axudas públicas para determinados proxectos, co obxectivo de seguir medrando pouco a pouco. De momento, as tres socias están moi satisfeitas por lograr que o espazo estea vivo a diario e unha programación de accións mensuais moi diversa que é ben recibida.

N’A Morada os coidados son un feito político, aquí non hai teoría, só práctica. Ao principio custoulles explicar que non é un centro de día, que o foco está nas persoas que coidan (ou que non coidan). “É algo polo que loitamos, pasamos unha época mala na que queriamos chegar a todo e non podiamos. O de levar os coidados con nós mesmas doutra maneira, levando a cabo o que pensamos que é o miolo do coidado, que empeza por unha mesma, é algo que transcendeu. É unha aprendizaxe para todas as persoas que recalan por aquí”, argumenta Majo.

Fican "decepcionadas porque é evidente que os coidados son algo esencial na sociedade" e non ven cambios no sistema político e económico 

Desde que pasou o peor da pandemia da COVID-19, como sociedade hai unha maior conciencia do que supoñen os coidados. Colocalos no centro do debate é un obxectivo aínda pendente. E isto tamén un dos motivos que animou ás tres socias a moverse e pór en marcha a cooperativa. Fedra recoñece que fican “decepcionadas porque é evidente que os coidados son algo esencial na sociedade” e non ven cambios no sistema político e económico porque “as profesión ligadas aos seguen estando precarizadas e feminizadas” e “moitas mulleres saen peor da pandemia por ese regreso obrigado ao fogar”.

“A Morada, dalgunha forma, é unha reacción a todo isto. Non pode ser que as mulleres sigamos levando a peor parte, o proxecto ten unha parte de acompañamento pero tamén outra política porque temos que xuntarnos, tomar conciencia e chegar onde ás veces non chega o feminismo, a esas mulleres –como as que teñen diversidade funcional– ás que non lles chega o feminismo. Para que o mundo cambie é fundamental que esteamos todas e poidamos medrar conxuntamente”, asegura Fedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.