Detido o capitán dun pesqueiro galego acusado de escravizar mariñeiros senegaleses en augas arxentinas

O Loitador, na súa botadura no estaleiro coruñés Valiña en 1987, nunha imaxe do Rexistro Xeral da Frota Pesqueira do Goberno de España © Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

"Traballos esgotadores de ata 22 horas ao día, os sete días da semana, en condicións insalubres, sen vestimenta axeitada e escasa alimentación" cun "salario por baixo do mínimo establecido nos estándares internacionais". É o resumo das condicións laborais relatadas por un mariñeiro senegalés rescatado en xuño de 2017 "en estado de coma" dende un pesqueiro galego cando navegaba a 135 millas náuticas da costa de Puerto Deseado, na provincia arxentina de Santa Cruz.

A Fiscalía arxentina acusa o capitán dun presunto delito de "trata de persoas con fins de explotación laboral", agravado "por aproveitarse da situación de vulnerabilidade das vítimas" e "consumar a explotación"

É un dos detalles divulgados pola Fiscalía da Arxentina tras revelar a detención do capitán do barco, que como adiantou Faro de Vigo e puido comprobar Praza.gal en informes oficiais do Ministerio Público arxentino, se trata do Loitador, un arrastreiro conxelador propiedade da armadora Profesionales Pesqueros, S.A., con sede en Vigo que segundo informa o xornal vigués cualifica de "infundadas" as acusacións. O home, de 56 anos, foi detido o pasado 18 de decembro pola Policía española atendendo unha orde canalizada a través da Interpol polo Xulgado Federal de Caleta Olivia, na devandita provincia do país austral.

Rescate do mariñeiro a bordo do Loitador por salvamento marítimo da Arxentina en xuño de 2017 © Prefectura Naval Argentina

O obxectivo da detención, informa a propia Fiscalía de Caleta Olivia, é que o capitán -actualmente en liberdade- sexa extraditado para responder polo presunto delito de "trata de persoas con fins de explotación laboral, por acollemento e recepción, triplamente agravado, por aproveitarse da situación de vulnerabilidade das vítimas, consumar a explotación e a pluralidade de vítimas". A investigación botou a andar en xuño de 2017, cando o mariñeiro rescatado comezou a recuperarse e estivo en condicións de declarar.

A armadora do buque nega as acusacións da investigación, iniciada en 2017 tras o rescate "en estado de coma" dun dos mariñeiros, que relatou "traballos esgotadores de ata 22 horas ao día, os sete días da semana, en condicións insalubres"

Segundo as imputacións reveladas polas autoridades fiscais arxentinas, en febreiro de 2017 o capitán "aceptou e albergou" o mariñeiro senegalés, "entre cando menos tres máis de cuxa vulnerabilidade se abusou". "Foran contactados previamente a través da empresa armadora, que lles pagou a pasaxe en avión dende Senegal" ata Mauritania, de onde partía o buque. 

O obxectivo, acusan, era "explotalos, depositándolles unha suma de cartos inferior ao salario mínimo, cumprindo xornadas laborais de arredor de vinte e dúas horas diarias, de luns a luns, na área de fileteado do buque pesqueiro, sen descanso nin asistencia médica apropiado". Estas condicións, agregadas á "ausencia de condicións salubres de hixiene e alimentación axeitada" e mais de "lugar de descanso" ou "roupa pertinente", xeráronlle ao mariñeiro rescatado "un cadro de desnutrición, hipotermia e deshidratación" que derivou "no desembarco urxente" despois de "perder a visión", "esvaecer" e "non lembrar nada máis ata que o rescato o helicóptero".

O Loitador, durante o rescate do mariñeiro senegalés en 2017, nunha imaxe captada pola Prefectura Naval da Arxentina © Prefectura Naval Argentina

"A vítima chegou ao hospital en estado de coma" e "non orientado no tempo", condicións que levaron a médica que o atendeu a formular unha denuncia. Na súa alerta detallou que o mariñeiro relatou un cadro de "vómitos, diarrea, perda de apetito, dor no peito e estado de cansazo maior" dende dous días antes do desembarco". O seu diagnóstico consistiu nunha combinación de "hipotermia, deshidratación aguda" e "esgotamento psicofísico".

O Loitador recibiu cando menos unha axuda pública da Consellería do Mar en 2017 nunha convocatoria para "mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo en buques pesqueiros"

Foi neste punto no que interveu a Fiscalía, ante a que "o tripulante senegalés expresou que se dedicaba a ser mariño mercante e que traballaba para unha empresa situada na cidade de Vigo". Tamén relatou as duras condicións dende o momento en que embarcou e tivo que traballar "case tres días sen durmir", se ben non lle deron a asinar o contrato ata vinte e cinco días despois. Principiaron así tres meses de traballo que a investigación dá en definir como "forzoso".

O Loitador é un barco de case 40 anos de antigüidade. Foi construído nos estaleiros coruñeses Valiña en 1987 e ten 63 metros de eslora. Recibiu cando menos unha axuda pública da Consellería do Mar no mesmo ano 2017 dentro dunha acción cofinanciada con fondos europeos para "mellorar a hixiene, a saúde, a seguridade e as condicións de traballo en buques pesqueiros". A subvención concedida, de 77.577,50 euros, estaba dirixida a "desmontaxe da antiga habilitación e montaxe da nova no buque".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.