O Consello de Contas advirte de que a maior parte dos concellos incumpren as súas obrigas medioambientais

A política de xestión de residuos é un dos elementos criticados no informe CC-BY-SA Sili(k)

O 42% dos concellos analizados non realizaron actuacións de inspección e control para detectar a comisión de infraccións da normativa ambiental

Hai unhas semanas o Consello de Contas remitiu ao Parlamento galego un informe de fiscalización sobre a actuación dos concellos de máis de 10.000 habitantes en materia medioambiental nos exercicios 2017 e 2018. O ente conclúe que nas 53 localidades analizadas, nas que viven dous terzos da poboación galega, "produciuse unha escasa asunción de compromisos ambientais e un desenvolvemento incompleto das actuacións de planificación ambiental". 

Os incumprimentos afectan a practicamente todos os concellos e refírense á carencia de normativa, ausencia de inspeccións ou á falta de actividade de concienciación cidadá e educación medioambiental. O Consello de Contas sinala que, en xeral, "detectouse unha carencia de normativa reguladora propia desenvolvida en ordenanzas locais, a actividade de control ambiental foi moi limitada así como tamén se produciu un escaso labor de sensibilización dos propios traballadores". 

Os gastos no medio ambiente non chegaron ao 3% do importe total dos servizos públicos básicos

Así mesmo, destaca que o 42% dos concellos analizados non realizaron actuacións de inspección e control para detectar a comisión de infraccións da normativa ambiental. Todos eles eran localidades entre 10.000 e 20.000 habitantes.

O Consello de Contas critica, igualmente, a "pouca relevancia cuantitativa dos gastos na protección ambiental". Así, no exercicio 2017 os gastos no medio ambiente tiveron "moi pouca relevancia", xa que non chegaron ao 3% do importe total dos servizos públicos básicos, explica.

Ningún concello dispón de plans para o cumprimento dos obxectivos de calidade do aire CC-BY-SA ck

O informe advirte de que "practicamente non existe regulación municipal nin se realizan controis da calidade do aire, da contaminación luminosa ou acústica"

O informe advirte de que "practicamente non existe regulación municipal nin se realizan controis da calidade do aire, da contaminación luminosa ou acústica". E critica que "é moi escaso o labor dos concellos cara á concienciación ambiental dos cidadáns".

Por exemplo, ningún concello dispón de plans ou programas para o cumprimento e mellora de obxectivos de calidade do aire. E Pontevedra e Vigo foron os únicos que realizaron actuacións de control e inspección en materia de contaminación atmosférica. De igual xeito, unicamente o Concello de Vigo ten unha ordenanza específica respecto da contaminación atmosférica, pero non está adaptada á Lei 34/2007 de calidade do aire e protección da atmosfera. Pola súa banda, só A Coruña e Pontevedra levaron a cabo medicións e avaliacións da calidade do aire e o Concello da Coruña é o único que ten un protocolo de actuación no caso de superar os obxectivos de calidade atmosférica.

Ningún concello dispón de plans ou programas para o cumprimento e mellora de obxectivos de calidade do aire

En canto á contaminación luminosa, non existen en ningún dos concellos analizados protocolos de actuación para os casos de superación dos niveis máximos fixados.

Polo que respecta á contaminación acústica, en Ames, Arteixo, As Pontes, Baiona e Vilagarcía non existe normativa municipal nesta materia, incumprindo o disposto na Lei 36/2003, do ruído e no Decreto 106/2015 sobre contaminación acústica de Galicia. Unicamente A Coruña e Lugo fixeron unha zonificación do seu territorio en áreas acústicas. E só os A Coruña e Vigo elaboraron mapas de ruído e plans de acción. De igual xeito, apenas os concellos da Coruña e Pontevedra contan con estacións de medición acústica

En todos os concellos "foi escaso o labor de sensibilización para fomentar a diminución na xeración de residuos e incrementar a separación en orixe"

O Consello de Contas critica que en todos os concellos "foi escaso o labor de sensibilización para fomentar a diminución na xeración de residuos e incrementar a separación en orixe". E alerta de que todas as entidades locais incumpren a súa obriga de elaborar e publicar un informe anual sobre a situación da produción e xestión dos residuos. De igual xeito, advirte de que só 3 concellos realizaron unha recollida separada de biorresiduos susceptibles de compostaxe.

O informe recolle que dos 53 concellos analizados, 20 non dispoñen dunha unidade específica dedicada á xestión ambiental e 17 deles non contan con ningunha clase de persoal especializado na materia. O Consello de Contas alerta, ademais, de que só 18 entidades se adheriron aos compromisos de desenvolvemento sustentable da Carta de Aalborg e destes 18 concellos, unicamente 5 entidades culminaron o procedemento establecido para o seu desenvolvemento.

Parque de Bens, na Coruña CC-BY-SA Luciferete

Recomendacións do Consello de Contas

O Consello de Contas inicia as súas recomendacións convidando a todos os concellos a adherirse aos compromisos da Carta de Aalborg e a participar coa súa xestión municipal nas actuacións que contempla a Axenda 21 para o desenvolvemento sustentable. Así mesmo, suxire que todas as localidades de máis de 10.000 habitantes "deberían contar cun departamento específico para esta área, dotado de suficiente e cualificado persoal que sexa capaz de xestionar os obxectivos ambientais recollidos pola Axenda 21". 

O informe pide que todos os concellos incrementen "o seu labor de concienciación dos cidadáns na necesidade de adoptar hábitos persoais e sociais que contribúan a un desenvolvemento sustentable"

Igualmente, pide que todos os concellos incrementen "o seu labor de concienciación dos cidadáns na necesidade de adoptar hábitos persoais e sociais que contribúan ao logro dun desenvolvemento sustentable". 

O informe conclúe que "todos os concellos deberían incrementar o seu labor de control das infraccións ambientais e dos índices de contaminación". E, ademais, dotarse "dunha normativa propia" que desenvolva as súas competencias en materia ambiental e lles permita realizar "unha xestión máis acorde coas súas circunstancias e cos obxectivos de defensa do medio ambiente". En especial, diríxese ás cidades de máis de 100.000 habitantes, das que afirma que "deben ser máis escrupulosos no cumprimento das obrigas ás que están sometidos pola lexislación ambiental".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.