Veñen sendo reiteradas as sentenzas do TSXG contra o Estado polas súa estrita interpretación da normativa en relación co domicilio das persoas solicitantes da axuda de subsistencia
Veñen sendo reiteradas as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que corrixen negativas da Seguridade Social a outorgar o Ingreso Mínimo Vital (IMV) a persoas que cumpren os requisitos para recibilo pero que o ven rexeitado co argumento de que o lugar no que viven non lles daría dereito a obter unha prestación. Nuns casos porque o Estado considera de xeito indebido que as persoas afectadas conviven ou non con outras persoas, noutros por erros do padrón municipal, e mesmo porque non cre que haxa persoas que vivan en habitacións de alugueiro sen contrato.
A normativa do Ingreso Mínimo Vital (IMV) fai fincapé nas condicións económicas de cada unidade de convivencia, por iso presta especial atención ao domicilio do solicitante e a cantas persoas residen nel. No caso agora sentenciado polo TSXG o solicitante do IMV viu rexeitada a súa petición porque "o domicilio que se fai constar na solicitude non coincide co certificado histórico colectivo de empadroamento". Pero o relato dos feitos que fai a sentenza é máis complexo e volve deixar en evidencia a actuación da Seguridade Social logo de que reiterados pronunciamentos xudiciais lle veñan dicindo que o padrón non é a única proba válida para determinar onde viven as persoas.
O tribunal considera "razoable" que o home, tras pasar a vivir nunha habitación, siga empregando o enderezo do albergue municipal pola súa "maior estabilidade para recibir notificacións"
O home, reflicte a sentenza, vivira no albergue municipal de Vigo e logo de trasladarse a "a vivir nunha habitación" solicitou o IMV indicando como enderezo o do albergue. A Seguridade Social pediu explicacións aos servizos sociais do Concello sobre diversas cuestións relacionadas co caso: "empadroamento en domicilio ficticio", "domicilio distinto ao do empadroamento", "prestación de servizo residencial de carácter temporal" ou "inexistencia de vínculos de parentesco cos que convive". Todas esas cuestións quedaron xustificadas polos servizos sociais como "perfectos coñecedores da situación do recorrente", segundo o TSXG, pero non bastaron á Seguridade Social.
A sentenza, pola contra, considera "unha conduta razoable que, a pesar deste cambio de domicilio, declarase na solicitude da prestación o anterior correspondente ao albergue municipal dada a maior estabilidade dese enderezo para a recepción de notificacións e, como se comproba coa lectura do contido do certificado emitido polos servizos sociais, o recorrente segue declarando ese domicilio a efectos de notificacións".
A vivenda como elemento de conflito no IMV
A finais do pasado ano Praza.gal desvelou varios casos de condenas da Seguridade Social por interpretar de xeito excesivamente restritivo a norma que establece que vivenda habitual non debe ser computada como patrimonio para ter dereito á prestación. Nun caso chegou a denegar a axuda a un home ao que computou como patrimonio excesivo o préstamo que recibiu por hipotecar a súa única vivenda.
Uns meses antes o TSXG tamén condenou a Seguridade Social por negar o IMV a un home que vivía nunha habitación alugada sen contrato. O tribunal dixo que a administración non podía pedirlle "un documento formalmente subscrito, que non se esixe na norma" co alugueiro do cuarto por 50 euros, que consideraba probado.