Milleiros de paquetes e cartas sen entregar na Coruña polo "colapso" en Correos

Paquetes acumulados e sen repartir nunha oficina de Correos da Coruña CC-BY-NC-ND CIG

Milleiros de cartas e paquetes sen repartir e longas semanas de espera. Esa é a situación que desde hai meses afrontan moitos barrios da Coruña polo "colapso" no reparto que sofre Correos e que o seu persoal leva tempo denunciando. 

A mediados do pasado mes de setembro os cálculos do persoal advertían de 35.000 envíos paralizados nas oficinas da Coruña entre correo ordinario e notificacións, sendo a unidade de reparto do centro da cidade e mais a situada na Agra do Orzán —que abrangue os barrios máis poboados— as máis afectadas.

Un mes despois, coa volta de moito persoal de vacacións e os reforzos temporais contratados, a situación mellorou pero segue a ser de colapso, tal e como detallan os últimos datos achegados pola CIG, con arredor de 16.000 cartas, notificacións e paquetes acumulados e sen repartir aínda só nas dúas unidades de reparto máis afectadas da cidade (9.000 na da Agra do Orzán e 7.000 na do centro). 

Carteira de Correos en Galicia CC-BY-NC-ND CIG

Na primeira das unidades traballan, nesta altura, 13 das 22 persoas que hai no cadro de persoal, mentres que na segunda son 23 da 38, unha cifra que quedará reducida a 19 o vindeiro xoves, cando rematen a súa vinculación coa empresa os e as traballadoras de reforzo que asinan contratos por poucos días. No resto de unidades, segundo a CIG, é habitual que haxa épocas con menos do 50% do persoal. 

Unhas 35.000 cartas, notificacións e paquetes estaban sen repartir na Coruña a mediados de setembro; agora, unhas 16.000 seguen aínda á espera nas dúas oficinas máis colapsadas

Traballadores e traballadoras denuncian desde hai tempo esa falta de persoal suficiente, unha situación que se agrava coa chegada dos meses de verán, cando a falta de cobertura das baixas e dos postos das persoas de libranza, así como das xubilacións, acaba con ese "colapso", a "acumulación masiva de envíos" e unha "carga de traballo inasumible". 

Así o denuncia por exemplo a CIG, que culpa desta "gravísima situación" nas oficinas de reparto da Coruña ás "políticas de aforro irresponsábeis" por parte de Correos. A escaseza de persoal "obriga moitas traballadoras e traballadores a asumir de xeito habitual o labor de varias prazas sen substitución", o que deriva no aumento de baixas ante o "desgaste físico e mental" do persoal. 

A CIG denuncia unha "gravísima situación" provocada polas "políticas de aforro irresponsábeis" de Correos

"O pasado mes de agosto foi o máis nefasto da historia da empresa ao cargar ao persoal con reparticións imposibles, tendo que asumir até tres barrios por persoa", explican desde a CIG, que entende o "descontento" da cidadanía cun servizo postal que acotío acumula atrasos de varias semanas no reparto. 

Paquetes acumulados e sen repartir nunha oficina de Correos na Coruña CC-BY-NC-ND CIG

Desde a sección de CGT da Coruña en Correos advirten tamén que esta situación de "colapso" vén de lonxe e que se agrava no verán ao marchar a maioría de persoal de vacacións durante eses meses. "Ás xubilacións e baixas que non se cobren, máis a escaseza de persoal durante as vacacións, únense o feito de que non se reforce o servizo con contratacións temporais como se facía antes", explican. "Se un único traballador ten que facer dous barrios ou dous barrios e medio, non das abasto", engaden. 

O colapso provoca, como denunciou veciñanza pero tamén traballadores de Correos, que cidadáns reciban citacións xudiciais tres días despois da data na que tiña que presentarse ou citas médicas que tamén chegan fóra de prazo. "Hai que ter en conta que nesas notificacións que moitas veces chegan tarde hai cartas de Facenda, do Sergas ou dos xulgados, o que agrava aínda máis os problemas", di Román Pena, delegado da CIG. 

O BNG exixe ao Goberno de España "resolver o grave colapso"

Pena advirte que a política de recortes e redución de gastos levada a cabo por Pedro Saura desde que preside o Grupo Correos está "baseada en non cubrir prazas e en dicir que non ás demandas que chegan desde as oficinas centrais provinciais a Madrid". 

Ante esta situación, o BNG vén de presentar unha iniciativa no Congreso na que exixe "resolver o grave colapso e acumulación de traballo nas distintas unidades de reparto de Correos na Coruña". O seu deputado, Néstor Rego, reclama ao Goberno de España que aprobe un "plan de reforzo do persoal" que permita "dar un servizo postal universal de calidade". 

“As e os traballadores están a vivir unha situación de estrés e de carga de traballo inasumíbel", denuncia Rego, que na súa iniciativa tamén pregunta canto pagou Correos en indemnizacións "por non entregar notificacións en prazo na Coruña". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.