Mavi Doñate, Fernando Garea e Lorenzo Milá, candidatos ao Premio Couso

Concentración ante a embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

A correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate; o correspondente do mesmo medio en Roma, Lorenzo Milá, e o ata hai unhas semanas presidente da Axencia Efe, Fernando Garea, son os candidatos ao XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciados no medio da polémica polo recurso do Goberno contra a indemnización á familia do cámara falecido en Iraq.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia destacou que os tres candidatos se distinguen "pola súa defensa da liberdade de prensa". No caso de Mavi Doñate, subliña a súa "disposición plena" para informar sobre unha extensa área xeográfica "chea de problemas e conflitos moi específicos". Esta correspondente, que ten Beijing como base, está servindo na actualdade "de liña informativa" sobre o coronavirus".

Os candidatos destacan "pola súa defensa da liberdade de prensa", de acordo co Colexio de Xornalistas

Fernando Garea, xornalista de longa traxectoria e especializado en crónica parlamentaria, foi proposto en xullo de 2018 polo goberno de Pedro Sánchez para presidir a Axencia EFE, pero ano e medio despois, o pasado mes de febreiro, comunicóuselle a súa destitución. O Colexio de Xornalistas indicou que "no sector dos medios eran coñecidas as súas diferencias con algunhas directrices" do executivo.

José Couso, nunha imaxe de marzo de 2003 no Hotel Palestine de Bagdad CC-BY-SA eldiario.es

O prazo para que os colexiados voten estará aberto ata o 3 de abril. A proclamación das candidaturas prodúcese dous días despois de que se coñecese a decisión do Goberno central de recorrer ante o Tribunal Supremo a decisión da Audiencia Nacional que obrigaba ao Estado a indemnizar á familia do cámara José Couso por "omisión de protección diplomática".

O propio Colexio de Xornalistas lamentou este recurso porque consideraba que a sentenza da Audiencia Nacional era "a primeira admisión oficial da indefensión da familia Couso e o recoñecemento da inacción da Administración ante o asasinato do xornalista galego".

O Colexio considera que "o verdadeiramente inasumible" é que os feitos continúen "impunes" 17 anos despois

O órgano colexiado fixo referencia nun comunicado ás palabras da ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, que considerou que asumir a sentenza sentaría un precedente "inasumible" para o Estado. "O verdadeiramente inasumible é que, logo de 17 longos anos, o asasinato de José Couso continúe impune e que a investigación deste crime siga a estar chea de estorbos", replicou o Colexio.

O terceiro candidato desta edición é Lorenzo Milá, que acumula unha longa experiencia como correspondente de Televisión Española. O seu traballo é "rigoroso e profesional" e el "é un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia do ente público" pola súa labor como presentador dos informativos en La 2 e en Telediario 2, segundo a asociación de xornalistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.