Estado e Igrexa asinan un acordo para indemnizar vítimas de abusos que prescribiran na vía xudicial

Sinatura do acordo Estado-Igrexa para a reparación de vítimas de abusos © Conferencia Episcopal

O Defensor del Pueblo, que detectou casos por toda Galicia, proporá unha resolución para cada persoa, a Igrexa asumirá o custo e o Estado eximirá fiscalmente as indemnizacións

O ministro de Presidencia, Félix Bolaños; o presidente da Conferencia Episcopal, Luis Argüello, e o da Conferencia Española de Relixiosos, Jesús Díaz Sariego, asinaron este xoves un acordo para a reparación de vítimas de abusos para as que xa non é posible a vía xudicial por prescribiren os seus casos. O acordo contempla que o Defensor del Pueblo proporá unha resolución para cada caso, a Igrexa asumirá o custo e o Estado eximirá fiscalmente as indemnizacións. 

O acordo agora acadado vén derivado das investigacións que vén desenvolvendo en todo o Estado desde hai anos o Defensor del Pueblo, con casos tamén detectados por toda Galicia. Agora será esa institución a que propoña, en función do expresado por cada vítima, unha reparación concreta "simbólica, restaurativa, espiritual e/ou económica". Esa proposta será analizada por unha comisión de asesoramento da Igrexa e se é rexeitada pasará a unha comisión mixta conformada por Goberno, Defensor del Pueblo e Igrexa, que poderá manter ou modificar a proposta en función das alegacións das partes. 

Este mecanismo estará vixente un ano e a Conferencia Episcopal comprométese a asumir posibles incumprimentos das dioceses

Este mecanismo terá un prazo de vixencia dun ano, prorrogable outro máis se as partes así o acordan. O acordo contempla que a Conferencia Episcopal cumprirá a resolución acordada para cada caso no caso de que non o faga a diocese ou orde relixiosa responsable. Tamén establece que o Goberno eximirá fiscalmente as reparacións que se recoñezan a todas as vítimas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.