Dúas mortes e medio cento de casos novos de coronavirus en Galicia entre datos dispares

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Un total de 54 novos casos de coronavirus confirmados a través de probas PCR en Galicia nas últimas vinte e catro horas, segundo os datos procesados polo Ministerio de Sanidade a partir da información fornecida polo Servizo Galego de Saúde. Un total de 45 novos casos, segundo a diferenza de casos acumulados nas cifras do propio Sergas nestas mesmas últimas vinte e catro horas ata chegar a 9.773 dende o inicio da pandemia. A cifra baixa a 8.902 na base de datos do Ministerio, que detalla as confirmacións vía PCR e non con probas de anticorpos.

O Ministerio de Sanidade reflicte 54 novos casos de coronavirus detectados en Galicia mediante probas PCR nas últimas 24 horas mentres o total acumulado de datos do Sergas aumenta en 45; as mudanzas no cómputo introducidas pola Xunta esta semana tornan os novos datos en incomparables cos rexistrados ata o pasado día 28

A incorporación masiva de 3.552 curacións dun golpe sen referencia temporal sobre cando se produciran, o pasado 29 de abril, e a introdución ao día seguinte de novos cambios no cómputo sen publicar unha serie estatística completa -publicación que a Consellería de Sanidade nunca realizou en toda a pandemia- deita un manto de confusión e opacidade sobre o conxunto das cifras que dificulta observar a tendencia da covid-19 no país. Agás no que atinxe ás cifras de falecementos. Ese número si cadra entre ambas fontes e indica que se rexistraron dúas mortes máis, ata 557-. [A suma masiva de "curacións" racha a estatística de referencia para coñecer a evolución do coronavirus en Galicia]

O número de positivos activos que divulga Sanidade é este 2 de maio de 3.225 -122 menos, un descenso do 3,63%- e o número de "curacións" chega a 5.981 -165 máis, un crecemento do 2,84% no último día-. Os repentinos cambios sen referencias provocan, non obstante, que estes números sexan incomparables cos ofrecidos pola propia Xunta ata o pasado 28 de abril. Si é posible comparar o número de probas PCR realizadas, que por primeira vez superan as cen mil. Son, concretamente, 101.036 o que supón un incremento de 2.206 nun día. Esta evolución confirma unha diminución no ritmo de probas, con incrementos diarios na contorna do 2% fronte a varios días da pasada semana cando chegaron a aumentar un 4% e mesmo un 5% nun día.

Os dous novos falecementos dos que informa a Xunta rexistráronse na residencia Santa Teresa Jornet da Coruña; o total de novas mortes son sete tras unha "revisión clínica dos datos"

A cifra que si cadra entre as dúas fontes, a de falecementos, segue a amosar o enorme peso das persoas que vivían en centros de maiores e persoas dependentes sobre o total de falecidas en Galicia a causa da covid-19. Os dous novos falecementos rexistrados nas últimas 24 horas foron no mesmo centro de maiores, a residencia Santa Teresa Jornet da Coruña. En total, as cifras da Xunta indican que morreron a causa da pandemia 252 persoas que viviran nestes centros, o que supón o 45% do total. Ata o pasado día 1, a Consellería de Sanidade dera conta de 128 falecementos en residencias, que agora cifra en 127 porque "computara inicialmente, por erro", un falecemento máis na residencia DomusVi San Lázaro de Santiago.

Sanidade especifica tamén outra variación debida  a que "tras a revisión clínica dos datos", foron retirados "cinco falecementos cuxa PCR era negativa". Concretamente, de dúas persoas falecidas en hospitais e tres, en residencias de maiores (Nuestra Señora de la Esperanza -Ourense-, residencia de Bande e DomusVi Barreiro -Vigo-). Daquela, os novos falecementos das últimas vinte e catro horas son en realidade, sete.

O Sergas segue a informar de fortes descensos na hospitalización

O Ministerio reflicte que 10 persoas máis precisaron hospitalización a causa da covid-19, pero os datos globais do Sergas seguen a reflectir descensos tanto na UCI como nas unidades ordinarias

As mudanzas na presentación dos datos tamén están a afectar nos últimos días ao que atinxe á hospitalización. O Ministerio de Sanidade indica un incremento de 10 persoas que precisaron ser hospitalizadas en Galicia por mor do coronavirus. O Ministerio non dá conta de aumento ningún da asistencia en UCI, no que o total acumulado de persoas asistidas a causa da covid-19 en Galicia -dato que o Sergas non publica directamente- continúa en 313, as mesmas que o pasado día 1. 

Mentres, os datos que a Consellería de Sanidade divulga directamente en Galicia si apuntan a unha nova diminución no número de persoas hospitalizadas a causa da pandemia. As cifras do Sergas indican que están nesta situación un total de 298 persoas, un 7% menos que un día antes. Concretamente, informa de 37 persoas nas UCI galegas -8 menos que un día antes- e de 261 ingresos ordinarios -en planta-, 17 menos que na xornada previa.

No que atinxe ás persoas illadas a domicilio por seren consideradas aínda como positivos activos por covid-19 pero non precisaren hospitalización, Sanidade sitúa a cifra este 2 e maio en 2.937, un 3,20% menos. Antes da introdución masiva de "curacións" domiciliarias, o pasado día 28, o número de persoas illadas nos seus domicilios -incluíndo residentes en centros de maiores e dependentes- chegara a superar as 6.300, segundo o propio Sergas.

Descensos de positivos activos en todas as áreas sanitarias

A distorsión dos devanditos cambios no cómputo é especialmente relevante á hora de observar a tendencia da pandemia por áreas sanitarias, onde nin sequera existe a referencia dos casos acumulados como fío condutor. Este 2 de maio, o Sergas informa da diminución de positivos activos nas sete áreas sanitarias. 

A maior caída en termos absolutos rexístrase, segundo o Sergas, na área que segue mantendo unha maior incidencia -número de casos activos por cada 100.000 habitantes-, a de Ourense, que con 41 menos pasa a rexistrar 632. Tamén é pronunciada a diminución rexistrada na área de Vigo, con 23 menos para un total de 768. A área sanitaria da Coruña cae en 13 positivos activos, pero segue a ser a que presenta máis en termos absolutos no conxunto de Galicia, un total de 787 segundo a estatística de Sanidade para este 2 de maio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.