"O 1972 significou unha toma de conciencia para moita xente que despois influíu moito nas súas traxectorias vitais"

Monumento que lembra os feitos do 10 de marzo, obra de Xoán Braxe © Dez de Marzo Cincuenta Aniversario

Ao longo de todo este ano 2022 vén celebrándose o 50 aniversario da protesta obreira que no mes de marzo tivo lugar en Ferrol e que a ditadura franquista reprimiu violentamente, matando dous traballadores. En setembro chegará, ademais, o 50 aniversario da gran folga xeral que paralizou durante días a cidade de Vigo. Vigo e Ferrol, as dúas zonas máis industrializadas de Galicia nese momento e nas que o movemento obreiro tiña unha maior forza foron os polos máis importantes da oposición á ditadura. O outro foi Compostela, cidade universitaria, onde catro anos antes o movemento estudantil reclamou "liberdade" nunha protesta que tamén preocupou de forma notable ao réxime.

Máis dunha trintena de sinaturas lembran a súa participación nos movementos que neses anos se produciron en Compostela, Ferrol e Vigo e valoran o impacto que estas tiveron no conxunto da sociedade e nas súas propias vidas

Coincidindo co 50 aniversario das protestas obreiras de 1972, a Fundación 10 de marzo publicou o libro 'Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo', unha obra coral na que máis dunha trintena de sinaturas lembran a súa participación nos movementos que neses anos se produciron en Compostela, Ferrol e Vigo e valoran o impacto que estas tiveron no conxunto da sociedade e nas súas propias vidas. 

Na obra, coordinada por Ricardo Gurriarán e Emilio Crespo, participan Xesús Alonso Montero, Enrique Barrera, Suso de Toro, Suso Díaz, Xoaquín Fernández Leiceaga, Lourenzo Fernández Prieto, Ignacio Fernández Toxo, Eduardo Fra Molinero, Xosé González, Elvira Landín, Joám Facal, Bernardo Máiz, Esperanza Piñeiro, María Lopo, Manuel Rivas ou Ramón Villares, entre outros. 

Portada do libro 'Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo' © Fundación 10 de marzo

O Ateneo Ferrolán acolleu este mércores a presentación do libro na cidade naval, un acto no que ademais dos coordinadores participaron Sari Alabau e os historiadores Bernardo Máiz e Esperanza Piñeiro, coa que falamos sobre a obra e as conmemoracións que se están a levar a cabo neste ano de 50 aniversario das protestas do 72.

O 10 de marzo de 1972 ficou marcado como un momento fundamental da historia recente de Galicia, e de feito hoxe conmemórase como Día da Clase Obreira Galega. Pero a sociedade, sobre todo as novas xeracións, coñecen realmente o que sucedeu neses meses en Ferrol e Vigo? É necesario incidir, por exemplo a través de libros coma este, na difusión da historia deses anos en Galicia?

"É fundamental que as novas xeracións coñezan todo o que pasou aquí e a importancia que tivo para todos os territorios do Estado"

Si, tes razón. Pero por iso a importancia deste aniversario e da cantidade de iniciativas que se están levando a cabo. Ademais, para que todo o que pasou sexa coñecido polas novas xeracións, a Fundación 10 de marzo organizou durante anos un certame escolar en toda Galicia. Isto penso que foi moi importante, porque o que sucedeu en Galicia neses anos non está recollido nos libros de historia e polo tanto prodúcese unha lagoa que é necesario cubrir. E este ano o certame celebrouse nos concellos da ría de Ferrol e os rapaces fixeron cousas preciosas coas novas tecnoloxías, entrevistas, traballos escritos... Penso que é fundamental que as novas xeracións coñezan todo o que pasou aquí e a importancia que tivo para todos os territorios do Estado.

Neste senso, cres que se valora suficientemente a importancia que tivo a loita obreira e estudantil en Galicia e o seu papel no desgaste da ditadura e na fin do réxime? 

Efectivamente, as loitas que se levaron a cabo en Galicia tiveron unha grande importancia para a chegada da democracia e das liberdades anos máis tarde e o impacto sentiuse no conxunto de España. Os tres puntos fundamentais da loita contra a ditadura en Galicia foron as dúas cidades máis industriais, Vigo e Ferrol, e Santiago como cidade universitaria. Eu estaba neses anos estudando en Santiago, precisamente, e no libro conto a miña experiencia no movemento estudantil. 

