O "goberno da motoserra": o Concello de Ferrol corta 21 grandes árbores para remodelar unha praza

Corta de pradairos na Praza Rosalía de Castro de Ferrol, no barrio de San Xoán © BNG Ferrol

O Goberno local está a levar a cabo unha completa remodelación da Praza de Rosalía de Castro e esta semana cortou 21 grandes pradairos que serán substituídos por outras árbores máis pequenas. Alega que responde a unha demanda da asociación de veciños, que criticaba a sombra excesiva

O Concello de Ferrol está a levar a cabo unha completa remodelación da Praza de Rosalía de Castro, no barrio de San Xoán. Trátase dunha praza circular que estaba rodeada de 21 pradairos de gran porte que hai uns días foron cortados e que serán substituídos por outras árbores máis pequenas unha vez que finalice a reforma do espazo. A actuación conta cun orzamento dun millón de euros e que levará á unha unha configuración de plataforma única, coa praza ao mesmo nivel que a rúa, sen barreiras arquitectónicas, e o traslado a un lateral da estatua de Rosalía.

O Goberno local xustifica a decisión da eliminación das árbores en que así o demandou a asociación veciñal do barrio, que argumentaba que os pradairos daban demasiada sombra e provocaban problemas de humidade. Porén, a supresión do arborado espertou unha forte crítica entre gran parte da veciñanza (que mesmo pendurou carteis das árbores finalmente cortadas coa mensaxe "non me tales, son vida") e tamén entre os partidos a oposición municipal.

A Praza de Rosalía estaba rodeada por 21 pradairos de gran porte, agora cortados © Turgalicia

Ángel Mato (PSdeG-PSOE) denuncia que "estamos ante un Goberno da motoserra que aposta por reducir zonas verdes e espazos de sombra xusto cando máis necesarios son fronte ao cambio climático"

O ex-alcalde Ángel Mato (PSdeG-PSOE) denuncia que "estamos ante un Goberno da motoserra que aposta por reducir zonas verdes e espazos de sombra xusto cando máis necesarios son fronte ao cambio climático" e a súa formación lembra que "o proxecto socialista para a praza de Rosalía era claro: conservar a maior parte do arborado posible, non eliminalo". "O goberno do PP está levando a cabo unha tala masiva que nada ten que ver co proxecto inicial. E, como sempre, o alcalde intenta repartir culpas en lugar de asumir responsabilidades", engade o PSdeG.

O BNG critica que "unha vez máis o Partido Popular opte pola eliminación das arbores existentes neste espazo no canto de conservalas"

En termos semellantes pronunciouse o BNG, que criticou que "unha vez máis o Partido Popular opte pola eliminación das arbores existentes neste espazo no canto de conservalas". Iván Rivas, portavoz municipal nacionalista en Ferrol, di que a eliminación das árbores da Praza de Rosalía ven "engrosar o listado do arboricidio perpetrado polo Partido Popular" na cidade e lembrou "as talas realizadas no Paseo de irmandiños".

Rivas subliña que "as arbores son hoxe un instrumento fundamental para o desenvolvemento das cidades sostibles e lembroulle, unha vez máis, que Ferrol ten un déficit significativo de vexetación nos seus núcleos urbanos".

Recreación do aspecto final que presentará a praza despois da reforma e unha vez que medren as novas árbores que serán plantadas © Concello de Ferrol

Hai un ano o anterior concelleiro de Medio Ambiente e Obras, José Tomé, afirmou nunha entrevista que "as árbores son para estar nas pradeiras"

Hai un ano o anterior concelleiro de Medio Ambiente e Obras, José Tomé, substituído agora por Blanca Garcia, afirmou nunha entrevista en Radio Voz que "as árbores son para estar nas pradeiras", nunha intervención ao respecto da posible corta de árbores de gran porte nas proximidades da Estación de Tren e na que o edil apostou por especies de menor porte para as zonas urbanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.