Hai xa 563 mil galegos no estranxeiro, pero só o 23% naceu en Galicia

Evolución das novas inscricións en Galicia no Padrón de residentes no estranxeiro, sobre a imaxe dun aeroporto © Montaxe: Praza.gal

563.303 galegos e galegas viven de forma permanente no estranxeiro, unha cifra en ascenso acelerado nos últimos anos grazas á Lei de Netos, pois 2026 marcou un récord nas novas inscricións (27.480)

563.303 galegos e galegas viven de forma permanente no estranxeiro. Trátase dunha cifra moi elevada que representa máis dun quinto das persoas que residen realmente en Galicia ou o 17% dese conxunto de 3,3 millóns de persoas inscritas legalmente en Galicia, ben residindo no interior (2,73 millóns) ou no exterior. Tan só a comunidade de Madrid ten máis persoas residindo no estranxeiro (600.696) para un Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) que este xoves actualizou os seus datos e que supera os tres millóns de persoas inscritas.

A maior parte deste censo é maior de idade, polo que ten dereito a voto nas eleccións xerais e eutonómicas que se celebrarán, previsiblemente, en 2027 e 2028. Este censo exterior, crecente, tivo nos últimos comicios celebrados en 2024 un peso moi pequeno debido á baixa participación.

Tres cousas chaman a atención nos datos coñecidos este xoves: por unha banda, o constante crecemento do número de persoas con nacionalidade española residentes no estranxeiro, cunha cifra de inscricións que se acelerou nos tres últimos anos en boa medida grazas á aplicación da coñecida como Lei de Netos. A terceira característica deriva precisamente deste aumento de inscricións: a inmensa maioría destes galegos e galegas residentes no exterior xa naceron no estranxeiro, cunha porcentaxe que medra ano a ano.

Das 27.480 novas inscricións a inmensa maioría corresponderon a persoas xa nacidas no estranxeiro (25.616). Arxentina lidera as altas

A coñecida como Lei de Netos (que en realidade é unha disposición específica da Lei de Memoria Democrática) entrou en vigor en outubro de 2022 e permaneceu vixente, grazas a unha prórroga, ata outubro de 2025. En virtude da norma, os fillos, fillas, netos ou netas de emigrantes con cidadanía española pudían solicitar tamén a nacionalidade española. Este instrumento, que ampliou os dereitos de cidadanía a unha xeración máis (os netos e netas) explica en parte as cifras récord de novas inscricións no censo de residentes do estranxeiro, que acadaron o seu máximo nos anos 2025 e 2026.

As persoas maiores de 65 anos representan xa o 32% do total deste padrón de residentes no estranxeiro

En 2026 foron 27.480 as novas inscricións e a inmensa maioría corresponderon a persoas xa nacidas no estranxeiro (25.616). Tan só 1.864, a cifra máis baixa da serie histórica, foron persoas nacidas en Galicia que pasaron a residir no estranxeiro. A maior parte das inscricións corresponderon a persoas residentes en América, sobre todo Arxentina (8.409), Cuba (4.952), Uruguai (2.786), Estados Unidos (1.799), Brasil (1.732), Venezuela (1.310) ou México (1.089). Países europeos que historicamente recibiron importantes continxentes de emigrantes galegos, como Suíza ou Reino Unido achegáronse tamén ao milleiros de inscricións.

Un total de 563.303 galegos e galegas viven no estranxeiro, nunha cifra que vén medrando de forma constante nas últimas décadas (un incremento do 47% dende o 2009). Esta diáspora é un colectivo cunha idade media avanzada, na que gañan peso as persoas maiores de 65 anos, que representan xa o 32% do total; os menores de 16 anos van reducindo ano a ano a súa proporción, ata o 8% actual.

A segunda gran característica é que, na súa maioría, as persoas que compoñen este censo naceron xa no estranxeiro. Dos 563.303 fixérono 431.511, o 76,6% do total; en 2009 era o 56,9%. De igual xeito, hai 17 anos o 42% deste padrón de residentes no estranxeiro naceran nalgún lugar do Estado español (maioritariamente na mesma provincia galega que están inscritos) e hoxe son tan só o 23%.

Onde viven estes galegos e galegas residentes no estranxeiro? Esa cifra total de 563.303 persoas repártese por un gran número de países de todo o planeta, aínda que o INE só ofrece información detallada sobre aqueles nos que residen, cando menos, un milleiro de persoas inscritas nalgunha provincia galega, un total de 70 países.

O lugar no que viven máis galegos e galegas é Arxentina (191.552), que se mantén como a quinta provincia galega, por diante de Brasil e Cuba, por riba dos 50 mil; de Uruguai e Suíza, con máis de 40 mil

O lugar no que viven máis galegos e galegas é Arxentina (191.552), que se mantén como a quinta provincia galega, por diante de Brasil e Cuba, por riba dos 50 mil; de Uruguai e Suíza, con máis de 40 mil; e de Venezuela 
Estados Unidos, Francia, Alemaña, Reino Unido e México. As cifras, ano a ano, tenden a crecer de vagar en case todos os países, pero con algunha excepción, coma a de Venezuela, en claro descenso, ou Suíza, que tamén experimenta unha diminución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.