A Asociación de mulleres do sector pesqueiro do Seo de Fisterra Ría Muros-Noia fíxose cun dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio polo proxecto da Aula sostible do Freixo, desenvolvido xunto as entidades de inclusión social Misela, Adisbismur e A Creba coa axuda do GALP Costa Sostible e o apoio do Concello de Outes
A Asociación de mulleres do sector pesqueiro do Seo de Fisterra Ría Muros-Noia vén de ser recoñecida co segundo premio á excelencia na innovación na actividade pesqueira dentro dos Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación polo proxecto cooperativo da Aula sostible do Freixo, desenvolvido xunto as entidades de inclusión social Misela, Adisbismur e A Creba co apoio do Concello de Outes.
Trátase dun espazo, creado a partir dunha axuda do GALP Costa Sostible, no que transforman residuos plásticos procedentes das actividades pesqueiras e do uso doméstico en ferramentas útiles para as e os profesionais do mar. Falamos coa presidenta da agrupación, Adela Lestón Mayo, sobre o teito de cristal das mulleres no mar, a protección do medio mariño e como a partir da colaboración coa rapazada destes centros de inclusión logran producir utensilios cun valor engadido que son moi demandados no sector.
Por que é necesaria esta asociación para mulleres do mar?
O noso territorio é moi extenso, vai desde Fisterra á Ría de Muros-Noia, e estamos un pouco afastadas unhas das outras. Hai poucas mulleres que pertenzan ao mundo do mar e quixemos estar máis en contacto, coñecer as necesidades que tiña cada unha desde o seu sector no mar e como se sentían elas dentro do traballo. O obxectivo principal da agrupación era estar unidas e saber o que reivindicabamos cada unha, que eran cousas moi parecidas aínda que non se puxeran nunca en común.
Cales son os principais aspectos que tiñan en común como mulleres do mar?
O que máis demandabamos todas era a formación para poder formar parte dos órganos de goberno das confrarías ou acceder a postos directivos nas empresas.
Nótase máis o teito de cristal neste sector?
No mundo do mar hai poucas mulleres e a maioría delas non chegan aos postos de mando.
Cales son as profesións principais das socias da zona de Fisterra e da Ría de Muros-Noia?
Hai armadoras, mergulladoras das que van por exemplo á navalla, mariñeiras... pero a maioría somos mariscadoras porque tamén é a profesión máis feminizada.
"Despois de facer limpezas de praias e outras accións xurdiu a pregunta de que facer con todo ese lixo, aí naceu a idea de darlle outra vida"
O proxecto da Aula sostible do Freixo, que impulsades desde a asociación, como xurdiu?
Tiñamos feito outros proxectos relacionados co lixo mariño porque unha das cousas que máis nos preocupa é a situación do medio ambiente e o cambio climático. É fundamental saber en que situación nos atopamos e que cantidades de lixo sacamos cada día para coidar o noso medio de vida, que é o mar. Despois de facer limpezas de praias e outras accións xurdiu a pregunta de que facer con todo ese lixo, aí naceu a idea de darlle outra vida para que non terminara nun centro de reciclado e acabase de novo no mar. Xa tiñamos contacto coas entidades de inclusión social e sabiamos que Misela dedicaba parte do seu tempo a reutilizar ese lixo, pero faltábanlle medios e espazo. As pezas para traballar o plástico e reconvertelo en cousas útiles son moi caras, por iso pensamos que era boa idea xuntarnos e facer algo máis grande en conxunto.
Como atoparon o lugar físico no que instalarse?
O Concello de Outes cedeunos unha pequena aula, que era unha escola unitaria que houbera no Freixo e levaba moitos anos sen uso. Non estaba adaptada para que persoas con discapacidades físicas ou psíquicas puideran traballar, pero grazas á colaboración municipal e ás subvencións do GALP Costa Sostible adaptámola entre todos. Tanto as mulleres da asociación como os membros dos colectivos de inclusión participaron pintando o local con murais e adornaron o espazo con aparellos que recollemos no mar.
"Para nós era moi importante facer algo útil para a xente do mar"
Como apuntaba antes, o obxectivo é dotar dun valor engadido a eses residuos, como se fai?
Para nós era moi importante facer algo útil para a xente do mar, aínda que tamén se fan perchas ou táboas para nasas de decoración. Fixemos saídas coa rapazada para recoller residuos nas praias e despois na aula iso límpase e transfórmase. Producimos uns instrumentos moi demandados, que son unha ferramenta imprescindible e hai moi poucos lugares onde a poidamos mercar, é un útil que se mete por dentro dos cintos tanto dos percebeiros como das mariscadoras. Unha especie de fivela na que enganchas as redes cando vas o percebe ou cando vas mariscar e tes que meter cada especie nunha bolsa. Tamén facemos agullas para as redeiras cunha medida especial que lles custa moito conseguir, compramos ese molde e agora temos moitísimos pedidos para as redeiras de Portosín e as confrarías da zona.
