Galicia rolda o cento de positivos diarios de coronavirus tras dispararse os novos casos na contorna da Coruña

Os positivos da COVID-19 disparáronse nos primeiros días de agosto na área da Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia pechou a semana do 3 ao 9 de agosto con 398 novos positivos por coronavirus. Son máis do dobre que nas dúas anteriores semanas e máis do triplo que hai tres. Foi tamén a semana con máis novos casos detectados dende o inicio do desconfinamento, a desescalada, a mediados do pasado mes de maio. A nova semana comeza co país roldando o cento de novos positivos ao día e cun foco principal que dispara os datos globais de Galicia: A Coruña e a súa contorna.

Ata 73 dos 97 positivos novos das últimas vinte e catro horas en Galicia son da área sanitaria da Coruña

O Servizo Galego de Saúde indica que este luns Galicia rexistra 670 "positivos activos" por coronavirus. Son 79 máis que na xornada previa e, dado que tamén suma 18 "curacións" e non houbo novos falecementos notificados, é posible calcular que os casos novos das últimas vinte e catro horas son 97

Deles, atendendo á información da área sanitaria da Coruña-Cee, 73 foron detectados na Coruña e a súa contorna, onde están en vigor dende o pasado sábado restricións para tentar conter os brotes, caso do peche de pubs e discotecas, limitación de horarios en comercio e hostalaría, suspensión de visitas a residencias de maiores e suspensión de actividade nos centros de día. Isto supón que a situación é xa notablemente peor que a rexistrada no que ata agora fora principal brote en Galicia, o da Mariña, onde os días con máis casos novos roldaban a trintena de positivos, a maioría ligados entre si e nunha área cunha densidade de poboación moito menor á coruñesa.

Galicia non superaba os 600 casos "activos" dende o pasado 3 de xuño, cando o número de persoas hospitalizadas era semellante ás 27 que se rexistran este 10 de agosto

Galicia non superaba os 600 casos "activos" de coronavirus dende o pasado 3 de xuño, cando había 678. Daquela, aínda baixo as restricións do estado de alarma, o Sergas rexistraba 29 ingresos hospitalarios de persoas con test positivo por COVID-19 (un deles na UCI). Este 10 de agosto as cifras de hospitalización son semellantes: 27, dúas delas en coidados intensivos, aínda que tamén cunha concentración relevante na Coruña. Ata 16 desas 27 persoas hospitalizadas son da área coruñesa. O Sergas segue sen ofrecer información máis detallada, por comarcas ou concellos.

Ritmo de novos casos semellante ao de maio

Tanto a media semanal de casos novos diarios, así como a media de cada tres días (o Sergas non divulga ningún destes datos, que en Praza.gal calculamos a partir dos comunicados da Consellería, a cal segue sen facer pública a súa serie histórica da evolución da pandemia en Galicia) reflicten o empeoramento da situación nas últimas semanas, especialmente dende comezos de agosto. Foi daquela cando os brotes da Coruña comezaron a ser máis problemáticos. [Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus]

Así, a media de casos novos diarios calculada cos valores dos últimos tres días xa se aproxima este 10 de agosto ao centenar (foron 112 o sábado, 84 o domingo e 97 este luns, día 10). Mentres, a media semanal de casos diarios calculados a partir das notas do Sergas xa supera os 60. Visto en perspectiva, estes tamén son valores que non se rexistraban dende o inicio do desconfinamento.

Algo menos do 40% dos novos casos detectados en Galicia dende o inicio do desconfinamento son pacientes con síntomas, segundo o Instituto Carlos III, que reflicte que no 60% dos casos o Sergas non ten identificada a orixe do contaxio

Estas cifras rexístranse nun contexto no que, non obstante, o Instituto de Salud Carlos III, dependente do Ministerio de Sanidade, segue reflectindo -a partir de datos que a Xunta lle envía, mais non fai públicos- que unha proporción maioritaria dos novos casos de coronavirus detectados en Galicia seguen sendo de pacientes sen síntomas. Dende o inicio do desconfinamento e ata o pasado 6 de agosto, concretamente, só presentaban síntomas algo menos do 40% dos positivos detectados (o 39,1%). 

A parte máis negativa desta información do ISCIII para Galicia é a que indica que no 60% dos casos detectados, o Sergas non ten constancia do xeito ou lugar onde se contaxiaron. É a segunda cifra máis elevada entre as comunidades autónomas, só superada polo 66% de Catalunya. Mentres, o Sergas dá identificado entre 2 e 8 contactos -unha mediana de 4- de cada persoa que dá positivo, un chisco por riba da mediana estatal, situada en 3.

Máis da metade dos "activos", na área da Coruña

É tamén na área da Coruña onde volve haber positivos en residentes de centros maiores: tres en DomusVi Matogrande

O número de "positivos activos" por áreas sanitarias, que o Sergas si difunde nos seus partes, amosa tamén ás claras o peso dos brotes da área da Coruña no empeoramento xeral da situación. Ata 371 dos 670 "positivos activos", o 55%, correspóndense con esta área sanitaria, na que ademais volve haber casos positivos entre residentes de centros de maiores, tres en DomusVi Matogrande, residencia na que, segundo a Xunta, non hai positivos entre o persoal.

A evolución dos casos "activos" na área coruñesa é ascendente dende finais de xullo -nos días do brote importado polo club de fútbol Fuenlabrada e despois, cando comezaron a agromar positivos ligados ao ximnasio de Meicende- pero disparouse na última semana. Así, dos arredor de 140 "activos" de comezos da pasada semana pasou a máis de 370 este luns, no terceiro día con medidas restritivas excepcionais para tentar conter os brotes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.