Galicia é o único territorio da Península en nivel baixo de alerta pola COVID

Situación dos niveis de alerta o 20 de decembro, por comunidades autónomas e provincias © Ministerio de Sanidade

Galicia atópase no nivel baixo de alerta pola Covid-19 na escala que dende este outono funciona en todo o Estado, con cinco niveis en total, e que responde a unha serie de indicadores epidemiolóxicos e hospitalarios. Nos datos correspondentes ao 20 de decembro e que o Ministerio de Sanidade fixo públicos este mércores, a comunidade é, de feito, o único territorio peninsular nesta situación, que comparte coas Illas Canarias. 

As catro provincias galegas atópanse no nivel baixo de alerta, no que só se sitúan Cuenca e As Palmas. Por debaixo unicamente se atopa Salamanca

Este sistema de medición analiza tamén a situación individualizada de cada provincia. Neste caso, as catro provincias galegas atópanse neste nivel baixo, no que só se sitúan Cuenca e As Palmas. Por debaixo, no denominado nivel 0 ou de "nova normalidade" está Salamanca.

A veciña Castela e León, o mesmo que Madrid, A Rioxa, Cataluña ou a Comunidade Valenciana, están no nivel máximo de alerta (nivel 4). A maior parte do Estado español sitúase no nivel 3 (alto), mentres que Navarra, Estremadura e Murcia atópanse no nivel 2 (medio).

Dende finais de outubro funciona en todo o Estado este sistema de catro niveis de alerta, aprobado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde polo Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas. Galicia veu movéndose entre o segundo e o terceiro nivel de alerta (niveis alto e medio). E novembro, aínda que a maior dos indicadores colocaban a Galicia no nivel alto, a menor porcentaxe de camas ocupadas nos hospitais mantivérona durante semanas no nivel medio

Galicia vén movéndose entre o nivel de alerta medio e alto, pero xa no anterior informe conseguira baixar ata o nivel baixo, grazas á menor ocupación hospitalaria no noso país 

No anterior informe, publicado a semana pasada, Galicia xa se atopaba neste nivel baixo, naquela ocasión en solitario. Nese informe a provincia de Lugo estaba xa no nivel 0, de nova normalidade, que perde nesta ocasión, situándose á par do resto de Galicia no nivel 1.

Para chegar a un determinado nivel de alerta, un territorio debe ter nese nivel cando menos dous indicadores do bloque I (relativos á incidencia, positividade e trazabilidade) e un do bloque II (relativos á porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas con pacientes de Covid-19). Galicia segue a manter uns indicadores preocupantes no que atinxe á incidencia acumulada (sitúase no nivel alto nos datos xerais e no nivel extremo nos datos relativos unicamente ás persoas maiores de 65 anos) pero moito mellores no que se refire á taxa de positividade (nivel de risco baixo) e á porcentaxe de casos que son trazados, no que tamén se atopa no nivel baixo de alerta. Neste indicador Galicia levou a cabo unha gran mellora, pois hai un mes aínda presentaba os peores datos de todo o Estado.

Galicia presenta uns indicadores de incidencia acumulada, que a situarían no nivel 3 de alerta (alto)

Nos datos feitos públicos polo Ministerio de Sanidade Galicia presenta uns indicadores de incidencia acumulada, que a situarían no nivel 3 de alerta (alto). De feito, Asturias Andalucía, Murcia ou Canarias teñen incidencias inferiores. No que atinxe á incidencia específica entre a poboación maior de 65 anos Galicia tamén se sitúa nese nivel alto de alerta, aínda que nesta ocasión as cifras galegas si están entre as máis baixas de todo o Estado, por detrás de Andalucía, Murcia, Navarra e Asturias pero moi preto destes territorios.

Outro dos indicadores é a taxa de positividade, na que Galicia (5,4%) se sitúa só por detrás de Asturias, Navarra e Euskadi. Asturias é a única comunidade autónoma que baixaba no 4% nos datos do 20 de decembro. No que atinxe á capacidade para trazar a orixe dos contaxios, Galicia atópase no nivel medio de alerta, cunha proporción de casos trazados lixeiramente superior ao 60%, por debaixo do 70% que superan Murcia, Navarra ou Castela-A Mancha.

Os indicadores de ocupación de camas hospitalarias por persoas enfermas de Covid-19 permiten que Galicia se sitúe no nivel baixo de alerta

Porén, son os indicadores hospitalarios, de ocupación de camas por persoas enfermas de Covid-19, os que permiten que Galicia se sitúe no nivel baixo de alerta. Galicia é a comunidade cunha menor porcentaxe de camas de agudos ocupadas por pacientes Covid-19 (3,2%) e, sobre todo, a que menor proporción de camas de UCI ten ocupadas (7,6%), aparecendo xunto con Canarias como o único territorio por debaixo do 10%.

Os indicadores de ocupación de camas hospitalarias por persoas enfermas de Covid-19 permiten que Galicia se sitúe no nivel baixo de alerta © Xunta

Nos indicadores por provincias, Lugo e Ourense tamén aparecen entre os territorios con menos casos de coronavirus por habitante

Nos indicadores por provincias, Lugo e Ourense tamén aparecen entre os territorios con menos casos de coronavirus por habitante, con incidencias acumuladas a 14 días de 91 e 144 casos por cada 100.000 habtiantes. O mesmo sucede cos datos específicos referidos á poboación maior de 65 anos. O mesmo sucede na taxa de positividade, na que Lugo consegue baixar do 4%, o que sitúa a provincia no nivel 0, de "nova normalidade", do que Ourense (4,7%) non aparece lonxe. Os indicadores da Coruña e Pontevedra, aínda que superiores aos das provincias orientais galegas, non están lonxe deles.

En calquera caso, de novo a situación hospitalaria (mellor que a que rexistra o resto do Estado) consegue situar as catro provincias galegas no nivel baixo de alerta. A porcentaxe de camas ocupadas nas unidades de agudos móvese entre o 0,7% de Lugo e o 3,8% de Pontevedra. De igual xeito, as catro provincias galegas presentaban o 20 de decembro uns niveis de ocupación de camas de UCI por pacientes Covid moi baixos, por debaixo do 10% (e en Ourense, nese día, os datos do Ministerio non recollen a ningunha persoa ingresada nestas unidades).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.