Galicia rexistrou en xuño 30 mortes relacionadas coas altas temperaturas, a maioría entre persoas de máis de 75 anos

Calor temperatura cambio climático CC-BY Geralt

O sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), monitoriza os excesos de mortalidade e analiza as súas posibles causas, entre elas as anomalías climáticas

Cada vez son máis as mortes relacionadas coas temperaturas excesivas ligadas ao cambio climático provocado pola acción humana sobre o planeta. Hai dous anos un estudo coordinado pola Universidade de Berna e a Escola de Hixiene e Medicina Tropical de Londres concluía que un terzo dos falecementos por calor están relacionados co quecemento global. Dende hai anos o sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas.

Así, no ano 2020, o ISCIII calculou que se produciran 2.152 falecementos no conxunto do Estado ligados ao exceso ou ao defecto de temperatura, unhas mortes por frío ou calor excesivas que no 2021 se elevaron a 3.550 e no 2022 a 5.876. En Galicia foron 145 os falecementos por estas causas en 2020, 301 un ano despois e 356 o pasado ano.

No verán de 2022 producíronse en Galicia 235 defuncións ligadas á calor excesiva, a maioría entre xullo e agosto

Destas 356 mortes do ano 2022, 115 tiveron lugar nos meses fríos -entre xaneiro e marzo e entre novembro e decembro- e 235 nos meses cálidos -entre maio e outubro-, produto polo tanto da calor excesiva.

No que levamos deste ano producíronse en Galicia 199 mortes por frío excesivo entre xaneiro e marzo e outras 33 por calor excesivo entre maio e xuño, un dato no que destaca especialmente a cifra de xuño, con 30 falecementos, máis do 20% das 146 que se produciron o mes pasado no conxunto do Estado. 

O 63% desas mortes ligadas á calor en España o pasado verán producíronse en persoas de 85 anos ou máis e outro 22% en persoas entre 75 e 84 anos

O verán do pasado ano 2022 tivo un carácter extremadamente cálido na maioría da Península Ibérica e a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) considerouno como o verán máis cálido dende o comezo da serie histórica en 1961. Iso tivo como consecuencia que só entre o 1 de xuño e o 30 de setembro se detectasen 4.744 defuncións atribuíbles ao exceso de temperatura. O 2022 foi o segundo ano con máis mortes por calor en España da serie histórica, só por detrás do ano 2003.

O 63% desas mortes tiveron lugar no grupo de idade das persoas de 85 anos ou máis, que segundo os informes do período estival que realiza o MoMo son as máis gravemente afectadas polas anomalías de temperaturas. Outro 22% dos falecementos estimados por esta causa corresponderon a persoas entre 75 e 84 anos e un 9% a persoas entre 65 e 74 anos. Por debaixo desa idade os falcementos ligados ás altas temperaturas foron moito menos numerosos.

O Indice Kairós ofrece alertas dos excesos de mortalidade atribuibles ao exceso de calor ou de frío

Ademais das estimacións do número de mortes causadas polas temperaturas, o ISCII achega tamén un enfoque preditivo a través do Indice Kairós, que ofrece alertas dos excesos de mortalidade atribuibles ao exceso de calor ou de frío.

"O incremento da temperatura ten consecuencias", dicía en conversa con Praza.gal o investigador da USC Dominic Royé, e estamos comenzando a velas. O ano pasado foi o máis cálido da Historia. Durante 300 dos 365 días do ano 2022, o Estado español acadou temperaturas anormalmente elevadas, un fenómeno do que Galicia non se lbra: Santiago estivo 271 días de 2022 con temperaturas moi por enriba do que sería normal en cada época e Vigo 266, efectos que van máis alá das puntuais vagas de calor. Unha tendencia, que como alertaba nestoutra entrevista Alberto Martí, profesor da USC, provocaría que "nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.