Galicia remata a semana cunha media de novos casos diarios consolidada arredor dos 260 durante varias xornadas

CC-BY-SA Praza Pública

A porcentaxe de positivos sobre o total de probas realizadas mantense de xeito sostido por riba do 5%

Dos 310 novos casos de coronavirus rexistrados o domingo 30 de agosto aos 203 de só dous días despois e novamente a 293 nos datos comunicados este sábado, a última semana caracterizouse polos altibaixos na cifra de novos positivos, unhas variacións que se poden simplificar en parte acudindo á media semanal, que este sábado se sitúa nos 265 e que arredor desa cifra oscilou durante toda a semana desde os 264 do pasado domingo.

Na última xornada o Sergas non comunica ningún falecemento, despois de que os cinco divulgados o venres supuxesen a peor cifra nun só día desde o 6 de maio, hai catro meses.

A aparente estabilización que se aprecia na curva de novos casos prodúcese ao tempo que as probas PCR continúan en cifras que roldan as 5.000 diarias, algo menos na última xornada, con 4.782, o que sitúa a porcentaxe de casos positivos en máis dun 5% (cifra marcada pola OMS para considerar controlada a enfermidade) de xeito sostido, con independencia de que as probas realizadas e os resultados delas obtidos non se correspondan coa mesma xornada.

Canto ao tipo de atención que requiren as persoas afectadas, este sábado o Sergas comunica poucas variacións a respecto do venres, con tres casos máis en UCI, ata un total de 17, e seis máis en planta, ata un total de 177. 66 das persoas ingresadas están na área da Coruña (5 en UCI e 61 en planta).

As 98 altas comunicadas na Coruña na última xornada fan que a cifra de positivos activos, a de referencia para a Xunta, se estea a estabilizar, ao igual que a da área de Lugo

Na área da Coruña rexístrase na última semana un novo lixeiro aumento dos novos casos, con 99, tras varias xornadas moi por baixo do cento. As 98 altas comunicadas na última xornada fan que a cifra de positivos activos, a de referencia para a Xunta, se estea a estabilizar, ao igual que a de Lugo. Pola contra, a área de Pontevedra suma na última xornada 29 casos activos máis, ata un total de 308, aproximándose aos 337 de Vigo, que sumou 10 no último parte.

Nas residencias súmanse outros 3 casos entre persoas usuarias e xa son 163 os casos activos

Canto ás residencias, a Xunta engade outros tres usuarios positivos da residencia de maiores DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, polo que xa son 163 os casos activos nese tipo de centros en catro residencias de Culleredo, Lalín, O Incio e Outeiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.