A Policía Nacional informa da desarticulación dunha "rede criminal" dedicada á difusión de "imaxes íntimas" de mulleres a través de canles de mensaxería instantánea. Un total de once persoas foron detidas entre as cidades de Vigo, Santiago de Compostela, Avilés, Hospitalet de Llobregat, Zaragoza e Valencia, e outras foron investigadas.
Segundo a nota policial, o líder desta trama obtivo ilicitamente contido sensible de máis dun centenar de mulleres e dedicábase a distribuílo previa subscrición nunha canle de mensaxería instantánea. A investigación comezou grazas ao aviso recibido a través do enderezo electrónico redesabiertas@policia.es, no que se alertaba da difusión de material audiovisual de carácter íntimo de varias mulleres, sen o seu consentimento.

A investigación policial detectou que o líder da trama obtiña contido privado das vítimas mediante o acceso aos seus perfís privados en redes sociais, de onde o extraía sen autorización e vulnerando as normas da plataforma. Unha vez que dispoñía do material audiovisual, distribuíao sen o coñecemento nin consentimento das vítimas a través de canles de mensaxería instantánea creadas especificamente para a difusión destes contidos.
Hai once detidos, incluído o líder da trama, que obtivo ilicitamente contido sensible de máis dun centenar de mulleres e dedicábase a distribuílo previa subscrición nunha canle de mensaxería instantánea
O responsable desta rede criminal, que está entre os detidos, empregaba unha serie de colaboradores por toda a Península cos que intercambiaba material. Ademais, a Policía Nacional indica que contaba "cunha rede de 'mulas' que lle daban soporte financeiro". Esta rede recibía en contas bancarias propias os cartos procedente do delito para despois facerllo chegar ao líder da estrutura criminal.
No rexistro levado a cabo no domicilio do líder da trama os axentes requisaron un computador e tres terminais móbiles. Nestes dispositivos puideron localizar e descargar 568 cartafois que contiñan preto de 120.000 arquivos. Ata o momento hai 26 vítimas identificadas.