O descenso da incidencia da COVID frea, pero continúa tras dúas semanas de 'desescalada' en Galicia

Incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia cos datos difundidos este 11 de marzo CC-BY-SA Foto: Concello de Forcarei | Montaxe: Praza Pública

Os datos diarios de evolución da COVID-19 amosan unha fotografía dos contaxios que se producen uns dez días atrás, aproximadamente. Deste xeito, os balances dos últimos días comezan a reflectir a situación do comezo da terceira desescalada en Galicia, isto é, da relaxación das medidas restritivas que a Xunta comezou a finais de febreiro e que continúa a axustar na actualidade.

A evolución da incidencia a 7 días estáncase mentres o indicador a 14 días continúa a descender, aínda que a menor ritmo

Case dúas semanas despois, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) da COVID segue a baixar. Faino, non obstante, cun ritmo que tende a enlentecer. Isto sucede especialmente co indicador a sete días, practicamente estancado dende finais da pasada semana e que cos datos do último día completo dispoñible, o mércores 9, se sitúa na contorna dos 41 casos. A curva que segue máis claramente á baixa é a da incidencia acumulada a 14 días, arredor dos 93 casos novos por cada cen mil habitantes.

O Sergas suma 158 novos casos e na última semana rexistra unha media duns 132 diagnósticos diarios mediante PCR

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, cómpre remontarse ao pasado agosto de 2020 para atopar incidencias tan relativamente baixas en Galicia. A comparación neste caso é relevante porque daquela o Servizo Galego de Saúde tiña unha capacidade diagnóstica menor á actual: a mediados de agosto procesábanse unhas 2.500 probas PCR ao día e nos últimos días esa cifra sitúase na contorna das 6.700.

No que atinxe aos datos máis recentes, os incorporados polo Sergas este xoves á súa base de datos, traen consigo a suma de 158 casos novos, os detectados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do xoves. Deles, 126 son diagnósticos mediante probas PCR. Na última semana, este indicador sitúase na contorna dos 132 novos diagnósticos ao día nun contexto no que tamén tende ao estancamento aínda que, ao contrario da desescalada da ponte da Constitución, máis brusca, non reflicte incrementos.

Neste contexto, no mapa de incidencia da COVID-19 segue aumentando (aínda que tamén a menor velocidade) o número de concellos que non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas. Xa son 134 (dous máis) e os que non rexistraron novos positivos nos últimos sete días chegan a 176 (un máis). Por concellos, as maiores incidencias acumuladas rexístranse nos municipios que dende este venres van ter as maiores restricións, caso de Lourenzá, Paradela, Boborás, A Mezquita ou Vilardevós. Alén deles, a área sanitaria con maior incidencia acumulada e cunha tendencia máis estancada segue sendo a da Coruña-Cee, cuns 172 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días nun contexto que a Xunta admite estar a vixiar con maior atención.

Alén de concellos con incidencias puntualmente máis altas, a área que destaca neste indicador segue sendo a coruñesa, que o Sergas admite vixiar con maior atención; a cidade coa incidencia a 14 días máis baixa é agora Lugo

No que atinxe ás principais cidades, a incidencia coruñesa a 14 días tamén é a maior e transita por un período de estancamento, se ben cos últimos datos volve descender e rolda os 214 casos novos a 14 días por cada cen mil habitantes. Nesta xornada tamén descende o seu indicador a sete días (pasa de 297 a 269 casos novos rexistrados na última semana), ao que o Sergas concede cada vez maior importancia por ser o que antes reflicte posibles brotes explosivos de contaxios. Para os vindeiros días, o Sergas ten programado un cribado entre a veciñanza da cidade da Coruña de entre 18 e 60 anos, unhas 153.000 persoas.

No resto da Galicia urbana, a tendencia dominante das incidencias acumuladas a 14 días segue sendo o estancamento. A cidade de Lugo segue escapando dese freo, cando menos de momento e, aínda que o seu indicador a 7 días empeora moi levemente (de 15 a 18 casos novos nese período), a incidencia a 14 días segue descendendo e sitúase como a máis baixa das cidades, con 47 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. 

Os alivios máis lentos, nas cifras de hospitalización e mortes

Como xa sucedera nas anteriores vagas, pero desta volta con máis intensidade, os indicadores que seguen tardando máis en reflectir melloras substanciais son a presión hospitalaria e a mortalidade. Segundo os datos deste 11 de marzo, ás seis da tarde do mércores, día 10, había aínda 342 persoas con test positivo do coronavirus ingresadas nos hospitais galego, 24 menos que un día antes e 106 menos que o mesmo día da semana anterior.

As cifras de hospitalización en UCI seguen descendendo aínda máis devagar, como xa veñen admitindo as propias autoridades sanitarias galegas. O número de pacientes en coidados intensivos con test positivo da COVID-19 son 71, a cifra máis baixa dende os primeiros días de xaneiro, pero moi por riba das xornadas de agosto nas que Galicia rexistraba cifras de casos novos semellantes ás actuais.

Unhas tres mortes ao día na última semana

O acougo semella está a chegar, finalmente, tamén as cifras de mortalidade de persoas contaxiadas do virus. Na última semana, Galicia rexistra unha media duns tres falecementos ao día e, tras o falecemento incorporado aos datos neste xoves (acontecido o día anterior), o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia sitúase en 2.284.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.