Este pasado 25 de xuño houbo un enorme atasco na autoestrada AP-53, que vai de Santiago a Dozón e conecta coa autovía de Dozón a Ourense. Non foi porque unha multitude aproveitase a calor para achegarse á costa nin porque houbese un festival ou outro evento festivo pola contorna.
Eses coches ían ao recinto feiral no que se celebra a Semana Verde e polo que miles de persoas levan pasado para facer un exame de oposición da Xunta. Neste caso, as oposicións de enfermaría do Servizo Galego de Saúde. Ademais de todo un retrato das carencias do noso transporte público e dunha evidencia de ata que punto é mentira que unha infraestrutura coma esa estea ben comunicada só por estar preto dunha autoestrada, esa multitude acudindo ás oposicións de enfermaría non fixo máis que enfatizar e amplificar o eco do que ía pasar xusto a continuación.
No novo episodio do Fálase coñecemos máis da reivindicación das Enfermeiras Eventuais en Loita tras unha nova protesta masiva nas oposicións do Sergas
Moitas desas case nove mil persoas que foron facer os exames acudiron vestidas de negro respondendo á chamada do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, o mesmo colectivo de profesionais que xa antes da pandemia da COVID, en 2019, xa organizara a primeira "OPE negra", o primeiro chamamento á protesta masiva alí, en Silleda, para facer ver as súas reclamacións sobre inestabilidade e precariedade laboral.
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, repasamos o acontecido nesa nova "OPE negra" en Silleda e, sobre todo, imos aproveitar para coñecer cales das reivindicacións que levaron ao nacemento do colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita seguen vivas catro anos despois.
Con Miguel Pardo, xornalista de Praza.gal que segue estas mobilizacións dende a súa orixe, lembramos como estas reivindicacións do persoal eventual da enfermaría do Sergas se dirixen, sobre todo, contra un modelo baseado na excesiva temporalidade, na concatenación de contratos temporais de escasa duración, unha precariedade que se xunta coa sobrecarga de traballo. Falamos de enfermeiras que poden chegar a asinar, nunha década, máis de cincocentos contratos e ter cotizados a metade de anos traballados.
Para sabermos máis do estado da profesión e das reivindicacións pendentes pedimos ao colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita que nos acompañasen neste Fálase. Nesta ocasión fano a través de Seve Figueiras, a quen preguntamos pola importancia de facérense ver con esa reivindicación tan visual da "OPE negra" e que, ademais, nos conta que ata o momento tiveron escasas respostas por parte dun Goberno galego que, subliña, nin sequera ofrece datos oficiais sobre a temporalidade real no sector da enfermaría. Trátase de carencias que, di, non son percibidas na súa totalidade polos pacientes grazas ao sobreesfozo das profesionais.
En VINTE, unha conversa distinta con Ana Pontón e arrecendo a verán
No segundo tramo do Fálase abrimos o espazo de VINTE coa súa directora, María Yáñez. Comezamos escoitando a playlist Vinte no verán 2023, unha playlist para a calor tropical que nos trae algúns dos esenciais da escena musical galega deste ano e dos vindeiros tempos.
Nuns días nos que moita xente ten xa na cabeza, dun xeito ou doutro, un certo ton de fin de curso, achegámonos tamén a un petisco do episodio que pecha a terceira temporada do Café Derby 21. Nicolás Carreira, Carme Domínguez, Adrián Lede achegáronse ao Parlamento onde lles abriu as portas do seu despacho a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para falar nun ton ben distinto ao dunha entrevista política habitual dun tema tan amplo como son, precisamente, os finais.
Nun espazo de VINTE con arrecendo a verán, sabemos da conversa con Ana Pontón no Café Derby 21, viaxamos ao Porto e escoitamos músicas para a calor
O inicio do verán ten un punto de final, pero tamén un aquel de comezo, por exemplo, cando viaxamos. E unha viaxe, precisamente, é o que tamén nos propón VINTE cun percorrido polo Porto máis recóndito, do mercado do Bolhão ao estuario do Douro.
Nese percorrido polo Porto hai plans que nos levan ás artes, por exemplo, nunha exposición da Fundação Serralves. E de artes fálannos tamén en VINTE para coñecermos a Catara Rego. A artista que procura as pegadas. Pechamos o episodio con outras dúas propostas musicais que pasaron polas Miudiño Sessións d'A Regueifa Plataforma 2.0: O Portughés e Volk GZ e mais Carabela, unha achega en vídeo e audio que pode ser un bo petisco antes de escoitalos ao vivo no Xullo Pop do Teatro Colón da Coruña.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.