Un home acoitelou a súa ex-parella en Ourense; en Ponte Caldeas outro agrediu tamén a súa ex-parella e escapou co bebé, xa atopado en bo estado
Dous posibles casos de violencia machista acontecidos esta semana están sendo investigados en Galicia. En Ourense, a Policía Nacional detivo un home tras agredir a súa ex-parella cunha arma branca en Ourense. Os feitos tiveron lugar a primeiras horas desta mañá no barrio de San Francisco, no interior dunha vivenda e no portal do edificio.
A muller, de 23 anos e cuxa vida non corre perigo, foi trasladada ao hospital logo de sufrir a agresión en presenza das súas dúas fillas, ambas menores de tres anos. A unidade especializada nestes casos, a de Atención á Familia e á Muller, xa investiga o ocorrido como un suposto caso de violencia de xénero.
En declaracións aos medios, o subdelegado do Goberno de España en Ourense, Eladio Santos, confirmou que a vítima ten cortes nos brazos, o pulso fracturado e un golpe na cabeza. Sobre o home non constaba ningunha denuncia previa por violencia de xénero e a muller non constaba no sistema Viogen.
Por outra banda, a Garda Civil busca un home, de 43 anos de idade, que agrediu a súa ex-parella en Ponte Caldeas e escapou co seu bebé, que foi atopado san e salvo cabo da casa reitoral e o cemiterio.
Orde de busca previa
Os feitos ocorreron a primeiras horas da tarde do pasado martes, cando o home agrediu a muller e escapou cara ao monte co cativo. O suceso provocou que se puxese en marcha un grande operativo de busca para atopar o pequeno, achado horas despois en bo estado.
Con todo, este mércores continuaba a busca do presunto agresor, sobre quen xa constaba unha orde de busca e detención por un caso previo.