O sindicato reclama unha "resposta áxil" da Inspección de servizos sanitarios da Consellería e critica que "a pesar de persistir o problema" e "sen atopar o foco", o hospital "retomou a programación cirúrxica con total normalidade"
A CIG-Saúde rexistrou unha denuncia ante a Inspección de servizos sanitarios da Consellería de Sanidade advertindo dunha praga de insectos na zona de quirófanos e esterilización do Hospital QuirónSalud da Coruña. "Feitos de gravidade que poden afectar á saúde das persoas", afirman na denuncia, á que tivo acceso Praza.gal.
"Tense coñecemento de que, desde comezos de xaneiro de 2026, o centro rexistrou incidencias relacionadas coa presenza de moscóns no interior dos quirófanos da área cirúrxica e na área de esterilización", describe o sindicato no seu escrito.
Isabel Golpe, secretaria da CIG-Saúde da Coruña, explica a Praza.gal que os quiófanos do hospital de Quirón permaneceron só un día pechados, mentres se procedeu á fumigación da zona, onde a empresa contratada para o control de pragas por parte de Quirón levou a cabo unha investigación "sinalando como primeiro indicio que os moscóns poderían proceder da presenza de cadáveres animais". Nese día os técnicos non lograron localizar o foco, mais si constataron "a presenza de roedores nas instalacións". "Ao día seguinte da fumigación os quirofanos xa estaban funcionando", salienta Golpe.
"Ao día seguinte da fumigación os quirofanos xa estaban funcionando", salienta a secretaria da CIG-Saúde da Coruña
A central sindical reclama unha "resposta áxil" da Inspección ao tratarse dunha "alerta sanitaria" en zonas do hospital que teñen que permanecer "estériles". Trátase dun centro privado, que ademais atende a pacientes do Sergas que son derivados alí para cirurxías.
"Cuestionamos a efectividade das medidas adoptadas, xa que temos constancia de que a presenza de moscóns continúa a día de hoxe, malia terse restaurado completamente a actividade cirúrxica", aseveran na súa denuncia dirixida á Inspección de servizos sanitarios.
"A pesar de persistir o problema e de que varias empresas especializadas no tratamento de pragas visitaron nos días posteriores o centro sen atopar o foco do problema nin darlle solución efectiva, o hospital retomou a programación cirúrxica con total normalidade sen ter en contra os prexuízos que a falta de esterilización pode causar nas e nos pacientes", inciden dende a CIG-Saúde, que fixo pública a denuncia este luns.
"Como non dan controlado a praga, Quirón prefire pór en risco as persoas antes que perder cartos", asevera o secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña
Ernesto López, secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña, advirte que este problema sanitario vénse arrastrando dende hai máis dun mes, sen que até agora se lograse resolver. De feito –relata– ante a persistencia das moscas e moscóns, "a solución foi colocar trampas luminescentes nas zonas de quirófano e esterilización, sen garantir as condicións de control ambiental". "Como non dan controlado a praga, Quirón prefire pór en risco as persoas antes que perder cartos", asevera.
Hai poucas semanas que a CIG-Saúde se concentrou diante do hospital Quirón da Coruña "contra a represión sindical" polo despedimento dun dos deus delegados neste centro, que era ademais o delegado de prevención. Dende o sindicato non descartan que as denuncias deste representante dos traballadores a respecto dos problemas detectados nos últimos meses teñan relación co seu despedimento.
"Esta empresa, que fai negocio a conta da saúde, leva anos perseguindo as delegadas e delegados da CIG –que ten a maioría no comité do Hospital QuirónSalud da Coruña– co obxectivo de silenciar e rematar con quen poida ser testemuña de calquera práctica que priorice o rendemento económico fronte á calidade asistencial", afirmaron nun comunicado o pasado 22 de xaneiro tras o despedimento deste delegado.