Extinguidos 4 incendios que sumaron máis de 1.500 hectáreas pero seguen activos en Trevinca, Pobra do Brollón e Avión

Monte queimado en Seadur, Larouco, tras os incendios desta vaga CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

O incendio de Trevinca leva 4.700 hectáreas, pero a Xunta xa considera estabilizados os catro que superan amplamente esa superficie

No parte oficial de incendios da mañá deste martes a Xunta vén de dar por extinguidos catro incendios que suman máis de 1.500 hectáreas queimadas, pero hai outra ducia, entre eles os máis grandes, que seguen sen apagarse, aínda que xa están estabilizados. Segundo a información oficial, xa só quedan tres incendios activos, o que afecta a Trevinca e que entrou en Galicia por Carballeda de Valdeorras (4.700 hectáreas), un en Avión (250 hectáreas) e outro na Pobra do Brollón que comezou este luns e que xa acadaba na mañá deste martes as 600 hectáreas e as 800 a primeira hora da tarde, coa situación 2 decretada polo seu risco para lugares poboados.

Os incendios que agora se dan por extinguidos son os de Vilardevós-Moialde, que comezara hai 15 días e que xusto antes de darse por apagado a Xunta elevou de 600 a 1.102 hectáreas; o de Riós-Fumaces e A Trepa, con 130,63 hectáreas; o de Riós-Trasestrada, con 33,52 hectáreas; e o de Vilaboa-Santa Cristina de Cobres, con 72,17 hectáreas.

No que respecta aos maiores incendios, a Xunta considera estabilizados e coas mesmas cifras de hectáreas queimadas que nas últimas xornadas os de Larouco-Seadur, Chandrexa de Queixa e Vilariño, Oímbra e Xinzo de Limia, A Mezquita, Carballeda de Avia e Beade, e Vilardevós-Vilar de Cervos. Pola súa banda, están controlados os de Maceda, Montederramo-Paredes e Carballedo-A Cova.

Desde que o 8 de agosto comezou o incendio de Chandrexa xa son 93.400 as hectáreas queimadas

A baixada de temperaturas e a chegada de chuvias para as próximas horas fai prever unha evolución aínda máis positiva dos incendios. Con este novo parte, desde que o 8 de agosto comezou o incendio de Chandrexa de Queixa xa son 93.700 as hectáreas queimadas en toda Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.