Idade, pobreza, xénero ou dependencia son vulnerabilidades, di a organización, que “non se superpoñen, senón que se tecen, dando lugar a condicións de vida especialmente difíciles”
Cruz Vermella elabora periodicamente os seus denominados boletíns de vulnerabilidade social, nos que analiza de xeito sistemático as características da poboación que require dos seus servizos. O último que agora vén de presentar pon o foco nas características da vulnerabilidade nas zonas despoboadas, para o que analiza unha ducia de comarcas de todo o Estado, entre elas a de Viana, atendida pola delegación da Cruz Vermella de Viana-Conso-Frieiras e seleccionada pola súa representatividade da despoboación en Galicia.
O estudo conclúe que en xeral todas as comarcas afectadas pola despoboación, a baixa densidade de poboación ou a emigración teñen un similar perfil de persoas afectadas pola vulnerabilidade: “as persoas maiores de 80 anos, as persoas mozas, as mulleres en situación de dificultade social, a poboación migrante, poboación xitana, persoas dependentes ou con algún tipo de discapacidade e homes sos con ou sen emprego”. Son, advirte Cruz Vermella, vulnerabilidades que “non se superpoñen, senón que se tecen, dando lugar a condicións de vida especialmente difíciles”.

O estudo analiza as carencias de servizos básicos existentes nas comarcas despoboadas e como afectan ás persoas en situación de vulnerabilidade, desde a educación (“o grupo maioritario de persoas que emigran é o dos mozos, normalmente a partir do momento en que acaban a educación obrigatoria”) a sanidade, os servizos sociais, o transporte, as telecomunicacións, a vivenda, a pobreza enerxética ou a exclusión financeira.
"Tiña unha cita médica ás cinco no Barco, marchei de Viana ás nove e cuarto e regresei ás seis no autobús. Tamén podes coller un taxi, pero filla, son cen euros!”, di Helga, unha usuaria de Cruz Vermella
O estudo está elaborado a partir das experiencias directas das persoas atendidas por Cruz Vermella en cada comarca, e ademais da súa sistematización recolle algunhas mesmo textualmente, como a de Helga, unha das usuarias dos seus servizos en Viana que pon o foco na situación do transporte e os servizos sanitarios: “O outro día tiña eu unha cita, unha radiografía do brazo e unha ecografía dos xeonllos. Marchei de Viana ás nove e cuarto, e tiña a cita ás cinco. Estiven no Barco, ata que regresei ás seis no autobús. Tamén podes coller un taxi, pero filla, son cen euros!”
O informe de Cruz Vermella emite tamén recomendacións para as distintas administracións. Ao Goberno de España reclámalle unha aposta decidida polo reequilibrio territorial, que elimine restricións financeiras que se impuxeron aos concellos tras a crise de hai unha década ou que adapte a Política Agrícola Común (PAC) ás necesidades destas zonas. Aos gobernos autonómicos demándalles que oferten servizos públicos “sen ter en conta o custo económico, é dicir, fundamentados na provisión de dereitos fundamentais, como o coidado na dependencia, a saúde, a educación, a vivenda e o traballo”. “Non se debe agardar a que se xere desenvolvemento económico para xerar servizos públicos”, dilles Cruz Vermella ás comunidades. E aos concellos recoméndalles que aposten pola comarcalización e posta en común dos servizos.