O Comité de Ministros do Consello de Europa insta á Xunta a asegurar que o galego estea "dispoñible" en todos os niveis do ensino e pídelle que tome medidas para garantir o uso do galego nas instalacións sanitarias e de atención social
O Comité de Ministros do Consello de Europa aprobou este martes unha recomendación dirixida ao Estado español sobre a aplicación da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en liña co sexto informe de avaliación sobre o cumprimento da Carta, feito público o pasado mes de setembro. Na súa xuntanza celebrada en Estrasburgo o Comité insta as autoridades españolas -tanto ao Goberno central coma aos gobernos autonómicos- a ter en conta todas as recomendacións realizada polo Comité de Expertos en relación coa protección, normalización e impulso de todas as linguas do Estado.
Naquel informe, baseado na información proporcionada polas distintas administracións e tamén na recollida directamente polo comité de expertos nas visitas realizadas a principios deste 2024, pedíase por exemplo a "eliminación das limitacións" que "impiden que o galego poida usarse" nas materias escolares de ciencias. Ademais, lembrábase que o ensino en galego "só está presente nunha parte das escolas infantís".
Tamén se pedía asegurar que "as instalacións de atención social como hospitais, residencias da terceira idade e albergues ofrecen o uso do galego". E, igualmente, instábase a garantir que os tribunais de xustiza "desenvolvan procedementos en galego se o pide unha das partes".
Demándase que "a lexislación garanta" que os procedementos nos tribunais de xustiza de Galicia se realicen en galego cando así o pida unha das partes e que se "leven a cabo accións para asegurar" que isto se leva á práctica
Nas recomendacións aprobadas este martes destácase a petición de que a Xunta de Galicia "tome medidas para asegurar" o uso do galego nas instalacións sanitarias e de atención social. Tamén se reclama que a educación en galego estea "dispoñible" en todos os niveis do ensino, como se recolle na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias que España asinou en 2001.
Así mesmo, demándase que "a lexislación garanta" que os procedementos nos tribunais de xustiza de Galicia se realicen en galego cando así o pida unha das partes e que se "leven a cabo accións para asegurar" que isto se leva á práctica. Finalmente, ínstase a "asegurar" a través das "medidas oportunas" que as persoas falantes de galego poidan relacionarse con todas as administracións nesta lingua en Galicia.
Pídese a Estremadura que asegure a aprendizaxe da fala nos centros de ensino
De igual xeito, o documento inclúe unha recomendación dirixida á Junta de Estremadura, á que insta a realizar "medidas inmediatas" para a asegurar o ensino e o estudo da fala (o galego falado no Val de Xálima) en todos os niveis do ensino.
As respostas da Xunta: igualdade de linguas nas aulas e o galego "non vetado" nas ciencias
As recomendacións do Comité de Expertos foron contestadas no seu momento pola Xunta, que realizou unha defensa xeral do decreto que rexe o uso das linguas no ensino
As recomendacións do Comité de Expertos foron contestadas no seu momento pola Xunta, que realizou unha defensa xeral do decreto que rexe o uso das linguas no ensino, afirmando que galego e castelán se atopan nunha posición de "equilibrio" nas aulas. O Goberno galego rexeitaba ademais que o galego estea vetado nas ciencias porque na ESO e no Bacharelato, din, si se emprega "especificamente" en Ciencias Naturais e Bioloxía e Xeoloxía.
En canto ao dereito a ser atendido en galego na sanidade pública, a Xunta asegurou estar facendo "esforzos" para mitigar a "escaseza de persoal médico" e, ao tempo, "asegurar que ten a habilidade de usar o galego no seu traballo"