A patronal dos hospitais privados reclama 13 millóns á Xunta nos tribunais por seren intervidos ao inicio da pandemia

Hospital privado La Rosaleda, do grupo HM en Santiago, onde ten a súa sede Ahosgal © Ahosgal

Unha das primeiras ordes ditadas polo Goberno de España ao comezo do primeiro estado de alarma polo coronavirus, en marzo de 2020, foi poñer a sanidade privada "ás ordes" da pública para afrontar o primeiro embate da pandemia. As empresas propietarias destes centros amosáronse en diversas ocasións remisas coa xestión dunha medida que, no caso galego, vén de chegar ao Tribunal Superior de Xustiza, onde 10 dos 12 hospitais privados que naquela altura formaban parte da patronal galega do sector (Ahosgal) -non especifican cales- reclaman algo máis de 13 millóns de euros á Xunta.

Segundo fixo pública a propia asociación nun comunicado, estes integrantes da denominada Asociación de Hospitales de Galicia reclaman "indemnización individualizada" polos "danos e prexuízos causados" por aquela intervención "que os obrigou a estar á disposición" do Sergas. Naquelas semanas, láiase, tiveron que dispoñer de "medios persoais e técnicos ao completo" pero "non puideron desenvolver a súa actividade normal porque o Sergas os obrigou a suspender ou adiar actividade programada". Eses adiamentos producíranse tamén na sanidade pública.

Atención a pacientes coa COVID en Povisa, nunha imaxe divulgada pola empresa en novembro de 2020 © Ribera Salud

Afirma Ahosgal que estas empresas -actualmente dominadas polos grupos Ribera Salud, Quirón e HM- decidiron formular un recurso contencioso-administrativo contra a Consellería de Sanidade "despois de que o Servizo Galego de Saúde non respondese á reclamación administrativa presentada en marzo de 2021", un ano despois da intervención, para demandar "o abono dos danos causados pola posta á disposición durante o Estado de Alarma". Esa reclamación foi desestimada por silencio adminstrativo, o que a patronal dos hospitais privados considera "contrario a dereito".

Dez hospitais membros da asociación Ahosgal levan a Consellería de Sanidade ao contencioso-administrativo para reclamar indemnizacións por "danos e prexuízos" ao estaren á disposición da sanidade pública durante o primeiro Estado de Alarma pola COVID. A contía, din, foi calculada pola consultora KPMG

Segundo a entidade, as "contías dos danos causados" son a conclusión dun "informe de experto independente" encargado por Ahosgal á consultora KPMG, coa que o propio Goberno galego ten contratado diversos traballos, dende o controvertido informe para avalar a fusión de Caixanova con Caixa Galicia ata, máis recentemente, a procura de investidores para a -polo momento, frustrada- compra da fábrica de Vestas en Viveiro. Ese informe, din os hospitais privados, "concluíu que o prexuízo económico ascende a 13,3 millóns de euros" pola "paralización da actividade asistencial normal e ordinaria do 15 de marzo ao 21 de xuño de 2020" (en Galicia, o Estado de Alarma finalizara o 15 de xuño).

Manteñen as empresas que "para calcular a indemnización individual" a cada hospital, que non detallan, KPMG avaliou "o lucro cesante" -os cartos que deixaron de ingresar durante eses mess- e o "dano emerxente causado polas medidas". Neste sentido, aseguran que "os hospitais galegos de xestión privada apoiaron dende primeiro momento poñérense á disposición do sistema público" naquel momento, pero "a Administración sanitaria galega debe indemnizar ás empresas polo sacrificio patrimonial e os danos e prexuízos sufridos", entre os que especifican que tiveron vetado "acollerse a ERTE ou conceder vacacións" naquel período, láianse.

Obras na fachada do hospital Povisa, en Vigo en maio de 2021, tras ser mercado polo grupo Ribera Salud © Ribera Povisa

Neste contexto, Ahosgal asegura que o seus asociados levan á Xunta ante os tribunais polo que consideran unha "falta de vontade da Consellería de Sanidade para resolver" as súas demandas e despois de varias "peticións de diálogo". Tamén tras unha videoconferencia na que o pasado agosto, aseguran, o conselleiro Julio García Coesaña "se comprometeu a buscar unha solución", se ben tras esa conversa "non recibiron ningunha proposta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.