É esta a derradeira vez que adiantamos a hora? Un complexo camiño por diante

Imaxe do cambio de hora -do horario de inverno ao horario do verán- sobre un solpor na Catedral de Santiago © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Ramón Canivell

Na madrugada do sábado ao domingo cambiaremos unha vez máis os nosos reloxos: ás dúas serán as tres. Este cambio e o que terá lugar en outubro (de regreso ao horario de inverno) son os últimos fixados por unha orde publicada no BOE. A partir de aí haberá de tomar a decisión de mantelo nos anos seguintes ou suprimilo. E, se se suprime, escoller un dos dous horarios como permanente

Esta fin de semana cambiaremos unha vez máis os nosos reloxos. Na madrugada do sábado ao domingo, ás dúas serán as tres, de xeito que notaremos menos luz ao espertar (o mencer pasará das 7:23 do sábado ás 8:22 do domingo) e, en cambio, teremos tardes máis longas (o solpor, que este sábado terá lugar ás 19:54, o domingo será ás 20:55). Entraremos así no coñecido como horario de verán, que se aplicará ata o vindeiro 25 de outubro.

E despois? Que pasará? Pois, de momento, non se sabe. Hai tres anos o BOE publicou nunha orde o "calendario do período da hora de verán correspondente aos anos 2022 a 2026", establecendo os cambios de hora que se levaron a cabo nos anos 2022, 2023, 2024, 2025 e os que se realizarán neste 2026. 

Imaxe do cambio de hora -do horario de inverno ao horario do verán- sobre un solpor na Mariña da Coruña © Montaxe: Praza.gal. Foto: Concello da Coruña

A partir de aí haberá de tomar decisións. Nos últimos anos vén medrando o debate sobre o mantemento da medida do cambio de hora estacional, unha cuestión sobre a que chegou a realizarse unha consulta cidadá na UE no ano 2018 e tanto o Parlamento europeo coma a Comisión Europea manifestaron a súa disposición a facelo. Porén, o debate ficou aparcado ata que hai cinco meses Pedro Sánchez recuperou por sorpresa a iniciativa a través dun vídeo nas redes sociais no que anunciou que España defendería esta posición nos distintos órganos competentes da Unión Europea, como así fixo por exemplo no Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía.

Despois de anos co debate aparcado, hai cinco meses Pedro Sánchez recuperou por sorpresa a iniciativa a través dun vídeo nas redes sociais no que anunciou que España defendería esta posición nos distintos órganos competentes da Unión Europea, como así fixo. Pero dende entón non houbo máis novidades nin avances

Nos días posteriores á iniciativa do Presidente do Goberno español, o comisario de Transportes, Apostolos Tzitzikostas, apoiou publicamente a proposta. Pero dende entón non houbo moitas máis novidades nin avances. O asunto foi debatido no Parlamento europeo, pero sen chegar á necesaria maioría, e o que se fixo foi solicitar á Comisión Europea un estudo que analizase a proposta española, as súas vantaxes, inconvenientes e as reformas que implicaría. De momento nada máis se sabe sobre ese estudo. Aí radica unha das dificultades da medida, que debe ser adoptada polo Consello da UE, onde debe recabar un consenso entre os 27 estados membros. 

O outro atranco é que suprimir o cambio horario bianual implica tomar en cada país unha decisión importante, con pros e contras e con sectores e territorios a favor ou en contra dunha ou doutra posición: que horario escoller? O medo ás reaccións contrarias á opción escollida frea de momento a toma de decisións nun ou noutro sentido, o que, de momento, deixa fóra das axendas esta cuestión na maior parte de países.

