O Colexio de Enfermería de Lugo censura tamén o Sergas por revelar datos persoais dunha traballadora que protestou

Apoio ás enfermeiras eventuais dende o HULA de Lugo © Enfermeiras eventuais

O Sergas volveu indignar as enfermeiras eventuais que levan meses loitando contra a súa precariedade e reclamando condicións dignas de traballo. A Consellería de Sanidade respondeu ao testemuño dunha das profesionais no programa Espejo Público, de Antena 3, "expoñendo datos persoais", acusándoa por ter rexeitado un contrato de continuidade e advertindo, inexactamente, de que suspendera dúas veces as oposicións.

O Colexio de Enfermería de Lugo amosa o seu "malestar" co Sergas por "menoscabar o dereito á intimidade" dunha traballadora e "ratifica" as súas críticas

Eventuais en Loita, que impulsa as masivas protestas do colectivo, amosou a súa indignación, cualificou de "lamentable" a resposta, advertiu das mentiras do Sergas e non descarta denuncialo por difundir datos persoais. Pero a indignación esténdese e chegou ao Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, a onde está colexiada a afectada, Alba Rodríguez, que apañou innumerables apoios desde a súa intervención televisiva. 

O Colexio lucense amosa nun comunicado o seu "desconcerto e malestar" pola información subministrada pola xerencia do Sergas ao programa, que considera unha "reprochable actuación que menoscabou o dereito á intimidade e a honra profesional" desta enfermeira por unhas declaracións que a entidade di "ratificar integramente". 

O Colexio Oficial de Enfermería de Lugo lembra que "a contratación precaria, e en moitos casos irregular, dos profesionais do Sergas é unha realidade" contra a que loitan "desde hai xa anos". "É inaceptable que, para tratar de rebater as acertadas manifestacións sobre este grave problema de contratación pública, o Sergas facilite, sen a súa autorización, informacións --moita delas incorretas, que abranguen a súa esfera persoal, co único obxectivo de desacreditala", denuncia.

O Colexio ve "inaceptable" a resposta do Sergas e lembra que "a contratación precaria é unha realidade" e que é "lóxico" rexeitar o contrato de continuidade

Respecto das alusións do Sergas no programa, que trasladou que a enfermeira suspendera dúas oposicións, o Colexio lembra que Alba Rodríguez "participou e superou os procedementos de 2009, 2015 e 2017, tal e como coñece o Sergas", malia que "non se lle permitise obter praza en propiedade". 

En canto á decisión que adoptou sobre o contrato de continuidade, lembran que é "parte do seu ámbito privado" e que esa vinculación "é voluntaria". Ademais, advirten de que as condicións deste novo modelo "non supoñen unha mellora das condicións laborais dos profesionais sanitarios, senón só unha nova modalidade contratual que permitirá ao Sergas dispor de profesionais a demanda, sendo lóxico e normal que sexa obxecto de rexeitamento"

"Contratos fraudulentos"

O Colexio ratifica tamén as acusacións da enfermeira sobre "contratos fraudulentos" na sanidade pública galega. "A utilización fraudulenta de contratos eventuais fronte ás interinidades ou contratos de substitución empeora aínda máis a situación laboral dos traballadores", di a entidade nun comunicado asinado pola súa presidenta, Lourdes Bermello López. 

O testemuño de Alba é un dos que desde hai meses difunden moitas enfermeiras da man do colectivo Eventuais en Loita. Denuncian a súa precariedade poñendo cifras a unha realidade cada vez menos agochada. O caso desta traballadora do Sergas é o dunha vida laboral con máis de 400 contratos asinados en nove anos e medios cotizados durante 14 anos de vinculación co Servizo Galego de Saúde. Hai moitos máis, como o da súa compañeira Mónica, “once anos a dispoñibilidade do Sergas, 557 contratos e 5 anos e medio cotizados”

A resposta do Sergas foi acusar persoalmente unha traballadora, o que ergueu unha campaña de apoio que mesmo provocou a denuncia do Colexio de Enfermería ao que está asociada. Non é a primeira vez que un colexio profesional advirte da situación precaria da sanidade galega. O pasado mes de agosto, o Colexio de Médicos de Pontevedra clamou contra "deterioración próxima ao desastre" da sanidade pública.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.