O Ministerio suma un diagnóstico máis de coronavirus en Galicia e os "activos" do Sergas inclúen tres novos

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A ausencia dunha serie histórica aberta dos datos do coronavirus en Galicia e a diferenza horaria entre os partes diarios da Xunta -que o segue ofrecendo pola mañá, con datos do día previo- e do Ministerio de Sanidade -que o fai pola tarde, con datos das últimas vinte e catro horas pechados ás dúas da mañá- seguen dificultando a análise concreta da evolución da pandemia no país. Así, por exemplo, este 16 de xuño é posible afirmar que a expansión da doenza segue en niveis mínimos no que atinxe a novos casos, pero as diverxencias chegan cando se trata de dilucidar de cantos novos casos exactamente se trata.

A ausencia dunha serie pública completa dos datos do coronavirus en Galicia segue a dificultar a observación da evolución da pandemia, na que se rexistra un novo diagnóstico segundo o Ministerio e tres novos positivos, segundo o Sergas

O balance diario do Ministerio suma este 16 de xuño un novo diagnóstico da covid-19 en Galicia e indica que nas últimas dúas semanas foron 24. Mentres, nas cifras que ofrece a Consellería de Sanidade no seu habitual comunicado -sen serie pública de datos abertos cos que contrastar, nin agora nin en días posteriores- entran tres "positivos activos" novos. Ambas son cifras moi baixas, pero diferentes entre si na quinta xornada consecutiva sen vítimas mortais, que seguen sendo 619 segundo a Xunta e 609 segundo o Ministerio -o departamento estatal asegura que esta semana ofrecerá o resultado da súa revisión de cifras de falecementos, que segue conxelada na súa suma total-.

Segundo o balance do Ministerio, cuxa serie segue en revisión, dos 24 diagnósticos de covid-19 das últimas dúas semanas en Galicia, 8 teñen algún deses 14 días como data de inicio de síntomas. Mentres, só tres persoas comezaron síntomas da doenza na última semana, indica.

Tras as fortes distorsións da pasada semana, coa introdución de máis dun cento de curacións sen referencia temporal, as cifras do Sergas semellan non incluír nos últimos dous días máis casos de xornadas ou semanas anteriores. Así, despois de que o pasado luns, día 15, a Consellería de Sanidade non sumase ningún caso novo por primeira vez nesta pandemia, este día 16 engade só tres novos casos, os tres novos "positivos activos".

O número de "positivos activos" aumenta nun caso, ata 349, e o número de "curacións" aumenta en dous, ata 10.491, polo que os casos novos de coronavirus que suma o Sergas son tres

Aínda que os casos novos son tres, o indicador de "positivos activos" que a Xunta manexa como referencia só aumenta nun caso. A razón é que a cifra que o Goberno galego presenta como "curacións" -malia incluír tamén unhas 2.000 persoas que deron positivo en test de anticorpos e nunca foron computadas como "positivos activos"- aumenta en dúas persoas, ata as 10.491. 

Daquela, esas dúas persoas recuperadas desaparecen da cifra de positivos activos, que pasa de 348 a 349 persoas. Aumenta nun caso porque desaparecen dous, pero entran tres.

Segundo o Sergas, estas cifras rexístranse nunha xornada na que o número de "positivos activos" que quedan nas residencias de maiores e persoas en situación de dependencia é de apenas 5, mentres 6 persoas que traballan nestes centros seguen afectadas pola doenza. Sanidade xa realizou 159.799 probas PCR, 697 máis que un día antes.

Cando menos un dos positivos activos que deixou de selo era unha persoa hospitalizada

No que atinxe á hospitalización, da combinación de datos do Ministerio e da Xunta cabe deducir que cando menos un dos positivos activos que deixou de selo é unha persoa que estaba hospitalizada. A razón é que o número acumulado de persoas que precisaron hospitalización en Galicia é unha máis ca no día previo (pasa de 2.934 a 2.935), pero o Sergas indica que segue habendo 8 persoas ingresadas, as mesmas que na xornada anterior e ningunha delas na UCI.

Mentres, a outra persoa recuperada da covid-19 nesta xornada estaba illada a domicilio. A suma das persoas nesta situación diminúe nunha e queda en 340.

Nesta ocasión, ao non existir suma de casos atrasados -como era habitual ata estes últimos dous días- si é posible situar en que áreas sanitarias se rexistraron os novos positivos contabilizados polo Sergas. Dous dos tres novos son da área de Vigo e o restante, é da área da Coruña-Cee. Todas as demais permanecen igual que o día previo agás Lugo e Santiago, con cadasúa diminución dun positivo activo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.