O TSXG condena novamente o Goberno galego por nin negociar peticións de conciliación do persoal, desta volta malia dúas solicitudes sucesivas dunha traballadora á que agora ten que indemnizar con mil euros polo dano que lle causou
O Estatuto dos Traballadores establece, no seu artigo 34.8, que estes teñen dereito a solicitar a adaptación da súa xornada laboral "para facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida familiar e laboral". Para iso o empregador "abrirá un proceso de negociación" que non pode durar máis de 15 días. Despois a empresa pode denegar a petición da persoa empregada, pero ten que motivalo e en todo caso tras unha negociación real. Porén, veñen sendo reiteradas as condenas á Xunta por negarse a sequera negociar esas peticións, especialmente en departamentos dependentes da Consellería de Política Social que debera velar precisamente pola conciliación.
Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública outra condena nun caso no que o Goberno galego non respondeu durante seis meses a unha petición reiterada de conciliación e só o fixo cando a afectada o demandou ante a xustiza. Perdeu o caso, recorreu, e agora o TSXG ratifica o dereito á conciliación da muller, que ademais deberá ser indemnizada con mil euros polo dano sufrido.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a muller, traballadora nun centro de día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, dependente da Consellería de Política Social, pediu en xullo de 2025 adaptación horaria para traballar de 8.30 a 15.30 horas xa que o seu fillo menor estaría no colexio, incluídos servizos de madrugadores e comedor, de 8.00 a 16.00 horas. A petición non tivo resposta, nin sequera cando a reiterou novamente en outubro.
Así que a muller tivo que presentar unha demanda ante a xustiza para que lle recoñecesen o seu dereito á conciliación. E "só tras a interposición da demanda", salienta o TSXG, a administración lle fixo en xaneiro deste ano unha contraproposta de adaptación horaria por quendas que non se axustaba ás necesidades da muller.
Un xulgado do Social de Pontevedra deu a razón en primeira instancia á muller, pero a Avogacía da Xunta recorreu ante o TSXG. E agora ese tribunal insiste en darlle a razón á muller.
Mentres a muller "si acreditou que a súa concreta situación fai preciso o horario solicitado", a administración non acreditou as súas "razóns organizativas que extemporaneamente opón"
O TSXG salienta que a administración non abriu o procedemento negociador esixido polo Estatuto dos Traballadores e que a resposta que lle deu á muller superou "amplamente o prazo previsto". Tamén sinala que, malia facer unha contraproposta de adaptación horaria argumentando que o pedido pola muller alteraría o funcionamento do centro de día, a administración non xustificou esa argumentación. Isto é, mentres a muller "si acreditou que a súa concreta situación fai preciso o horario solicitado", a administración non acreditou as súas "razóns organizativas que extemporaneamente opón".
Pero ademais de dar a razón á muller na súa petición de adaptación de horario por conciliación familiar, a xustiza tamén establece que ten dereito a unha indemnización de mil euros polos danos e prexuízos que sufriu durante os máis de cinco meses que a administración gardou silencio ante as súas peticións.