Concellos con residencias moi afectadas pola COVID encabezan a lista de mortes durante a pandemia en Galicia

Cemiterio en Foz Dominio Público Adoban

A pasada semana eldiario.es publicou o primeiro mapa de mortalidade por COVID en casa localidade, grazas á solicitude de información -amparada na Lei de Transparencia- realizada ante o Ministerio de Sanidade, que remitiu (despois de negarse a facelo nun primeiro momento) os datos detallados por concello de todas as defuncións relacionadas coa enfermidade entre marzo do pasado ano e os últimos días do mes de xaneiro de 2021.

Varias das localidades cunha maior mortalidade teñen residencias que sufriron algúns dos gromos máis graves

Os datos publicados por eldiario.es recollen información sobre 1.601 mortes por Covid-19 en Galicia (os que se produciran ata o 21 de xaneiro) e permiten observar as zonas de Galicia nas que a enfermidade golpeou con máis dureza. Un total de 223 localidade tiveron algún falecemento por mor da enfermidade, mentres que unicamente 90 ficaron libres destas defuncións, entre elas algunha vila de importancia, como O Grove ou Bueu, ás que o Ministerio de Sanidade non asigna ningún falecemento nesas datas.

O Incio é o concello con máis mortes por habitante, un total de 21 para unha localidade cunha poboación de apenas 1.533 persoas

O primeiro que chama a atención ao observar o mapa é que varias das localidades que tiveron unha maior mortalidade en termos relativos (número de falecementos por cada 100.000 habitantes) correspóndense con concellos con residencias de maiores que sufriron algúns dos gromos máis graves ao longo da pandemia, especialmente despois do verán. Así, O Incio é o concello con máis mortes por habitante, un total de 21 para unha localidade cunha poboación de apenas 1.533 persoas. Entre os meses de agosto e setembro un brote na residencia de maiores do Incio provocou unha vintena de mortes. 

O mesmo fenómeno repetiuse no Pereiro de Aguiar, Monterrei, Outeiro de Rei, Salvaterra de Miño, Pontedeume, Vimianzo, Barbadás ou O Barco

Na lista aparecen tamén outras localidades nas que se repetiu o mesmo fenómeno, como O Pereiro de Aguiar, Monterrei, Outeiro de Rei, Salvaterra de Miño, Pontedeume, Vimianzo, Barbadás ou O Barco. No Pereiro de Aguiar (42 mortes nun concello de 6.350 habitantes), a Residencia Os Gozos rexistrou en outubro un gromo que chegou a infectar á práctica totalidade dos usuarios e usuarias da mesma, ao redor de 180. En xaneiro ese mesmo centro foi o escenario da confusión pola que se notificou por erro a morte dunha anciá.

Tamén en outubro tivo lugar o gromo máis mortífero na residencia Val de Monterrei, onde se produciron moitas das 12 defuncións rexistradas en Monterrei, de apenas 2.520 habitantes. E, de igual xeito, en setembro a residencia DomusVi de Outeiro de Rei rexistrou un gran número de falecementos, que contribuíron a elevar a 22 a cifra total de mortes neste concello.

Na residencia DomusVi de Cangas morreron 30 persoas entre abril e maio. E na de Salvaterra faleceron 24 persoas en apenas 18 días de novembro

O gromo máis importante na residencia DomusVi de Vimianzo tivo lugar en xaneiro, con máis de 12 mortes, do total de 19 rexistradas neste concello. Pola súa banda, en novembro morreron ao redor de 24 persoas na residencia de Salvaterra do Miño en apenas 18 días, practicamente o mesmo número de falecementos que tiveron lugar nesta localidade. A situación desta residencia foi denunciado por sindicatos e colectivos de traballadoras.

Cangas do Morrazo, en cambio, sumou a súa maior cifra de mortes durante a primeira onda da pandemia (34 dun total de 38), e moitas delas ligadas aos gromos que se produciron na residencia de DomusVi en Aldán, onde se rexistraron ao redor de 30 mortes entre abril e maio. A elevada mortalidade rexistrada nesta residencia impulsou unha mobilización constante de familias nos meses seguintes contra a xestión realizada por DomusVi.

No conxunto de Galicia A Coruña é a cidade que sumou un maior número de mortes (183), por diante de Vigo (155), Ourense (92) e Santiago (75). Inmediatamente despois xa aparecen O Pereiro de Aguiar e Cangas do Morrazo. Lugo é a cidade con menos defuncións.

Algúns concellos con menos de mil habitantes, como Beariz, San Xoán de Río ou Lobeira, figuran tamén entre as localidades cun maior número de mortes por habitante, aínda que cun número de defuncións moi reducido (entre 3 e 7).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.