Entre os anos 1936 e 1942 foron enterradas en varias fosas do cemiterio de Serantes (na actualidade, parte do Concello de Ferrol) un mínimo de 197 persoas, a maior parte durante os meses que seguiron o golpe de Estado, o que situaría o lugar como un dos máis importantes da represión en Galicia
Entre os anos 1936 e 1942 foron enterradas en varias fosas do cemiterio de Serantes (na actualidade, parte do Concello de Ferrol) un mínimo de 197 persoas, a maior parte durante os meses que seguiron o golpe de Estado, o que situaría o lugar como un dos máis importantes da represión en Galicia. Este luns deu comezo unha cata arqueolóxica coordinada polo grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao CISPAC, que ten como obxectivo determinar a localización e o estado dunha das fosas da violencia franquista rexistradas no cemiterio.
Os traballos desenvolveranse ata o vindeiro 11 de setembro. Nos últimos meses leváronse a cabo os estudos históricos previos, da man da investigadora Lucía Santiago e que contou coa colaboración da Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e de familiares das vítimas. Os seus nomes poden ser consultados no apartado da fosa do cemiterio de Serantes da páxina web de Nomes e Voces.
Lucía Santiago destaca que “nesta investigación histórica tentamos determinar cantas persoas foron inhumadas entre 1936 e 1942, que é a última data da que temos rexistro". "A través da revisión bibliográfica críamos que a cifra oscilaba entre as 170 e 175 vítimas. A través do proxecto Nomes e Voces, 189, e despois deste traballo de investigación, cremos que 197 persoas”, explica.
Este luns deu comezo unha cata arqueolóxica coordinada polo grupo de investigación Histagra da USC. Os traballos desenvolveranse ata o vindeiro 11 de setembro
A investigadora detalla como se está a realizar “unha análise microespacial sobre a historia do cemiterio e as sucesivas transformacións”. A idea é tentar determinar “cantos espazos de enterramento irregulares poden seguir hoxe íntegros, cales poden estar alterados. Con esta cata e estes traballos tentamos dar unha serie de respostas a estas hipóteses”. Ademais, destaca que o chamamento realizado ás familias nas últimas semanas "tivo moi boa resposta”.
Os resultados do estudo arqueolóxico, coordinado por José Carlos Sánchez Pardo (grupo AEVUM da USC e CISPAC) e que desenvolve en campo Tempos Arqueólogos, determinarán as seguintes fases de traballo. No caso de seren localizados restos óseos terá lugar a análise forense, coordinada por Edgard Camarós (grupo GEPN-AAT da USC e CISPAC), que permitirá confirmar se se rexistran signos de violencia compatibles co obxecto da investigación.
"Facemos isto porque nos seguimos facendo unha pregunta: hai 90 anos comezaron a matar xente, pero ‘por que tiveron que matalos?’ É unha pregunta histórica, democrática e de dereitos humanos”, destacou en rolda de prensa Lourenzo Fernández Prieto
O catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto destacou na rolda de prensa ofrecida este martes 1 na que se deu conta do inicio dos traballos que "facemos isto porque nos seguimos facendo unha pregunta: hai 90 anos comezaron a matar xente, pero ‘por que tiveron que matalos?’ É unha pregunta histórica, democrática e de dereitos humanos”.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, tamén participou na rolda de prensa acompañado de Soledad Agra Tuñas, deputada provincial de Dereitos Civís. Formoso puxo o foco en como “a memoria democrática necesita fortalecerse”. Esta é, dixo, “unha investigación moi ampla, rigorosa, histórica que busca delimitar as fosas, escavar e recuperar os restos das vítimas”.
Os resultados do estudo arqueolóxico, coordinado por José Carlos Sánchez Pardo e que desenvolve en campo Tempos Arqueólogos, determinarán as seguintes fases de traballo
A intervención enmárcase no convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, con financiamento procedente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que prevé a investigación histórica, arqueolóxica e forense do cemiterio de Serantes (Ferrol), así como dos de Beira (Carral) e Boisaca (Santiago de Compostela).