Galicia supera os 3.000 casos activos da COVID tras a xornada con máis PCR desde hai dous meses e medio

Cribado da COVID no Carballiño a comezos de febreiro de 2021 CC-BY-SA Sergas

A cuarta onda da COVID segue a aumentar o seu impacto en Galicia, pero continúa a facelo de xeito moderado, con lixeiros incrementos dos casos novos e activos e mais da hospitalización. 

O Sergas detecta 211 contaxios novos nunha xornada con máis de 9.000 probas PCR, unha cifra que non se superou nos dous ultimos meses e medio

Cos datos ata as 18 horas do sábado feitos públicos este domingo, o Sergas constata o aumento na detección de casos, ao sumarse 211 contaxios novos (191 confirmados por PCR), sete máis que na xornada anterior. Este suave incremento prodúcese, con todo, nun día no que, por mor da elevada cantidade de cribados, se superaron as 9.000 probas PCR, unha cifra que non se superaba desde hai máis de dous meses, o pasado 12 de febreiro. 

Concretamente, foron 9.022 PCR en 24 horas logo de que o pasado sábado se sobrepasase a barreira dos dous millóns de probas deste tipo en Galicia desde o inicio da pandemia. 

Por áreas sanitarias, Vigo segue a ser a máis castigada pola COVID, ao acumular un terzo dos contaxios de toda Galicia tras sumar 72 na última xornada. A continuación sitúase a da Coruña-Cee, con 40 novas infeccións, Pontevedra-O Salnes, con 35, Santiago-Barbanza, con 30, Ourense, con 18, Lugo, con 13, e Ferrol, só con tres. 

Galicia supera os 3.000 casos activos por primeira vez desde principios de marzo

Ademais, é aínda moi elevado o número de casos activos de coronavirus no país, ao superarse os 3.000 --concretamente 3.016-- nesta fin de semana, unha cifra da que se baixara a comezos de marzo e que agora se supera tras un ritmo contido de máis de 200 novas infeccións ao día, que non compensan as altas rexistradas nas últimas xornadas. 

Tampouco hai tregua na presión hospitalaria, logo do lixeiro descenso experimentado na xornada anterior. Nesta ocasión, aumenta en 15 a cifra de persoas hospitalizadas por mor da COVID en Galicia, con tres máis na UCI (46 en total) e 12 máis en planta, ata as 158. 

O número de doentes hospitalizados aumentou en todas as áreas sanitarias agás na de Santiago-Barbanza, onde se reduciu nunha. 

En canto á incidencia acumulada (IA) --casos novos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días-- por cidades, a de Vigo mantén a súa tendencia ascendente dos últimos días, situándose coa urbe con maior impacto da COVID e cunha IA de máis de 165, seguida pola Coruña, que se mantén por baixo dos 120. Lugo, malia estar nun nivel baixo, continúan cun incremento constante. 

Os bares seguirán pechando ás 21 horas

Por outra banda, as residencias de Galicia mantéñense este domingo sen casos de COVID nin entre usuarios nin entre o seu persoal, unha situación invariable desde o pasado 16 de abril e que ocorre por segunda vez na pandemia tras estar sen casos positivos varios días do pasado mes de xullo. 

Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descartou que o vindeiro comité clínico acorde ampliar o horario dos bares ata as 23 horas, como os restaurantes, pola lixeira "tendencia á alza" da epidemia en Galicia. Así, nunha entrevista na Radio Galega, advertiu de que non se pode "avanzar moi rápido" na desescalada e de que se debe ser "prudente" e ollar "a medio prazo". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.