Josefa Juncal Barreiro faleceu este 2 de outubro de 2024 aos 92 anos de idade. Tiña tres netas -unha delas, a cantante e presentadora Fátima Pego- e un neto... aínda que en realidade habería que contar un máis. Porque ela era Josefa de Bastavales, pandeireteira histórica cuxo nome ficou xunguido para sempre ao movemento bravú e algúns dos momentos máis vivos e creativos da cultura e da música galegas na década de 1990.
A música e as casualidades quixeron que a familia de Manu Chao adquirise unha casa na parroquia brionesa que Josefa levou no seu nome artístico, alí onde viviu malia ser de Tordoia. Por aquela vivenda e pola parroquia pasaron moitos músicos e músicas; Xurxo Souto, Pinto d'Herbón, Mercedes Peón... e moitos outros.
A histórica pandeireteira viviu unha segunda mocidade vital e musical da man de músicas e músicos aos que inspirou nun momentos máis vivos e creativos da cultura e da música galegas na década de 1990
Dun daqueles encontros xurdiu o emblemático Desaparecido de Chao (1998). Foi cando a señora Josefa lle dixo entre risas que andaba "desaparecido", porque había moito tempo que non pasaba por alí. E tamén xurdiron moitas outras cousas.
Foi da man de Manu Chao como Josefa viviu un aquel de segunda mocidade vital e musical. Os seus coñecementos coa pandeireta na man acabaron chegando a Francia, compartindo escenario e xira co fillo de Ramón Chao tras viaxar cunha manchea de artistas. Non lle dera medo ir no seu momento viaxar a León, como lle ía dar chegar a Lyon, conta Xurxo Souto que reflexionou Josefa daquela.
"A homenaxe a Josefa de Bastavales foi unha homenaxe a todas as mulleres bravas da nosa música",
"Marchei de xira con Manu Chao con 70 anos", lembraba hai tres anos nunha entrevista. De entrevistar, precisamente, tamén soubo Josefa de Bastavales naqueles anos. Non en van, ela foi unha das reporteiras do ¡Que serán?, o mítico e pouco lembrado programa de TVE en Galicia.
Moitas daquelas mozas e mozos bravús tributáronlle, hai agora unha década, unha agarimosa homenaxe da man do centro social compostelán A Gentalha do Pichel. "A homenaxe a Josefa de Bastavales foi unha homenaxe a todas as mulleres bravas da nosa música", evocaban.