Segue a moderación no ritmo de novos casos de coronavirus en Galicia, pero con tres mortes máis

CC-BY-SA Praza Pública

Os datos deste luns, tras a habitual caída de notificacións da fin de semana, sitúan en 194 os novos casos positivos da última xornada, por baixo dos 200 por primeira vez en dúas semanas

Tres mortes máis, ata un total de 718 (99 delas nas últimas seis semanas), e tres persoas máis ingresadas en coidados intensivos, ata un total de 32, a mesma cifra que o pasado venres tras baixar lixeiramente durante a fin de semana e que supón o punto máis elevado ata agora desta segunda vaga en Galicia. Esas son as principais cifras negativas do último parte oficial ofrecido pola Xunta este luns, no que os novos casos positivos diarios rexistrados quedan en 194, por baixo dos 200 por primeira vez en dúas semanas.

A caída dos novos casos positivos diarios podería estar relacionada coa menor notificación de casos que adoita producirse durante as fins de semana, e de feito a cifra de probas PCR comunicadas na última xornada tamén baixa ata as 4.147, pero en todo caso iría na liña dunha progresiva moderación do aumento de casos, como se pode comprobar ao fixarse na media de casos diarios durante os últimos 7 días, 232, en progresivo descenso desde os 275 do 1 de setembro.

Tres casos máis elevan a 32 as persoas que requiren de coidados intensivos, mentres en planta hai outras 211, catro máis que un día antes

Canto ao tipo de atención que requiren as persoas enfermas, ao aumento de tres casos en UCI, ata os anteditos 32, hai que engadir outros catro casos en planta, ata un total de 211. Mentres a cifra en UCI é a máxima rexistrada nesta segunda vaga, igual á do venres, a de persoas hospitalizadas en planta está por baixo das 220 que chegou a haber hai unha semana. Do total de casos hospitalizados, na área sanitaria da Coruña hai 8 persoas en UCI e 55 en planta.

Nas residencias de maiores hai 225 persoas usuarias afectadas en nove centros tras dar de baixa a Xunta no cómputo a 22 por "negativizar" nunha nova proba

Pola súa banda, nas residencias a situación é moi similar á de un día antes. A Xunta dá de baixa no cómputo de persoas residentes afectadas a 22 da residencia Orpea Coruña de Culleredo por "negativizar" nunha nova proba e, ao tempo, suma un único novo caso nun traballador dese mesmo centro. En total, hai en toda Galicia 225 usuarios de residencias de maiores afectados (en nove centros) e 97 traballadores dese tipo de centros, mentres que nas residencias de discapacidade son 38 os usuarios e 15 os traballadores afectados.

A área da Coruña, a máis afectada, segue a mellorar a súa situación, mentres Pontevedra é a que vén crecendo a un maior ritmo nos últimos días

Por áreas sanitarias, a da Coruña segue a mellorar a súa situación, con 81 altas na última xornada, dato que cruzado co de positivos activos, o de referencia para a Xunta, que cae noutras 30 persoas, ata un total de 1.148, permite calcular que na última xornada só se rexistraron 49 novos casos. Lugo e Santiago tamén melloran as súas cifras de casos activos, pero Pontevedra, Vigo e Ourense seguen a aumentalos mentres Ferrol mantén a súa estabilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.