"O que pasou en Ferrol e Vigo serviu para darlle un pulo novo ao movemento estudantil e para estendelo a reivindicacións concretas"

O que pasou en Ferrol e Vigo serviu para darlle un pulo novo ao movemento estudantil e para estendelo a reivindicacións concretas. Deuse un proceso moi importante en moita xente de toma de conciencia e de solidariedade. Estes tres movementos en Galicia foron fundamentais para conseguir a fin do réxime e a chegada da democracia. Xunto con outros movementos de protesta en toda España serviron para desgastar a ditadura, abrindo fendas nos grupos que apoiaban o franquismo.

Rafael Pillado, realizando unha ofrenda floral ao monumento do 10 de marzo © Dez de Marzo Cincuenta Aniversario

Víase preto o remate da ditadura?

Estabamos nun momento no se que comezaban a ver fendas no réxime. E mesmo a prensa, a pesar de que a censura era grande, comezaba a contar parte do que sucedía, os movementos de protesta, aínda que ás veces entre liñas. É importante ter en conta que nós eramos xa outra xeración, mesmo moitos dos que comezaban a ocupar os postos de poder xa non viviran a guerra. Con todo, tampouco ninguén tiña por seguro que o réxime fose durar só tres anos máis.

O libro é moi variado, nel participan un gran número de voces e sinaturas, con achegas de todo tipo. Esta pluralidade permite ofrecer unha imaxe integral de todo o que sucedía neses anos?

"Nese momento houbo moitísima represión. Houbo xente que foi expulsada da universidade, houbo despedidos nas súas empresas, houbo xente que pasou pola cadea... O custo persoal foi forte"

Gurriarán e Crespo, que son os coordinadores, propuxéronnos a un grupo amplo de xente que escribísemos un artigo contestando á pregunta de 'onde estaba eu', sobre como vivimos eses anos. Cada un dende o seu lugar, conta as súas lembranzas e as súas vivencias. Son artigos nos que se fala co corazón e nos que le lembran emocións. Ademais, o libro inclúe entrevistas aos protagonistas, tanto dos sucesos en Ferrol coma os de Vigo e unha serie de biografías dos protagonistas. E, finalmente, incorpora unha ampla hemeroteca: recortes de prensa e reproducións de como os xornais da época foron recollendo todos os acontecementos de Ferrol, Santiago e Vigo. É un libro que axuda a coñecer de maneira global o que pasou neses anos.

Daquela pregúntoche: 'onde estabas no ano 1972'?

Eu o 72 vivino en Santiago, onde eu era estudante. Alí dende antes dos sucesos de marzo en Ferrol levábanse a cabo xa protestas de todo tipo: encerros, saltos... E durante os meses seguintes fixéronse peches en varias facultades, o réxime chegou a pechar a universidade... Todo iso callou en min, foi un punto de inflexión na nosa toma de conciencia para a partir de aí comprometernos máis. Ese ano significou unha toma de conciencia para moita xente que influíu despois moito nas nosas traxectorias vitais. E no libro, os distintos colaboradores relatan como eses acontecementos e eses anos influíron nas súas vidas nas décadas seguintes.

Manifestación obreira o 10 de marzo de 1972, minutos antes dos asasinatos de Amador e Daniel © Fundación 10 de marzo

Fronte a algunhas críticas que dende o presente se fan ao xeito en que se desenvolveu a Transición ou ás renuncias que os grupos de esquerda tiveron que facer, cómpre facer fincapé no mérito que tiveron as vosas xeracións na chegada da democracia, os esforzos que realizastes e, en ocasións, o custo que a loita tivo para moitas persoas?

Si, hai que destacar que nese momento houbo moitísima represión. Houbo xente que foi expulsada da universidade, houbo despedidos nas súas empresas, houbo xente que pasou pola cadea... O custo persoal foi forte.

"Hai que seguir sempre mirando cara adiante, porque nos quedan moitas cousas por conseguir e tamén moitos dereitos xa acadados que temos que defender, porque en ocasións hai pasos atrás"

A correlación de forzas era a que era e sabíase que a ruptura total ía ser difícil. Por iso víñase xa propugnando unha política de paz, perdón e reconciliación nacional. Puido conseguirse máis do que se conseguiu, pode ser, pero hai que valorar como se construíu unha sociedade democrática. Aínda hai moito por facer: acabar coa precariedade laboral, conseguir unha verdadeira igualdade na sociedade... Son cousas que temos que seguir loitando, as actuais xeracións e as que virán. 

O 72 debe celebrarse mirando cara ao presente e ao futuro e non só como unha análise do pasado?

Si, hai que seguir sempre mirando cara adiante, porque nos quedan moitas cousas por conseguir e tamén moitos dereitos xa acadados que temos que defender, porque en ocasións hai pasos atrás. Por iso é tan importante que todo isto chegue ás novas xeracións, e que os escolares coñezan a nosa historia recente, para que teñan perspectivas de futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.