"No sector da pesca fai moita falta un relevo xeracional e penso que as novas xeracións o ven como unha saída"
Comezaron antes da pandemia co proxecto, sorprendeulles este premio do Ministerio?
Moitísimo, xa tiveramos un recoñecemento da Consellería, pero cando decidimos presentarnos agora non contabamos con gañar. Fixémolo coa intención de ter visibilidade porque o proxecto paga moito a pena. Como asociación engrandécenos moito e parecíanos que o feito de que entre nós, as tres asociacións e o concello houbese un entendemento total para sacalo adiante era algo merecedor de recoñecemento. O segundo premio son 12.000 euros, que na súa totalidade van ser reinvestidos na Aula sostible do Freixo.
Como é para a rapazada destes centros participar no proxecto?
Para eles saír dos centros, poder integrarse con outra xente e sentirse útiles é moi reconfortante.
Cre que é necesaria a visibilidade da asociación para que máis mulleres vexan o sector pesqueiro como alternativa laboral?
Eu quero pensar que proxectos coma este danlle visibilidade ás mulleres na pesca e que a día de hoxe, polo menos na contorna na que nós nos movemos, sábese que hai mulleres en diferentes sectores do mar. No sector fai moita falta un relevo xeracional e penso que as novas xeracións o ven como unha saída. Quizá é máis difícil que o vexan as mulleres máis novas, non no marisqueo e nas redeiras porque sempre estiveron moi ligadas á muller; pero noutras profesións do mar como armadoras ou mariñeiras estamos menos representadas.
"Agora mesmo si vexo mulleres representadas nas confrarías pero custa moito"
Vostede canto tempo leva como mariscadora?
Van xa trece anos. Sempre estiven coa asociación de mulleres e á parte tamén son vicepatroa da Confraría de Muros. Agora mesmo si vexo mulleres representadas nas confrarías pero custa moito. Á muller cústalle máis chegar aos órganos de goberno, ás veces porque nós mesmas pensamos que non podemos. Autoimpoñémonos unha serie de cargas familiares que fan que lle deamos máis importancia a iso que ao laboral, e ao mellor iso tamén nos impide chegar a postos de mando.
Tamén porque historicamente esa porta estivo pechada á muller.
Si, na maioría das confrarías a muller tardou bastante en entrar porque era un mundo de homes. Pero agora temos que facerlle ver á xente que iso non é así e que a muller pode ser patroa maior, vicepatroa, presidenta dunha agrupación ou calquera outro cargo de responsabilidade.
"Pouco importa que teñas unha campaña boa porque teñas prezos altos se na seguinte esa produción segue minguando"
Nas confrarías de Muros e Noia hai unha fonda preocupación polo vertido de augas residuais da mina de volframio de San Finx en Vilacova (Lousame), cuxa explotación foi autorizada de novo, e que chegaría a esta ría.
Hai incerteza e pesar por non saber o que vai pasar. Se hai calquera problema na mina é evidentemente que vai chegar o mar, e nesta ría moita xente vive do marisqueo. Hai medo porque a nosa actividade se vexa afectada por outra que non sabemos os resultados que vai dar, pois a mina leva tempo parada e poñela a funcionar agora non sabemos que garantías ten. Seguiremos mobilizándonos porque o marisqueo dá de comer a moitas familias e non se pode poñer iso en risco.
Considera que o sector da pesca en Galicia está adaptándose para ser competitivo no futuro?
No marisqueo, que é o que máis controlo, vexo todo un pouco bambeante. Agora mesmo temos uns prezos desorbitados e uns beneficios que responden a iso, porque a produción de marisco é escasísima. Pouco importa que teñas unha campaña boa porque teñas prezos altos –estase pagando o berberecho a 20 euros o quilo– se na seguinte esa produción segue minguando. A situación do berberecho, que era o rei na ría de Muros-Noia, é pésima.
Penso que non somos os mariscadores os que temos que saber por que pasa isto, ten que haber alguén que identifique as causas do que está sucedendo e as Administracións teñen que implicarse e axudar a buscar solucións. Como afecta o aumento da temperatura das augas polo cambio climático a estes moluscos non o sabemos, pero sabemos que afecta porque o berberecho falta. Precisamos que alguén o estude xa.