Menos persoas hospitalizadas por COVID e descenso estable de casos tras unha semana sen estado de alarma

Material para a toma de mostras de probas PCR no hospital de Ourense © Sergas

O Sergas notificou este domingo 126 novos casos de COVID e o número de persoas infectadas reduciuse en 33

O Sergas vén de sumar nesta última xornada 126 novos casos de COVID-19 á serie histórica da enfermidade en Galicia desde o comezo da pandemia, o que supón seguir mantendo o período máis estable desde o pasado verán. Redúcese o número de infeccións activas, con 33 menos, e o de positivos detectados en 24 horas, con 51 menos que os notificados o pasado sábado e 63 menos que hai sete días. 

Xa que logo, o país cumpre a primeira semana sen estado de alarma --e polo tanto sen peche perimetral nin toque de recoliida-- coa tendencia á baixa estable na evolución da COVID, con menos persoas enfermas, menos ingresadas e menos casos detectados.

Os hospitais galegos teñen 20 persoas menos ingresadas por coronavirus que hai unha semana, ao rematar o estado de alarma

A estabilidade na pandemia reflíctese ben nas cifras de hospitalizacións totais, cunha persoa ingresada máis por COVID en Galicia, ata alcanzar 173, pero cinco menos na UCI, cuns niveis á baixa de presión hospitalaria que non se rexistraban desde o pasado mes de setembro, ao iniciarse a segunda vaga. 

Malia o lixeiro incremento neste domingo, en total son 20 doentes menos ingresados por coronavirus nos hospitais galegos que os que había na primeira xornada sen estado de alarma, o pasado domingo 9 de maio, e co ritmo de vacinación aumentando cada vez máis. 

En coidados intensivos hai na actualidade en Galicia 35 persoas ingresadas por coronavirus, a cifra máis baixa desde o pasado 19 de abril e cun descenso paseniño pero constante desde hai unha semana. Son tres menos que o sábado e nove menos que hai sete días. 

Nesta última xornada a Xunta non comunicou falecemento ningún e a cifra de falecidos mantense nas 2.401 desde o inicio da pandemia. Ademais, nas últimas 24 horas realizáronse en Galicia algo máis de 6.330 probas PCR, unhas 200 menos que na xornada anterior. 

En Galicia hai 2.832 casos activos de coronavirus, 65 menos que o pasado domingo

En canto aos casos activos de COVID, Galicia conta agora con 2.832, que son 65 menos que os 2.897 de hai unha semana, no primeiro día sen estado de alarma. O descenso dáse en case todas as áreas sanitarias agás na de Ferrol, onde soben en dúas persoas, e na de Ourense, onde se manteñen en 211. Así, as persoas enfermas de coronavirus descenden en cinco na área de Vigo, en 14 na da Coruña, en seis na de Pontevedra e en cinco nas de Santiago e Lugo. 

Ademais, as residencias galegas volveron quedar este domingo libres de COVID logo de que recibisen o alta cinco usuarios do centro DomusVi de Chantada. 

Máis do 45% da 'poboación diana' xa foi vacinada

Por outra banda, son xa máis de 1.027.707 as persoas galegas que contan polo menos cunha dose da vacina contra a COVID, o 45,4% da poboación diana, susceptible de recibila. Ademais, un total de 534.814 teñen xa a pauta completa, segundo os datos actualizados este domingo pola Consellería de Sanidade. 

Así, foron xa inoculadas 1.595.240 doses --15.529 delas no último día--, o que supón o 96,96% das 1.645.165 recibidas polo Estado. Por condición de vulnerabilidade, administrouse polo menos a primeira dose a 13.055 persoas de alto risco --17 máis que no día anterior-- e 8.794 completaron a pauta --1.433 máis--, mentres que 852.307 persoas recibiron polo menos unha dose pola súa idade --10.402 máis-- e 409.186 finalizaron o proceso (8.287 máis).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.