A Audiencia Provincial de Pontevedra acolle o vindeiro xoves 5 de marzo un xuízo contra un empresario para o que a Fiscalía pide dous anos de cadea por falsidade documental e estafa procesual para tentar exonerarse de responsabilidade no accidente laboral mortal dun traballador. O falecemento produciuse en xuño de 2020 nunha nave do polígono industrial da Granxa, no Porriño.
Tras o accidente laboral mortal o empresario "guiado polo ánimo de exonerarse" presentou "documentación encamiñada a facer crer" que facilitara ao falecido formación de seguridade e equipos de protección
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado era administrador da empresa en cuxa nave se produciu o accidente laboral. Tras o sinistro a inspección laboral levantou acta de infracción e iniciáronse dilixencias penais. Nese procedemento xudicial, segundo a Fiscalía, o acusado "guiado polo ánimo de exonerarse da responsabilidade" tanto penal como civil "presentou documentación encamiñada a facer crer á autoridade xudicial que impartira formación de seguridade ao traballador falecido así como que lle facilitara os equipos necesarios para desempeñar a súa actividade laboral en condicións de seguridade, o que non se axustaba á realidade do sucedido".
Fiscalía di que "o acusado simulara" a sinatura do traballador falecido
Segundo a Fiscalía, tras o accidente de xuño de 2020, en decembro daquel ano presentouse "documentación achegada polo acusado relativa a varias entregas de EPIS [equipos de protección] ao traballador falecido" con datas de marzo e decembro de 2019 e xaneiro e febreiro de 2020. "En dito documento figuraban feitos que non se correspondían coa realidade ao non ser en ningún momento entregados ditos EPIS así como a sinatura do traballador falecido, que o acusado simulara".
Fiscalía considera estes feitos constitutivos dun delito de falsidade en documento privado en concurso cun delito de estafa procesual en grao de tentativa", polos que pide "pena de dous anos de cadea, coa inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena".