Galicia volve superar os 4.000 casos activos pero con tres veces menos ingresos na UCI que a última vez

Atención sanitaria en instalacións de urxencias dun hospital galego CC-BY-SA Xunta

Galicia volve superar os 4.000 casos activos de coronavirus, algo que non ocorría desde o pasado 11 de setembro. Segundo os datos publicados na mañá deste sábado pola Consellería de Sanidade, son 4.396 xa as infeccións, logo de que se sumasen 426 nas últimas horas e despois de que os contaxios superasen o medio milleiro, con 572. 

No entanto, a presión hospitalaria descende un chisco ata as 104 persoas hospitalizadas por COVID en Galicia, tres menos que na xornada anterior, con dúas persoas máis na UCI pero cinco menos noutras unidades. 

A última vez que se superaron os 4.000 casos activos había nas UCI galegas case o triplo de pacientes COVID que agora: 43 fronte ás 15 nesta altura

En total, son 15 as persoas ingresadas en coidados intensivos, practicamente a terceira parte das que había (43) a última que se superaron os 4.000 casos activos aquel 11 de setembro. Entón eran 146 en total os ingresos por COVID en Galicia fronte aos 104 actuais. 

Os datos chegan só unhas horas despois de que a Xunta revelase que "máis do 65%" das persoas con coronaviurs que requiriron ingreso na UCI dende o 30 de outubro e ata o pasado 24 de novembro en Galicia "estaba sen vacinar". Foi o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública onde se debullan estes datos parte do argumento que a Xunta expuxo ante o TSXG para xustificar a esixencia da presentación do certificado COVID (de vacinación, de test negativo ou de enfermidade superada) como requisito para acceder aos restaurantes durante todo o día e nos bares e cafetarías dende as nove da noite e que foi aprobado este venres polo alto tribunal. 

Estes datos non distan moito dos que se tiran ao analizar as diferenzas entre este outono e o pasado: a igual incidencia, a pandemia provoca en Galicia tres veces menos ingresos e a sexta parte de mortes.

Por outra banda, por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en tres pero mantense ou é superior noutras dúas. En canto ás infeccións activas, a de Vigo segue liderando a suba (+135), seguida da de Ourense (+126), A Coruña e Cee (+49), Pontevedra e O Salnés (+38), Lugo (+29), Santiago e Barbanza (+28) e Ferrol (+21).

Xa que logo, a área de Vigo segue a ser a que máis casos de COVID rexistra (1.202), tras a de Ourense, con 1.134; A Coruña e Cee, con 636; Lugo, con 435; Santiago e Barbanza, con 385; Pontevedra e O Salnés, con 380; e a de Ferrol, con 224.

Todo tras unha xornada con 6.000 PCR, o número máis alto desde finais do pasado mes de agosto, e na que o Sergas notificou unha nova vítima, que eleva a cifra de persoas falecidas por coronavirus en Galicia a 2.666. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.