Incendios (cando menos) en Ribas de Sil, Laxe e Vimianzo

Efectivos da Brif de Tabuyo no incendio de Ribas de Sil, na noite deste sábado a este domingo, 12 de xullo CC-BY-NC-SA Brif Tabuyo

As treboadas xeneralizadas deste pasado sábado (MeteoGalicia rexistrou máis de 5.000 raios en todo o país) tiveron tamén consecuencias no monte. As primeiras pescudas apuntan a que os tres incendios comunicados pola Xunta nesa xornada en Ribas de Sil, Laxe e Vimianzo tiveron nestas descargas a súa orixe.

As primeiras pescudas apuntan a raios coma orixe duns incendios nos que xa arderon unhas 400 hectáreas

Como adoito, a restritiva política informativa da Xunta impide afirmar que estes únicos incendios comunicados por Medio Rural sexan os únicos declarados no conxunto de Galicia. Dende o verán de 2009 o galego ten por norma xeral non dar conta dos que non superan as 20 hectáreas se non atinxen a zonas poboadas ou áreas ambientalmente protexidas. De feito, diversas fontes e os propios equipos de extinción apuntan a máis focos de menor dimensión este propio sábado.

Traballos de extinción en Ribas de Sil na noite do 11 de xullo e na mañá deste 12 de xullo de 2026 CC-BY-NC-SA Brif Tabuyo

Sobre os incendios si comunicados, o que xerou un escenario máis complexo foi o de Ribas de Sil. O impacto dun raio na parroquia de Soutordei prendeu lume a un monte no que a mediodía do do domingo xa arderan 100 hectáreas nun incendio que seguía activo no inicio desta semana. 

Precisamente, neste luns, Medio Rural actualizou os datos da superficie afectada polas lapas, que se elevou ata as 180 hectáreas por un fogo que creou os principais problemas nas súas primeiras horas, cando proximidade a un núcleo de poboación en Chenzas obrigou a declarar a situación 2 —por risco para as vivendas—, que foi pouco despois desactivada.

Ademais, o servizo ferroviario e a estrada que une as localidades de San Clodio e Casares sufriron varios cortes por mor do lume, que foi reavivado polos refachos dun vento moi cambiante nas últimas horas. 

O incendio de Ribas de Sil comezou pasadas as seis da tarde do sábado e os da Costa da Morte, polo serán e xa entrada a noite. Primeiro foi o de Vimianzo, contra as oito e cuarto, onde a primeiras horas do domingo xa arderan unhas 40 hectáreas na parroquia de Salto, estima Medio Rural. En Laxe o monte comezou a arder na parroquia de Nande dende pouco antes das 10 da noite e a superficie calcinada é maior, unhas 100 hectáreas.

Ao longo da xornada do domingo ambos fogos "acabaron por unirse" ata formar un só. A primeiras horas deste luns, a superficie ardida roldaba xa as 220 hectáreas, segundo Medio Rural, que informaba de que o incendio estaba xa controlado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.