Galicia segue detectando uns 230 novos positivos diarios da COVID-19, con casos en ascenso en Pontevedra e Vigo

©

Galicia mantén estabilizados os seus datos de novos diagnósticos de coronavirus. Nas últimas dúas semanas o número de novos casos diarios moveuse sempre entre os 200 e os 300 e neste momento a media na última semana rolda os 230, seguindo unha lixeira tendencia á baixa dende o inicio deste mes de setembro. Nas últimas 24 horas foron 221 as novas infeccións detectadas, segundo os datos comunicados pola Consellaría de Sanidade este mediodía.

Nas últimas 24 horas foron 221 as novas infeccións detectadas

No último día engadíronse ás estatísticas 172 novas 'altas' ou 'curacións', que suman xa 17.167 dende o inicio da pandemia, totalizando 22.238 casos de coronavirus en Galicia dende marzo, unha cifra que abrangue falecementos, persoas que neste momento deron positivo nunha proba PCR e casos anteriores xa recuperados.

Dende o 11 de agosto houbo 100 defuncións de pacientes de Covid-19 no noso país, unha estatística que foi acelerando ao longo do mes de setembro

Tamén hai que lamentar nas últimas 24 horas tres novas mortes en Galicia, o que eleva a cifra total de 718 a 721 falecementos de persoas diagnosticadas de coronavirus. Dende o pasado 11 de agosto houbo 100 defuncións de pacientes de Covid-19 no noso país, unha estatística que foi acelerando ao longo do mes de setembro. No que levamos de mes houbo 79 mortes por esta causa.

Na última semana a media diaria de falecementos rolda os 4, un dato semellante ao que se rexistraba a mediados de maio, aínda que lonxe das máis de 20 defuncións diarias que se deron na primeira semana de abril. A última persoa falecida en centros hospitalarios foi un home de 82 anos que faleceu no Complexo Hospitalario de Ourense

En calquera caso, a incidencia acumulada da enfermidade en Galicia mantense en cifras moi por debaixo da media do Estado Español. Este indicador sitúase nos 114 casos por cada 100.000 habitantes, fronte a unha media estatal de 287,68 e datos coma o de Madrid, que superan os 772 casos.

No que atinxe aos casos activos, estes volven aumentar este martes en Galicia, pasando de 4.304 a 4.350, a pesar do importante aumento das 'curacións'. 

A taxa de positividade está en Galicia no 6,5%, por debaixo do dato da semana pasada

Nas últimas 24 horas realizáronse 3.783 PCR, un dato inferior ao rexistrado en días anteriores e no que entra en xogo probablemente o efecto da fin de semana. A media diaria de probas realizadas nos últimos 7 días supera as 4.820.

A taxa de positividade (porcentaxe de PCR cun resultado positivo) sitúase en Galicia no 6,5%, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade correspondente aos sete días anteriores, un dato lixeiramente inferior ao da semana anterior (6,9%) A media española está no 12,8% (era do 13,2% hai unha semana) e en Madrid chega ao 23% (medrando dende o 22,5% da semana anterior). Tan só Asturias e Euskadi presentan unha taxa de positividade inferior á de Galicia.

Dos 4.350 casos activos, a maioría (4.104) atópase en corentena nos seus domicilios, con síntomas leves. O número de persoas infectadas polo coronavirus que se atopan hospitalizadas mantense estable nas últimas semanas, aumentando este martes de 243 a 246. 32 delas están nas UCI (a mesma cifra que onte) e 214 (211 onte) noutras unidades de hospitalización. 

O 3,15% das camas dos hospitais galegos están ocupadas con pacientes de Covid-19, o mesmo que o 4,48% das camas das UCI

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, o 3,15% das camas dos hospitais galegos están ocupadas con pacientes de Covid-19. Trátase da segunda porcentaxe máis reducida en todo o Estado, lonxe do 9,6% da media española e máis aínda dos datos da Comunidade de Madrid (25,52%). En canto ás camas das UCI, o 4,48% están ocupadas en Galicia, moi por debaixo da media española do 16,79%, que chega ao 36% en Madrid e ao 57% na Rioxa.

Nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, 271 usuarios e usuarias están infectadas, o mesmo que 116 traballadoras e traballadores. Son cifras superiores ás de onte (263 e 112), debido á incorporación de novos casos entre 6 usuarios e 3 traballadores da residencia de maiores Las Salinas (Ourense). Tamén hai novas infeccións en Bergondo, Oleiros, Nigrán, Vigo e no CAPD da Coruña.

Por áreas sanitarias, dos 4.350 casos activos, 1.114 son da área da Coruña (34 menos ca onte), 687 da de Lugo (2 menos), 551 da de Ourense (10 máis), 702 da de Pontevedra (35 máis), 489 da área de Vigo (32 máis), 627 da de Santiago (2 máis), e 180 da de Ferrol (2 máis).

A área pontevedresa converteuse este luns na zona de Galicia cunha maior incidencia do coronavirus (240 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), moi por riba de Lugo (216) e A Coruña (202).

As áreas de Pontevedra e Vigo son, xunto coa de Ourense, as que máis están a empeorar a súa situación nas últimas xornadas, mentres que as que tiñan uns peores datos no inicio de setembro (A Coruña e Lugo) están a reducir o seu número de casos activos, debido ás 'altas' de moitas persoas que estiveran infectadas. 

Pontevedra sumou 200 casos na última semana e Vigo un total de 128. A área pontevedresa converteuse este luns, de feito, na zona de Galicia cunha maior incidencia do coronavirus (240 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días), moi por riba de Lugo (216) e A Coruña (202). Ourense ten xa unha incidencia acumulada de 181 casos activos. Vigo, a pesar do seu rápido aumento na última semana, segue a ser a área sanitaria cunha menor incidencia acumulada, por debaixo dos 100 casos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.