O Concello da Coruña intervirá a concesión do servizo de xestión de tratamento de residuos da planta de Nostián se a empresa concesionaria -Albada, filial de Urbaser- non abandona a súa negativa a tratar o lixo procedente do resto de concellos da comarca a partir do 1 de xaneiro. A decisión de Albada, que supuxo unha modificación unilateral das condicións de prestación do servizo e incumpría o convenio asinado co Consorcio das Mariñas, serviu como base á presentación dun ERTE de dous anos de duración que afectaba a 39 traballadores e motivou a pasada semana o inicio dunha folga de recollida.
O Goberno local dálle un prazo de tres días á empresa concesionaria Albada para que abandone a súa negativa a tratar o lixo procedente dos restantes concellos da comarca e anule o ERTE presentado
A intervención foi aprobada na mañá deste martes pola Xunta de Goberno Local e executarase dentro de tres días. Ese é o prazo que ten Albada para reconsiderar a súa postura. De non facelo, o Concello asumirá as potestades organizativas na Planta de Nostián durante oito meses, co obxectivo de garantir o servizo, anulando ademais o ERTE presentado pola empresa.
Utilizará o mesmo persoal e material do concesionario, sen que poida alterar as condicións da súa prestación. O Goberno local designará un interventor técnico que substituirá plena ou parcialmente os elementos directivos da empresa. A explotación efectuarase por conta e risco da concesionaria a quen se lle entregará, ao finalizar a intervención, o saldo activo que resultar unha vez satisfeitos todos os gastos, mesmo o salario do interventor.
A decisión foi adoptada ante unha "perturbación grave e temporal do servizo que é obxecto de concesión”
O conflito orixinouse pola negativa de Albada a renovar o convenio para dar servizo a oito concellos do Consorcio comarcal As Mariñas (que supoñen o 37% do total de residuos). A decisión foi adoptada ante unha "perturbación grave e temporal do servizo que é obxecto de concesión”, sinala o Goberno local, que pon o foco nos incumprimentos de contrato nos que incorreu a concesionaria. Segundo o informe dos servizos xurídicos municipais, este incumprimento por parte de Albada "compromete seriamente a viabilidade da planta de Nostián, ao lle afectar gravemente ao interese público, ao constituír o tratamento do lixo un servizo esencial para a comunidade". Albada cometeu unha "infracción grave" ao pór en perigo "a boa prestación do servizo público", incluída a "desobediencia a ordes de modificación". Este feito permítelle á administración declarar en secuestro a concesión, co fin de asegurar provisionalmente o servizo.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que se busca "evitar tres crises ás que nos podía abocar a situación xerada: unha crise ambiental, que podería provocar desaxustes graves na recollida do lixo nunhas datas sensibles como as do Nadal; unha crise económica, posto que está en perigo a viabilidade da planta; e unha crise laboral, xa que se perderían 40 postos de traballo”.
Se a empresa non reconsidera a súa postura nun prazo de tres días, o Concello intervirá a concesión durante oito meses, correndo Albada cos gastos
Durante os oito meses que dure a intervención, o Concello deberá completar a convocatoria do novo concurso municipal para a concesión do contrato de xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián. Mentres, quedarán asegurados tanto o servizo aos concellos da área metropolitana da Coruña coma os empregos de todos os traballadores e traballadoras.
Tanto o persoal da planta, que iniciou unha folga o pasado 8 de decembro, coma os grupos municipais de Marea Atlántica e BNG, levaban días reclamando a intervención da planta ante a actitude de Albada, que mesmo se negou a asistir a unha xuntanza de mediación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais. De igual xeito, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, xa alertara de que "un Goberno non pode tolerar órdagos nin chantaxes provenientes de empresa algunha, totalmente inaceptables cando esta quere facer prevalecer os seus intereses económicos sobre a prestación dun servizo esencial para a cidadanía, obviando unilateralmente o compromiso contractual ao que está obrigada na prestación do devandito servizo".
"Albada utiliza cada nova negociación para botarlle un pulso ao persoal e ao propio Concello nun intento de maximizar o beneficio obtido dos cartos públicos", advirte a CIG
Nos últimos anos Albada xa protagonizou varios conflitos, tanto cos traballadores coma co Consorcio das Mariñas. E a pasada semana Hadrián Canosa, delegado da CIG na empresa, advertía de que "Albada utiliza cada nova negociación para botarlle un pulso ao persoal e ao propio Concello nun intento de maximizar o beneficio obtido dos cartos públicos, cando en 20 anos de xestión nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas".
Albada forma parte do grupo Urbaser, que ata o ano 2016 pertencía ao Grupo ACS propiedade de Florentino Pérez. Nese momento Urbaser foi vendida a un grupo empresarial chinés. Nos últimos anos Urbaser vén protagonizando numerosos conflitos laborais en moitas das concesións públicas que posúe en Galicia (xestión de residuos, limpeza, xardinería, auga ou axuda no fogar). En varias ocasións os sindicatos denunciaron a "estratexia do conflito" utilizada por ACS nestas situacións, buscando chegar ao extremo, rexeitando negociar ou ceder. Especialmente importante foi a folga de recollida do lixo en Lugo en 2014, que obrigou o Concello a intervir o servizo de limpeza e recollida do lixo.