Os sindicatos acusan de "deslealdade" á sanidade privada por "pechar" no medio da crise e piden que os Gobernos interveñan

Hospital da Rosaleda, en Santiago © Google Maps

Este martes coñecíase, a través dunha exclusiva publicada por eldiario.es, que o grupo hospitalario privado HM (con 5 centros en Galicia) lles estaba a pedir ás súas traballadoras e traballadores que tomasen vacacións para aforrar custos no medio da crise do coronavirus. O Hospital da Rosaleda, en Santiago, propiedade do grupo, reaccionou a esta nova rexeitando que se produciran despedimentos no centro, porque "a realidade é que non se renovaron contratos temporais con persoal que non está en primeira liña de batalla" do coronavirus, afirmaban. Admitía ademais que "convidou" a "grupos de empregados" a "acollerse a diferentes opcións de reorganización laboral".

UGT e CIG pídenlle á Consellería que os obrigue a "manter as súas traballadoras e traballadores", poñendo os seus recursos materiais e humanos "a disposición do sistema sanitario público"

Nas últimas horas os sindicatos posicionáronse publicamente nesta cuestión, reclamando UGT que o Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade "adopten as medidas necesarias para evitar que se produzan recortes de persoal nos hospitais privados en Galicia". O sindicato reclama que nestes momentos de crise a sanidade privada "deixe de pensar en beneficios económicos e se poña ao dispor da cidadanía". UGT denuncia, ademais, "que non exista a coordinación necesaria entre o Ministerio de Sanidade e a Consellería Sanidade para xestionar dunha maneira efectiva todos os recursos sanitarios de Galicia". 

Fachada do hospital HM Modelo da Coruña © HM

Para a CIG a actitude de HM é “desleal e irresponsábel coas medidas excepcionais dirixidas a garantir a dispoñibilidade de centros e de  profesionais"

De igual xeito, a CIG denuncia a “deslealdade” da sanidade privada por pechar as súas instalacións en plena emerxencia sanitaria. A central nacionalista demanda da Consellaría que os obrigue a manter abertas as súas instalacións, "mantendo as súas traballadoras e traballadores e poñendo os seus recursos materiais e humanos a disposición do sistema sanitario público", aplicando as competencias que a administración posúe ao abeiro da declaración do estado de alarma para a intervención e coordinación de empresas privadas.

María Xosé Abuín, secretaria de CIG-Saúde, lembra que estes centros hospitalarios da sanidade privada de Galicia "traballan durante todo o ano cunha importante carga asistencial derivada da sanidade publica". Por iso considera que o seu comportamento é “desleal e irresponsábel coas medidas excepcionais dirixidas a garantir a dispoñibilidade de centros e de  profesionais, para facer fronte á asistencia crecente derivada do coronavirus".

HM Rosaleda di que cumpre "escrupulosamente con todas as directivas, decretos e medidas aprobadas polos organismos e institucións competentes"

Nun comunicado de prensa, a dirección do Hospital HM Rosaleda destaca que "está traballando dende o mesmo día en que se decretou o Estado de Alarma para cumprir escrupulosamente con todas as directivas, decretos e medidas aprobadas polos organismos e institucións competentes". Nese senso, afirma que "a actividade do hospital está por debaixo do 25% dun día normal, polo que é necesario unha reorganización de todo o persoal non adscrito a servizos asistenciais" e que está "reforzando os servizos asistenciais relacionados coa atención da Covid-19, como é o de hospitalización".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.