Mateo, Martín e Hugo para os nenos; e Sofía, Vega e Noa para as nenas. Estes foron o pasado ano os nomes máis escollidos para os e as bebés nacidas en Galicia
Mateo, Martín e Hugo para os nenos; e Sofía, Vega e Noa para as nenas. Estes foron o pasado ano os nomes máis escollidos para os e as bebés nacidas en Galicia. O IGE publicou este martes a estatística sobre os nomes dos neonatos e neonatas galegas correspondentes ao 2025, que non amosa grandes sorpresas entre os máis comúns, pois Mateo é dende o ano 2023 o nome máis repetido para os nenos galegos, o mesmo que Sofía dende o 2024.
De igual xeito, Martín aparece entre as tres escollas máis frecuentes dende o ano 2014 e Hugo non baixa do quinto lugar dende o 2002.
Con todo, iso non significa que cada ano aparezan na lista dos nomes máis comúns algunhas denominacións novidosas, que se popularizan rapidamente ou aos poucos. Do mesmo xeito que outros nomes que eran habituais hai unha década agora semellen case que esquecidos. No seguinte gráfico podes seguir a evolución dos 25 nomes de neno máis frecuentes cada ano en Galicia dende o 2000.
Pablo, Alejandro ou Daniel, o mesmo que María, Lucía, Laura ou Paula, encabezaban a lista nos primeiros anos do século XXI
Pódese observar como os Pablo, Alejandro ou Daniel, que ecabezaban a lista nos primeiros anos do século, deron paso a novas formas, que agora son máis populares. Tamén a outras, que gañan peso nos últimos anos, como Enzo, Luca, Gael ou Liam. O ano pasado xa analizamos nesta información como foran cambiando en Galicia os nomes máis frecuentes co paso das décadas.
Nos últimos anos están a gañar popularidade, ademais, algúns nomes que só existen en Galicia ou que cunha forma diferencial con respecto ao castelán (sen que isto signifique que María ou Manuel non son igual de galegos). É o caso de Roi, Antón, Xoel, Iago, Brais, Martiño, Aldán, Anxo, Xián ou Artai, no caso das nenas.
Nos últimos anos están a gañar popularidade, ademais, algúns nomes que só existen en Galicia ou que cunha forma diferencial con respecto ao castelán (sen que isto signifique que María ou Manuel non son igual de galegos)
Unha análise semellante pódese facer no caso dos nomes de nena. Algúns dominan as primeiras posicións dende hai anos, como Sofía e Noa, que hai máis dunha década que non abandonan algúns dos tres primeiros lugares. O mesmo que Martina, Olivia, Valeria, Lara ou Vega, que nos dous últimos anos se converteu no segundo nome máis frecuente en Galicia.
No seguinte gráfico pódese seguir a evolución dos nomes de nena máis comúns dende o ano 2000. Ao igual que no caso dos nenos, vemos tamén como hai denominacións que encabezaban a lista no comezo do século -como María, Lucía, Laura ou Paula- que hoxe son moito menos habituais.
Na lista dos nomes máis frecuentes aparecen tamén algunha novidades recentes, que están a gañar popularidade, como Alma, Lía, Valentina, Gala ou Chloe. E, igualmente, vemos tamén nomes que só existen en Galicia ou que cunha forma diferencial con respecto ao castelán, como Uxía, Mariña, Xiana, Lúa ou Erea.