O 90% dos concellos galegos, obrigados a facer medicións de radon nos postos de traballo

Sistema para a medición automática dos niveis de radon, desenvolvido pola USC, e un mapa cos concellos que rexistran maiores concentracións deste gas © USC

Este xoves celebrouse o Día Europeo do Radon, no que se busca incrementar o nivel de concienciación sobre os perigos da exposición prolongada a este gas

Este xoves celebrouse o Día Europeo do Radon, unha xornada na que se busca incrementar o nivel de información e de concienciación da cidadanía sobre os perigos da exposición prolongada a este gas de orixe natural e que pode incrementar o risco de sufrir cancro de pulmón. De feito, a exposición ao radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Ademais, pode incrementar o risco de sufrir tumores cerebrais

O radon é un elemento radiactivo natural que procede da codia terrestre, produto da descomposición do uranio. É un gas, que nese proceso de descomposición, emerxe cara á superficie. O que sucede é que cando atopa unha construción, tende a acumularse no seu interior, porque non pode saír cara a fóra, por un efecto de campá ou burbulla. Esa é a razón de que nas vivendas ou nos lugares de traballo adoita haber máis radon que ao aire libre.

Dadas as características xeolóxicas do seu solo (por exemplo a alta presenza de granito), Galicia -especialmente o sur do país- é unha zona de elevada de exhalación de radon, a máis elevada do Estado xunto co oeste de Asturias e Castela-León, norte de Estremadura e algunhas zonas de Andalucía. De feito, a gran maioría dos concellos galegos inclúen espazos susceptibles de acumular niveis de radon considerados perigosos (superiores aos 300 becquerelios por metro cúbico) e o 18% das vivendas de Galicia e unha porcentaxe semellante dos postos de traballo superan estes niveis máximos de radon recomendados pola OMS

Dende hai anos o Laboratorio de Radon de Galicia da USC vén realizando de forma sistemática medicións sobre a presenza en vivendas galegas deste gas. © radon.gal

 Dende o pasado mes de xuño está en vigor unha directiva europea aprobada no ano 2018 que obriga á realización de análises nos postos de traballo situados na planta baixa nos “termos municipais de actuación prioritaria”, que en Galicia son case todos

O 2024 está a ser un ano importante no labor de protección ante os perigos do radon. O pasado 22 de xuño entrou en vigor no Estado español unha directiva europea aprobada no ano 2018 que obriga á realización de análises nos postos de traballo situados na planta baixa nos “termos municipais de actuación prioritaria”, que en Galicia son case todos. De feito, 290 dos 313 concellos galegos aparecen clasificados como municipios de Zona 2 e polo tanto as análises son alí obrigatorias. Ademais, outros 19 clasifícanse como Zona 1, o que implica tamén unha serie de obrigas e medidas de protección. Tan só catro (A Lama, Sobrado, Cerdido e Moeche) figuran fóra de todo risco.

España foi un dos países da UE que máis tardou en aplicar a directiva europea, aplicando unha moratoria de catro anos, o máximo permitido. Portugal, por exemplo, comezou a aplicala no mesmo ano 2018, e outros países, ademais, levan a cabo medidas máis estritas que as que finalmente se van lvar a cabo no Estado. O atraso español na aplicación destas disposición foi criticado dende distintos ámbitos.

Ademais das análises obrigatorias nos postos de traballo, as novas normas implican cambios na forma de construír, de xeito que as novas edificacións deben incorporar barreiras de protección entre o terreo e os locais habitables do edificio, que limiten o paso dos gases procedentes do terreo. 

290 dos 313 concellos galegos aparecen clasificados como municipios de Zona 2 e polo tanto as análises son alí obrigatorias. Ademais, outros 19 clasifícanse como Zona 1, o que implica tamén unha serie de obrigas e medidas de protección

Dende hai anos o Laboratorio de Radon de Galicia da USC, dirixido polo Catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública Alberto Ruano, vén realizando de forma sistemática medicións sobre a presenza en vivendas galegas deste gas. Suma xa máis de vinte mil medicións para máis dun milleiro de clientes. Con toda a información recollida en anos de traballo, o Laboratorio desenvolve o Mapa do Radon de Galicia, que amosa as zonas cunha maior concentración deste gas.

