DomusVi convoca un "concurso de talentos" para o seu persoal

Imaxe do concurso de talentos convocado por DomusVi © DomusVi

'DomusVi Lovers' premiará con tarxetas regalo de 715 ou 350 euros “a calidade humana e a faceta artística” de catro dos seus 26.000 traballadores e traballadoras

DomusVi, o grupo empresarial de residencias privadas de maiores encabezado por Josefina Fernández, vén de lanzar un “concurso de talentos”, denominado DomusVi Lovers para premiar “a calidade humana e a faceta artística” de catro dos seus 26.000 traballadores e traballadoras. Segundo publicita a propia empresa, “con esta iniciativa a compañía aposta por recoñecer e dar visibilidade á calidade humana o talento e a creatividade dos profesionais que forman parte de DomusVi e que non deixaron de loitar e traballar coa vocación e o cariño que lles caracteriza, sobre todo durante estes meses tan difíciles de pandemia”.

Convocatoria do concurso 'DomusVi Lovers' © DomusVi

As persoas interesadas en participar terán que gravar un vídeo amosando o seu talento en “diferentes categorías como a música, o baile, a imitación, a cocina, o deporte ou a maxia, entre outras”. Segundo a empresa, o seu persoal tivo que “reinventarse durante o confinamento, revelar as súas dotes artísticas, elaborar novas terapias adaptadas á situación, crear novos vínculos coas familias, veciños e contorna”, polo que o concurso quere ser “un recoñecemento merecido a uns profesionais que souberon estar á altura das circunstancias”.

DomusVi vén de recorrer ante a xustiza a decisión da Xunta de facilitar a Praza.gal, en resposta a unha petición de transparencia, o detalle do número de mortes con COVID-19 en cada residencia de maiores de Galicia

Haberá un premio do público e outro do xurado, galardoados con tarxetas regalo por valor de 715 euros cada un, e dous segundos premios con tarxetas regalo por 350 euros cada un. A entrega de premios realizarase en novembro, no marco da gala dos VI Premios da Fundación DomusVi que recoñecen a medios de comunicación, centros educativos ou profesionais do sector.

A convocatoria dos premios ao “talento” do seu persoal chega despois de que DomusVi veña de recorrer ante a xustiza a decisión da Xunta de facilitar a Praza.gal, en resposta a unha petición de transparencia, o detalle do número de mortes con COVID-19 en cada residencia de maiores de Galicia. DomusVi oponse porque di que coñecer o detalle dos falecementos "pode derivar nun dano reputacional irreversible para a compañía".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.