O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena a Xunta e mais a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CH Miño-Sil) polo dano causado a persoal interino ao abusar da súa contratación temporal.
O TSXG aplica a recente xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Supremo e condena as consellerías de Política Social e Facenda por dano moral a persoal “en situación de abuso durante máis de quince anos”
Segundo detalla o propio TSXG, os maxistrados aplican a recente xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e do Tribunal Supremo en dúas sentenzas nas que conclúen que existiu abuso de temporalidade por parte destas dúas administracións públicas ao contratar persoas interinas durante longos períodos de tempo. Ademais, acorda remitir testemuño das sentenzas á Inspección de Traballo e Seguridade Social para a iniciación dos procedementos sancionadores que correspondan.
Nunha das dúas sentenzas, o TSXG acolle o recurso presentado contra unha resolución emitida polo Xulgado do Social número 4 de Vigo e recoñece o pagamento dunha indemnización de 10.000 euros, por parte da Consellería de Política Social e Xuventude e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, por dano moral derivado de permanecer “en situación de abuso durante máis de quince anos”.
A Sala do Social, no outro ditame, tamén rexeita a indemnización extintiva porque non consta a extinción efectiva da relación laboral (houbo continuidade do vínculo mediante adquisición de praza fixa tras o proceso selectivo), pero recoñece o dereito a unha indemnización reparadora polo dano moral derivado do abuso por unha “relación temporal anormalmente longa”, desde marzo do 2002 ata outubro de 2024, coa CH Miño-Sil.
Polo tanto, o TSXG acolle en parte o recurso presentado contra a sentenza ditada en primeira instancia polo Xulgado do Social número 2 de Ourense e condena a parte demandada ao abono dos 10.000 euros que solicita no seu recurso por danos morais por abuso da temporalidade.
A Confederación Hidrográfica, dependente do Goberno de España, tamén é condenada por dano moral a un traballador tras unha "relación temporal anormalmente longa" como interino
En ambos os dous casos, o Superior galego rexeita as solicitudes de indemnización extintiva porque non consta extinción do contrato imputable ao empregador, pois ambas persoas traballadoras adquiriron finalmente a condición de funcionarias pola superación de procesos selectivos. Os maxistrados advirten nos dous fallos de que “o proceso selectivo convocado, polo que a parte demandante adquiriu a condición de persoal laboral fixo, non pode ser entendido como unha medida destinada a evitar a utilización abusiva da contratación temporal”.
Aínda que a Sala destaca que para cuantificar as indemnizacións aplica a Lei de infraccións e sancións na orde social (LISOS) como orientación, nas dúas sentenzas impón á Administración o pago de 10.000 euros, pois é a cantidade demandada polas persoas afectadas nos seus recursos. Así, explica que “a petición subsidiaria da propia parte ten que operar como límite para o acollemento do recurso e da demanda, en aplicación do principio de congruencia”.
Contía das indemnizacións
A Sala do Social entende que o importe de ata 10.000 euros (ou 7.500, dependendo da data dos feitos), que resulta da LISOS como importe mínimo polo abuso da temporalidade, ten a súa devindicación por cada período de tres anos no cal a persoa traballadora permaneza na situación de abuso da temporalidade. Deste xeito, especifica que se a persoa traballadora permanece en situación de abuso da temporalidade en sucesivos períodos de tres anos completos, “ten dereito a un novo importe mínimo de ata 10.000 euros por cada período de tres anos”. En calquera caso, especifica que ese importe mínimo “terá que graduarse segundo as circunstancias concorrentes”.
Os maxistrados tamén lembran que unha sentenza do Supremo do pasado 30 de xuño introduce un criterio adicional, posto que sinala que “a cuantificación da indemnización debe ter en conta a circunstancia de que o traballador xa gañou a condición de persoal laboral fixo e valorar que os danos morais poderían ser menores, unha vez que a persoa traballadora en abuso de temporalidade alcanzou finalmente a firmeza da relación laboral”.
As resolucións, aclara o tribunal, non son firmes, pois contra elas cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.