Galicia segue perdendo enfermeiras por emigración mentres precisa 10.000 para acadar a media da UE

Unha enfermeira do Sergas, realizando unha extracción para unha análise de sangue CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A elevada carga de traballo e a precariedade laboral que padecen moitas enfermeiras, especialmente as que acumulan durante anos contratacións eventuais co Servizo Galego de Saúde, vén estando periodicamente no foco como unha das materias pendentes de resolver na sanidade pública galega e tamén noutros ámbitos, dende as fundacións de investigación sanitaria ás residencias da terceira idade. Unha reivindicación habitual en torno ao problema é a necesidade de máis persoal e máis estable.

Con este pano de fondo, a última edición do informe Situación actual y estimación de la necesidad de enfermeras en España, editado polo Ministerio de Sanidade a finais de 2024, acredita que a maior parte das autonomías precisan máis persoal de enfermaría. No caso galego cumprirían unhas 10.000 para acadar a media da Unión Europea mentres, como constata o documento, o noso país segue perdendo profesionais por emigración xa só ao contar a mobilidade en territorio estatal.

A análise dos contratos realizados a enfermeiras polas diferentes comunidades autónomas durante o ano 2023 amosa que só media ducia teñen un saldo positivo neste indicador, isto é, a cifra de contratos que asinan con enfermeiras doutros territorios é superior aos que asinan as súas profesionais noutros lugares. Trátase de Catalunya -destacadamente-, seguida de Navarra, Madrid, Euskadi, Asturias e Balears.

En 2023 os contratos asinados por enfermeiras galegas noutras autonomías foron 255 máis que os rubricados en Galicia por profesionais chegadas de fóra. Só seis comunidades encabezadas por Catalunya teñen saldo positivo

No caso galego, nese 2023 o saldo foi negativo en 255 contratos. Mentres que foron pechados 125 contratos a enfermeiras procedentes doutras autonomías para traballar en Galicia, enfermeiras galegas asinaron 380 contratos fóra do país. O anterior ano no que foi analizada esta variable, o 2021, a fenda fora aínda superior, cun saldo negativo de -387 enfermeiras.

O propio informe suxire algunhas posibles razóns para estes movementos, alén das obvias diferenzas demográficas e a necesidade de máis profesionais para atender, por exemplo, as cidades de Madrid e Barcelona e a súa contorna. Unha delas, vén sinalar, pasa pola "disparidade na retribución económica", especialmente no que atinxe a elementos dos salarios como "produtividade fixa e outros complementos". Aínda que o nivel recoñecido polas comunidades autónomas para o complemento salarial da carreira profesional das enfermeiras é similar, identifícanse variacións económicas nas asignacións correspondentes a cada nivel da carreira", sintetiza.

O documento tamén analiza o que, para o conxunto do Estado, identifica como un "alto grao de temporalidade e parcialidade da xornada na contratación das enfermeiras. "Malia á mellora na calidade dos contratos reflectida na diminución da temporalidade, esta segue sendo elevada, acadando o 80% dos 113.367 contratos asinados en 2023, subliña nun contexto no que "persiste un elevado nivel de parcialidade", que chega a un terzo dos contratos.

Só Navarra por riba da media europea

A media da UE está nunhas 9 enfermeiras por cada 1.000 habitantes. Galicia destaca negativamente como a segunda autonomía máis afastada deste nivel, con apenas 5

Con este pano de fondo, a maior parte das comunidades autónomas, con Galicia nun lugar negativamente destacado, están lonxe de acadar a media dos Estados da Unión Europa na rateo de enfermeiras por cada 1.000 habitantes. Este indicador está "na contorna das 9", indica o informe do Ministerio, que se apoia en tres fontes estatísticas diferentes:  Eurostat, que sinala un 8,40; a Organización Mundial da Saúde, que o sitúa en 8,96, e a OCDE, que o eleva a 9,04. 

Tomando como referencia calquera das tres fontes estatísticas a conclusión é a mesma. Só Navarra se sitúa nun nivel semellante á media europea, ao contar con 8,84 enfermeiras por cada 1.000 habitantes en 2023. A seguintes autonomía máis próxima é Euskadi, con 7,99, e a maior distancia está Castilla-La Mancha, con arredor de 7,4. Pola contra, o propio informe evidencia as que teñen "rateos máis afastadas" da media europea están encabezadas por Murcia e Galicia, ao situarse o noso país en apenas 5,13.

Para chegar á media europea segundo Eurostat, en Galicia serían preciso sumar 8.848 enfermeiras ás actuais 13.890. Se o obxectivo fose achegarse á cifra da OMS a necesidade ascendería a 10.364 e se a referencia é a OCDE, sobe ás 10.581. A necesidade total para o conxunto do Estado supera as cen mil nos tres casos, segundo o informe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.