Un xuíz non cre que o Álvaro Cunqueiro de Vigo, "cunha capacidade total de case 1.500 camas", non puidese atender unha muller operada alí previamente que acabou derivada a Santiago
"Non é aceptable a escusa (non acreditada) de que 'non había camas dispoñibles' en dito gran hospital". Así, en referencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, desmonta un xuíz un dos argumentos cos que a Consellería de Sanidade tentou exculparse das graves secuelas que sufriu unha muller por un ictus logo de que no Hospital do Salnés non a derivasen por suposta falta de camas ao de Vigo, onde recibiría o tratamento adecuado, e a mandasen ao de Santiago, onde non coñecían os seus antecedentes.
A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Pontevedra agora feita pública analiza o caso dunha muller con aneurismas que foi operada no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para implantarlle dous stent. Ao día seguinte de darlle a alta a muller acudiu a urxencias do Hospital do Salnés, onde en lugar de remitila ao hospital de Vigo mandárona ao de Santiago, onde lle retiraron un medicamento antiagregante que tiña pautado da operación previa. Esa retirada causoulle un ictus con graves secuelas.
Tras acudir de urxencias ao Hospital do Salnés "debeu derivarse inmediantamente ao Hospital Álvaro Cunqueiro, ao tratarse moi probablemente dunha complicación postoperatoria", di o xuíz
O xuíz, baseándose en varias peritaxes de médicos expertos, considera que se a muller fose atendida no hospital vigués onde a operaran non se lle retiraría a medicación e evitaríase o ictus que sufriu. Segundo a sentenza, cando acudiu a urxencias no Hospital do Salnés "debeu derivarse inmediantamente ao Hospital Álvaro Cunqueiro, ao tratarse moi probablemente dunha complicación postoperatoria". Pero non se fixo e o xuíz considera que "non é aceptable a escusa (non acreditada) de que 'non había camas dispoñibles'" no Álvaro Cunqueiro.
O hospital vigués, di a sentenza, "dispón dunha capacidade total de case 1.500 camas, a súa infraestrutura está deseñada coa maioría das súas habitacións individuais, pero capacidade para ser convertidas en dobres cando a demanda o require, como ocorreu durante picos de urxencias ou na atención a pacientes de COVID-19".
Nese hospital vigués, di o xuíz, "non se lle suspendería a medicación" que tiña pautada tras a operación anterior. Pola contra, foi derivada ao hospital de Santiago, "no que non coñecían con precisión absoluta o seu estado previo" e no que se lle retirou a medicación "sen un diagnóstico definitivo de ictus".
Ante estes feitos, que o xuíz considera "mala praxis", a sentenza condena o Sergas a indemnizar a muller con 70.000 euros.