Máis aló dos valores máximos detectados, importan os medios e, sobre todo, a porcentaxe daqueles que resultaron superiores ao límites establecidos por organismos de saúde, coma os 300 bequerelios por metro cúbico (algunhas recomendacións máis estritas reducen o límite ata os 200 bequerelios).

Dende hai anos o Laboratorio de Radon de Galicia da USC vén realizando de forma sistemática medicións sobre a presenza en vivendas galegas deste gas. Suma xa máis de 20.000 medicións para máis dun milleiro de clientes

En 98 concellos ningunha das medicións superou estes 300 bequerelios por metro cúbico, un número de localidades que baixa ata 60 se o límite máximo se establece nos 200 bequerelios. Porén, pola contra, en 74 cando menos un terzo das medicións superaron este límite de 300, o que apunta a elevadas concentracións de gas en boa parte do termo municipal.

As zonas que aparecen máis expostas a este problema pertencen principalmente ás provincias de Ourense e Pontevedra, o sur do país. Porén, tamén a parte máis occidental da provincia da Coruña e algunhas zonas da de Lugo suman unha elevada porcentaxe de medicións por riba do límite.

As zonas que aparecen máis expostas a este problema pertencen principalmente ás provincias de Ourense e Pontevedra, o sur do país. Porén, tamén a parte máis occidental da provincia da Coruña suma unha elevada porcentaxe de medicións por riba do límite

Se en lugar de observar o dato das medicions por riba do límite, se toma en conta a media xeométrica destas medicións, vemos como Carballeda de Avia, A Lama, O Covelo, Oímbra, O Bolo, Entrimo, A Mezquita e Avión son os concellos con maiores concentracións de radon, todoas por riba dos 400 bequerelios por metro cúbico, aínda que cun número pequeno de medicións en cada lugar, o que pode desvirtuar os datos.

Nas cidades, en cambio, o número de medicións realizadas foi moito máis elevado (en Vigo foron máis de 600, Compostela chega a 400 e A Coruña e Ourense superan as 200). Ourense (23% de medicións por riba do límite), Pontevedra (21%), Vigo (15%) e Santiago (14%) son as urbes con maiores niveis, á vista dos datos

Estratexia da Xunta para reducir a exposición da cidadanía ao radon

Ourense (23% de medicións por riba do límite), Pontevedra (21%), Vigo (15%) e Santiago (14%) son as urbes con maiores niveis, á vista dos datos recollidoso polo Laboratorio

Coincidindo coa entrada en vigor da normativa que obriga á realización de medicións nos postos de traballo, tamén dende a Xunta están a darse pasos adiante no obxectivo de mellorar os controis e reducir a exposición da cidadanía ao radon. O pasado luns o Consello da Xunta deu o visto e prace ao informe sobre a Estratexia galega reduce radon, unha iniciativa da Consellería de Sanidade para o período temporal 2025-2030.

No marco desta estratexia crearase unha comisión interdepartamental, adscrita á Consellería de Sanidade, para coordinar e impulsar as políticas públicas en relación ao gas radon. Ademais, a Xunta medirá os niveis do radon en centros sanitarios, educativos, sociosanitarios e fomentará a medición nos fogares e centros de traballo privados. Así mesmo, iniciarase a recollida de información relacionada coa exposición ao radon no ámbito laboral e domiciliario para ser incorporada á carpeta persoal e á historia clínica de cada paciente. Finalmente, impulsarase a investigación de excelencia entre a saúde pública e outras áreas de coñecemento, en colaboración coas universidades galegas.

A información e divulgación sobre as características do radon é un labor moi importante, sobre todo se temos en conta que o 60% da poboación descoñece as medidas para reducir a incidencia do canceríxeno radon nos fogares

A información e divulgación sobre as características do radon é un labor moi importante, sobre todo se temos en conta que o 60% da poboación descoñece as medidas para reducir a incidencia do canceríxeno radon nos fogares, segundo revelaba unha enquisa realizada hai uns meses por un equipo da USC.

Neste contexto, este venres o Laboratorio de Radon de Galicia organiza a Xornada Aberta: RADON EN GALICIA na que a entidade busca responder as dúbidas da cidadanía sobre este gas. No acto, que se desenvolverá na Facultade de Medicina da USC, proxectarase o vídeo explicativo Teño niveis de radon altos na casa, agora que? e sortearanse 20 medicións de radon de balde.

Imaxe da xornada organizada polo Laboratorio de Radon de Galicia © radon.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.