Galicia é a terceira comunidade na que unha maior porcentaxe da poboación, un 36,2%, sufriu nos últimos doce meses algún síntoma de depresión. Tan só a Comunidade Valenciana (41,4%) e Madrid (36,3%) presentan cifras superiores
Nos últimos anos o problema da saúde mental saltou á palestra. Un conxunto de enfermidades e situacións das que antes non se falaba comezaron a abordarse -timidamente- en público, deixando ao descuberto unha problemática que afecta a unha parte significativa da sociedade, tanto na mocidade coma nas persoas de máis idade, especialmente na vellez. A pandemia, ademais, agravou o estado de moitas persoas e a limitación dos recursos ofrecidos polo sistema público de saúde en Galicia ameaza con empeorar a situación.
Hai uns dúas o INE publicou unha nova entrega da súa competa Enquisa de Saúde, un traballo estatístico que cada seis anos pon cifras ao estado da saúde da cidadanía e ás condicións nas que accede á asistencia sanitaria. Nesta ocasión, por primeira vez, o INE dedica un apartado específico á saúde mental, poñendo o foco especialmente nos síntomas de depresión, unha das doenzas mentais máis comúns e estendidas entre a poboación.
Entre as mulleres galegas, case o 44% sufriu algún síntoma de depresión, unha porcentaxe que nos homes baixa ata o 28%
A Enquisa de Saúde amosa, neste senso, que Galicia é a terceira comunidade na que unha maior porcentaxe da poboación, un 36,2%, sufriu nos últimos doce meses algún síntoma de depresión. Tan só a Comunidade Valenciana (41,4%) e Madrid (36,3%) presentan cifras superiores a Galicia, que supera amplamente a media española (29,9%). O 6,26% dos galegos e galegas presentaron unha sintomatoloxía grave ou moderadamente grave, de novo por riba da media española (5,75%).
Entre as mulleres galegas, case o 44% sufriu algún síntoma de depresión, unha porcentaxe que nos homes baixa ata o 28%. Cómpre lembrar que Galicia é o territorio do Estado con máis consumo de hipnosedantes, especialmente en mulleres de 55 a 64 anos
O 17% da poboación galega sofre algún cadro depresivo de importancia, fronte ao 15% da media do conxunto do Estado. Entre as mulleres a media aumenta ata o 19%, fronte ao 13% dos homes
A enquisa, que non ofrece datos segmentados por idade ou clase social para cada comunidade autónoma, amosa que son as persoas que máis de 65 anos as que máis sofren síntomas depresivos, que tamén aumentan entre as persoas incapacitadas para traballar.
O INE recolle tamén información sobre a prevalencia de cadros depresivos severos, que chegan ao 7% da poboación galega, neste caso algo por debaixo da media española. Iso si, sumando outros cadros depresivos, de carácter máis leve, atopamos que o 17% da poboación galega sofre algún cadro depresivo de importancia, fronte ao 15% da media do conxunto do Estado. Entre as mulleres a media aumenta ata o 19%, fronte ao 13% dos homes.
Unhas 126.700 persoas que en Galicia necesitaban acceder a atención á súa saúde mental non puideron facelo pola falta de recursos económicos e o custo do servizo
A Enquisa, que preguntou tamén polas dificultades de acceso á atención sanitaria, ben polas listas de espera, ber por motivos económicos, sinala que unhas 126.700 persoas que en Galicia necesitaban acceder a atención á súa saúde mental non puideron facelo pola falta de recursos económicos e o custo do servizo. É aínda unha porcentaxe pequena da poboación adulta (un 4,8%) pero representa un crecemento moi forte en relación aos datos da enquisa de 2017. Nese momento, esta situación afectaba unicamente a 1.200 perosas, segundo o INE, o 0,1% da poboación.
Obesidade
O INE achega datos, tamén, sobre o índice de masa corporal (IMC) da poboación, con información sobre se o seu peso se atopa nas marxes recomendadas para a súa estatura. A enquisa sinala, neste senso, que só o 42,5% da poboación galega se atopa en situación de normopeso, é dicir, de peso dentro da norma recomendada. Mentres, case un 56% dos galegos e galegas pesan máis do que deberían; un 38% ten sobrepeso e un 17,9% sofre obesidade, cun 1,7% de poboación que mesa menos do que debería.
O INE amosa que a obesidade é máis habitual entre as mulleres galegas (19,2% fronte a 16,5% dos homes) pero en xeral hai máis homes con máis peso do recomendado (62,5%) que mulleres con ese problema (49,9%)
O INE amosa que a obesidade é máis habitual entre as mulleres galegas (19,2% fronte a 16,5% dos homes) pero en xeral hai máis homes con máis peso do recomendado (62,5%) que mulleres con ese problema (49,85%). As mulleres, en cambio, sofren máis o problema do peso insuficiente (2,54% fronte a 0,72%).
Os datos sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con máis problemas de sobrepeso e obesidade en todo o Estado. En concreto, é o cuarto territorio con maior prevalencia da obesidade, só despois de Canarias, Murcia e Castela-A Mancha e a o quinto con máis poboación con máis peso do recomendado, por detrás de Castela-A Mancha, Andalucía, Murcia, Asturias e a Comunidade Valenciana.
Os datos sitúan a Galicia entre as comunidades autónomas con máis problemas de sobrepeso e obesidade en todo o Estado. En concreto, é o cuarto territorio con maior prevalencia da obesidade
No outro extremo, País Vasco e Cantabria son os territorios con menos problemas de obesidade e Cataluña, Baleares, Navarra, A Rioxa e Madrid aparecen tamén entre as comunidades con menos sobrepeso.
O sobrepeso é unha cuestión ligada, en parte, á situación económica, e é por iso que os territorios máis ricos sofren menos o problema. Tamén hai máis sobrepeso entre a poboación de máis de 65 anos e, como vimos antes, entre os homes.
O sobrepeso afecta en Galicia ao 26% dos menores de 18 anos, sen grandes diferenzas por sexo, e cun 8% con obesidade
O sobrepeso afecta tamén en Galicia ao 26% dos e das menores de 18 anos, sen grandes diferenzas por sexo, e cun 8% de nenos, nenas, mozos e mozas con obesidade. Hai, ademais, un 9,4% de menores (11,4% entre os varóns) con peso insuficiente.
Postos en comparación cos datos de 2011 e 2017, vemos que nos últimos seis anos en Galicia o sobrepeso e a obesidade infantil aumentaron lixeiramente, pero sen chegar aos datos de 2011, moi superiores aos actuais.
A obesidade infantil aumenta en Galicia. En cambio, as cifras de sobrepeso e obesidade entre a poboación adulta amosan unha tendencia á baixa
En cambio, as cifras de sobrepeso e obesidade entre a poboación adulta amosan unha tendencia á baixa. No 2017 había un 60% de persoas con peso excesivo e agora a porcentaxe caeu ao 56%. O descenso produciuse tanto en homes (con cifras superiores) coma en mulleres. En cambio, está a aumentar a porcentaxe de persoas (sobre todo mulleres) con problemas de peso insuficiente (do 1,6% ao 2,5%).