Galicia rexistra 37 diagnósticos máis de coronavirus e 22 hospitalizacións novas no inicio da avaliación para o desconfinamento

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A composición de lugar sobre a evolución da pandemia do coronavirus en Galicia segue a ser un mosaico. Un crebacabezas no que cómpre coller algunhas pezas da información diaria da Consellería de Sanidade e outras poucas dos partes emitidos polo Goberno central aínda que, paradoxalmente, a fonte de ambas informacións é a mesma, o Servizo Galego de Saúde. A combinación de ambos partes indica este 7 de maio que nas últimas vinte e catro horas abrollaron en Galicia un cento de casos novos. 

Os casos detectados aumentan nun cento, pero só 37 deles mediante probas PCR; os "positivos activos" redúcense en 61 e os falecementos son catro máis, un deles dunha persoa que vivira nunha residencia de maiores

Deses 100 novos casos incorporados á estatística, 37 son diagnósticos positivos mediante probas PCR, as máis precisas. Outros 63 son positivos de probas realizadas cos diversos tipos de test anticorpos, o que indica que a persoa que dá positivo puido ter contacto coa covid-19 en días e mesmo semanas pasadas. Ademais, no caso destes coñecidos como test rápidos, os datos non son necesariamente do último día e a súa fiabilidade é relativa, como vén advertindo o persoal que os realiza.

O cómputo de casos novos obtido a través do Ministerio de Sanidade deixa o total acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 en Galicia en 10.292 mentres os "positivos activos", indicador que segue manexando a Xunta, se sitúan nos 2.747. Eses 2.747 positivos activos son 61 menos que un día antes, unha redución do 2,17%. Menres, o que o Sergas segue denominando "curacións", pero que tamén reflicten negativos de test rápidos -como detalla o Ministerio- chegan ás 6.959. Son 157 máis que o día previo (un incremento do 2,31%). [O Estado divulga datos da evolución do coronavirus en Galicia que a Xunta lle transmite pero non fai públicos]

Os datos de falecementos por coronavirus rexistran este 7 de maio un incremento menor que en días previos. Son catro máis e a cifra total chega ás 586. Destas catro persoas cuxo falecemento pola pandemia foi notificada no último día, unha vivira nunha residencia de maiores e morreu no propio centro, a residencia Claudina-Somoza da Coruña. 

En total, das 586 mortes certificadas por coronavirus en Galicia, un total de 266 son ata agora de persoas que viviran en residencias de maiores e dependentes. Seguen supoñendo arredor do 45% do total.  [A Xunta dá a "infección" por coronavirus por "controlada" e pide ao Estado a mobilidade total en Galicia desde o día 11]

Incidencia á baixa, pero aínda por riba da media estatal

A incidencia acumulada, clave no desconfinamento, estivo en Galicia por baixo da media estatal ata finais de abril

A combinación de ambas fontes estatísticas tamén ofrece outro indicador de importancia para coñecer a evolución da pandemia en Galicia, a incidencia acumulada. Isto é, o número de novos casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas, unha cifra clave nas medidas de desconfinamento. Ese indicador estivo durante moitas semanas en Galicia notablemente por baixo da media estatal, pero esa tendencia comezou a variar e dende os últimos días de abril, o dato galego superou ao estatal malia seguir ambos á baixa.

Este 7 de maio a incidencia acumulada do coronavirus en Galicia, informa o Ministerio de Sanidade, está en 41,49 casos positivos -por PCR- por cada 100.000 habitantes. Segue á baixa e polo momento, aínda por riba da media estatal, que agora é de 40,15. Ambos indicadores tenden a aproximarse nos últimos días, en todo caso.

Unha vintena de novas hospitalizacións mentres segue baixando o total

As hospitalizacións novas son 22, unha delas na UCI, pero o global de persoas hospitalizadas con test de coronavirus positivo redúcese en dúas e queda en 205

Este 7 de maio os datos globais de hospitalización por coronavirus seguen a descender, aínda que a menor ritmo. O total de persoas hospitalizadas en Galicia con test positivo de coronavirus sitúase agora en 233, tres menos que un día antes, informa o Sergas. Non obstante, a través do Ministerio é posible coñecer que as entradas e saídas son máis: rexístranse 22 novas hospitalizacións, unha delas en unidade de coidados intensivos.

No que atinxe ao global que ofrece o Sergas, o número de pacientes en UCI con positivo por coronavirus queda en 28 -dous menos- e as persoas ingresadas en unidades ordinarias -en planta- sitúanse en 205 -unha menos que un día antes-. Estas cifras supoñen que o total de hospitalización diminúa un lixeiro 1,27%. Cómpre ter en conta, non obstante, que non todas as reducións significan necesariamente que se trate de pacientes de alta hospitalaria, xa que as novas normas do cómputo do coronavirus implican que un paciente con test negativo deixa de figurar na estatística da covid-19 aínda que sexa preciso que siga ingresado.

No que atinxe ás persoas illadas nos seus domicilios con positivos activos, a cifra está este 7 de maio nas 2.514. Este número inclúe 417 residentes en centros de maiores e dependentes. Supón unha redución lixeira, do 2,26%.

Redución de activos en todas as áreas sanitarias agás unha leve suba en Lugo

A maior incidencia segue en Ourense, aínda que a súa liña continúa a senda descendente que iniciou dende o cambio de cómputo

Como cada día, a referencia dos datos estatais para completar ou contextualizar os datos que o Sergas si publica desaparece no nivel das áreas sanitarias, detalle ao que non chegan as cifras do Ministerio. A Consellería de Sanidade indica que a redución de positivos activos é máis ou menos homoxénea entre as áreas cunha única excepción neste 7 de maio, a de Lugo, que rexistra un incremento de catro casos.

Todas as demais volven reducir o número de positivos activos encabezadas pola de Vigo, que anota vinte menos tras o forte incremento da xornada previa -debeuse, segundo indicou a Xunta a Faro de Vigo, á introdución nunha soa vez de datos de positivos rexistrados entre persoal sanitario durante varios días-. A maior incidencia -positivos activos por cada 100.000 habitantes- segue na área sanitaria de Ourense, aínda que segue a súa senda descendente dende o cambio no cómputo da pasada semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.