Galicia chega á Noiteboa con 400 novos positivos e o récord de PCR realizadas ante o medo aos contaxios nas festas

Recollida de mostra para unha proba PCR nun centro sanitario CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

Chegou o Nadal. As dúas semanas de celebracións que se abren este xoves coa Noiteboa e que chegarán ata o día de Reis veñen sendo un motivo de preocupación para as autoridades sanitarias dende hai meses. O incremento da mobilidade entre concellos e entre comunidades autónomas nesas xornadas e as reunións familiares que se levarán a cabo (sobre todo os días 24, 25, 31 e 1) supoñen un gran risco de propagación da Covid-19. Coincidirán ademais co inicio da vacinación que axudará a controlar a pandemia nos vindeiros nove meses. De aí a importancia de manter as máximas medidas de precaución e de analizar os indicadores que nos amosan a situación da pandemia en cada momento.

Este xoves o Sergas informa de 394 novos casos de Covid-19 detectados nas últimas 24 horas mediante proba PCR

Galicia chega á Noiteboa coa situación relativamente estabilizada, despois do incremento no número de contaxios que se produciu a pasada semana. Con todo, o número de infeccións é aínda moi alto, un nivel elevado cuxas cifras se poderían multiplicar nas vindeiras semanas se hai transmisión durante os encontros familiares programados.

Este mércores leváronse a cabo en Galicia máis de 10.000 probas PCR (10.613), o número máis alto dende o inicio da pandemia

Este xoves o Sergas informa de 394 novos casos de Covid-19 detectados nas últimas 24 horas mediante proba PCR. É un número elevado, superior ao rexistrado hai sete días (357 positivos) e que deixa a media diaria de novas infeccións na última semana en 325, un número semellante ao de onte.

Iso si, estas elevadas cifras de contaxios son produto en parte do grande esforzo realizado na detección nas últimas horas. Este mércores leváronse a cabo en Galicia máis de 10.000 probas PCR (10.613), o número máis alto dende o inicio da pandemia. De feito, aínda que a cantidade de positivos foi importante (case 400), a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) ficou no 4%, unha porcentaxe semellante á dos días anteriores e inferior á que se rexistrou nas últimas semanas.

A incidencia acumulada nos últimos 7 e 14 días mantense estabilizada, cunha tendencia a descender nos datos a 7 días, que amosan con máis exactitude os cambios de tendencia

Seguen a producirse mortes derivadas na Covid-19, 4 máis nos datos notificados este xoves, o que eleva a cifra total dende marzo ata os 1.354 falecementos. A área sanitaria de Ourense segue a ser a que suma máis defuncións, e tamén as maiores taxas de mortalidade e letalidade.

A taxa de positividade sitúase no 3,89% na media diaria da última semana

A taxa de positividade (4,03% este xoves) sitúase no 3,89% na media diaria da última semana, mantendo o descenso iniciado a comezos de novembro, cando chegou a superar o 8% durante varios días. Pontevedra segue a ser a área sanitaria cunha maior porcentaxe de probas positivas, case o 6% na última semana. O resto de Galicia está claramente por debaixo do 5%. Lugo mesmo baixa do 3% e Ferrol e Vigo do 4%.

En moitas localidades se está a realizar un número moi elevado de probas de detección en forma de cribados masivos

A redución na taxa de positividade prodúcese porque en moitas localidades se está a realizar un número moi elevado de probas de detección en forma de cribados masivos. Moitas probas que están dando unha porcentaxe de resultados positivos en xeral baixo. As 10.613 probas PCR que se levaron a cabo este mércores superan o anterior récord (10.234) do 30 de outubro.

A media diaria de probas na última semana achégase ás 8 mil (7.980), próxima aos valores máximos que se rexistraron a comezos de novembro.

Nos hospitais a situación segue estabilizada, cun lento descenso no número de camas ocupadas

Nos hospitais a situación segue estabilizada, cun lento descenso no número de camas ocupadas por pacientes Covid-19. Este mércores había 51 persoas infectadas polo coronavirus ingresadas nas UCI (tres máis ca onte) e 286 no resto de unidades de hospitalización (sete menos).

A Coruña, Vigo e Pontevedra son as tres áreas sanitarias cun maior número de camas de UCI ocupadas por pacientes Covid-19.

Nas residencias de maiores e de atención á discapacidade o número de casos activos é hoxe de 235 (110 entre os usuarios e usuarias e 125 entre o persoal), cun ascenso dende os 221 de onte. Este incremento é debido en boa medida ao gromo rexistrado na residencia de DomusVi de Vimianzo, que afecta de momento a 19 usuarios e 6 traballadoras.

A Illa de Arousa convértese este xoves no concello galego cunha maior incidencia acumulada, chegando a 1.868 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, o dobre que hai unha semana

A Illa de Arousa convértese este xoves no concello galego cunha maior incidencia acumulada, chegando a 1.868 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, o dobre que hai unha semana. En cambio, a situación mellora en Sarreaus, que reduce o seu número de casos activos á metade.

As incidencias acumuladas en Fisterra, Mazaricos e San Cristovo de Cea tamén superan os mil casos, cifra á que se achegan Santa Comba, As Pontes, Boiro, Rodeiro e Aranga. 

Nos últimos días están a empeorar rapidamente a súa situación Xove, Xermade e Vimianzo

Así mesmo, nos últimos días están a empeorar rapidamente a súa situación Xove, Xermade e Vimianzo, os tres con incidencias acumuladas por riba dos 700 casos por cada 100.000 habitantes. No caso de Vimianzo detectouse un gromo nunha residencia de maiores de DomusVi, con 25 casos notificados ata o momento.

 

Empeoran Santiago, Ourense e Vigo, mellora Ferrol

No que atinxe ás sete cidades, destaca o empeoramento de Santiago, onde a incidencia acumulada leva 20 días en ascenso. Dende o inicio de decembro pasou de ser a urbe con mellores datos a converterse na que presenta unha peor situación, cunha IA que xa chega a 218 casos por cada 100.000 habitantes. 

Destaca o empeoramento de Santiago, onde a incidencia acumulada leva 20 días en ascenso, nos que pasou de ser a urbe con mellores datos a converterse na que presenta unha peor situación

Supera a Vigo, que tamén empeora este xoves, situándose en 194, por riba de Pontevedra (188). Ourense, que tamén leva semanas cunha tendencia de aumento, pero máis lenta que a de Compostela, supera os 150 casos por cada 100.000 habitantes.

Ferrol, en cambio, continúa á baixa, chegando a un nivel de 138 casos por cada 100.000 habtiantes, xa próximo aos datos da Coruña, que leva dúas semanas cunha situación moi estable (118) e a Lugo, que rolda os cen casos (102)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.