A decisión sobre a supresión do cambio bianual debe ser adoptada pola Comisión Europea e o Consello da UE, recabando o consenso dos 27 estados membros que, despois, deben escoller un dos dous horarios. O medo ás reaccións contrarias á opción escollida frea de momento a toma de decisións nun ou noutro sentido

Un debate aberto e con argumentos a favor e en contra

Hai tempo que diversos estudos veñen amosando que a medida, introducida durante a crise do petróleo dos anos 70 da pasado século, non supón un aforro enerxético significativo. Non semella ser esa a clave principal das razóns a favor de manter o cambio bianual, que fan fincapé sobre todo nos seus beneficios para un mellor aproveitamento das horas de luz solar polas tardes para a realización de actividades de ocio.

En cambio, as posicións que avogan pola supresión do cambio estacional destacan principalmente que este "trastoca os ritmos biolóxicos" dúas veces ao ano, afectando negativamente á calidade do sono nos días posteriores ao cambio.

Quen apostan por suprimir o cambio destacan principalmente que este "trastoca os ritmos biolóxicos" dúas veces ao ano, afectando negativamente á calidade do sono nos días posteriores ao cambio

A catedrática de Medicina da USC María Rosaura Leis Trabazo, presidenta da Fundación Española da Nutrición, destaca que "o cambio de hora fai que o noso reloxo interno tarde varios días en reaxustarse, o que implica un período de adaptación durante o que moitas persoas manifestan irritabilidade, falta de concentración, baixo rendemento e insomnio".

Trabazo, que recomenda suprimir o cambio horario e establecer de forma permanente o horario de inverno, advirte de que "a escuridade pola mañá e a luminosidade pola noite atrasan o noso reloxo interno e o desaxustan", podendo provocar tamén patoloxías asociadas á falta de sono ou á súa mala calidade. "A evidencia científica dispoñible indica que manter un horario permanente é a mellor opción para a saúde pública e que o horario de inverno mellora o noso sono, será máis saudable para o noso corazón, o noso peso, a nosa saúde mental e asóciase ademais con menor consumo de tabaco e alcol, así como con maior rendemento escolar e laboral", conclúe.

Reloxos do mundo, no Parque do Pasatempo CC-BY-SA Óscar (xindilo/fotosderianxo)

As voces que avogan por manter o cambio bianual, fan fincapé sobre todo nos seus beneficios para un mellor aproveitamento das horas de luz solar polas tardes para a realización de actividades de ocio

En cambio, voces coma as de Jorge Mira, físico e catedrático da área de Electromagnetismo da USC, defenden que o cambio horario serve para sincronizar a luz matinal co organismo humano, facilitando a adaptación ao desprazamento do mencer e do solpor. Así, o cambio horario estacional serviría para acompasar os horarios de traballo e comerciais coa hora solar, como destaca Mira: "O cambio estacional de hora agroma como unha reacción natural da sociedade para axustarse mellor ás variacións de luz".

Mira, ademais, sinala que rexeitar a mudanza horaria pola existencia dun prexuízo puntual sobre o sono sería "coma se ti rexeitas as vacinas porque teñen algúns efectos secundarios leves".

Se hai un debate moi vivo sobre a conveniencia de manter ou non o cambio de hora, máis intensa aínda é a pugna entre os defensores de fixar todo o ano o horario de inverno (UTC +1) ou o de verán (UTC +2)

Se hai un debate moi vivo sobre a conveniencia de manter ou non o cambio de hora, máis intensa aínda é a pugna entre os defensores de fixar todo o ano o horario de inverno (UTC +1) ou o de verán (UTC +2). No caso de Galicia ficar todo o ano co actual horario de verán suporía que o Sol sairía máis tarde das dez da mañá o 21 de decembro (10:01 en Santiago), algo que semella inasumible. Por outro lado, optar por ficar todo o ano co actual horario de inverno adiantaría a saída do Sol en xuño a antes da seis da mañá e, sobre todo, acurtaría notablemente as tardes, especialmente na primavera e no outono.

O marco do debate, ademais, semella moi diferente nun territorio como Galicia e o que se pode dar na costa mediterránea, en Cataluña, a Comunidade Valenciana ou Baleares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.